ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Opinión

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


A baloira dos días

*Empecer… empezamos

Chuza! esta nova!
Un artigo de Xoán Costa Casas (30/03/2009)

“Empregar como lema “empezamos” envía ao receptor a mensaxe de que quen así se presenta aparece ante nós por primeira vez, que non ten traxectoria anterior. Ao tempo vén a dicir que aínda nada foi feito, que todo está pendente e que ten a capacidade de realizalo. Mais hai outro aspecto importante, a ambigüidade idiomática, de maneira que quen o emite non precisa tomar posición, será o receptor quen decida se recibe a mensaxe en galego ou en español”. Así se manifestaba Marta Dacosta nun artigo recente comentando o lema da campaña electoral do Partido Popular. E é posíbel que unha boa parte do electorado interpretase ese “empezamos” co significado de comezar. Na miña opinión, e como consecuencia da ambigüidade idiomática a que se refería Marta, debemos situar a interpretación do “empezamos” mais no campo de impedir, obstaculizar, atrancar. Prexudicar alguén ou algo; impedir a realización dunha cousa ou proxecto, porque este é o significado do verbo empecer, do que empezamos é presente do subxuntivo. Segundo as gramáticas no Modo Subxuntivo, o emisor presenta un estado de cousas estimado por el como descoñecido, non real ou non certo (que non é o mesmo que posíbel ou dubidoso) independentemente da súa realidade obxectiva. É o modo da non realidade.

E aquí, na non realidade foi onde se situou toda a campaña do PP. Por que onde, se non for na non realidade, está a presunta imposición lingüística do galego sobre o español? Onde, se non for na non realidade e no descoñecemento do proceso educativo, está o adoutrinamento dos nenos e nenas menores de tres anos?.

Foi así que o PP dixo: empezamos. Empezamos que se poida consolidar un sistema público de ben estar social; empezamos que se poida desenvolver a lexislación en materia lingüística no ensino; empezamos que Galiza poida beneficiarse das súas propias fontes de enerxía; empezamos que poidamos ser donos da nosa produción agrícola; empezamos, obstaculicemos, atranquemos, prexudiquemos, impidamos a realización de calquera proxecto que poida supor que os galegos e galegas teñamos o control sobre os nosos recursos enerxéticos, paisaxísticos, económicos, culturais. E se iso o facemos en nome da liberdade o noso empezo (que por certo, é sinónimo de empezoñamento) terá máis éxito.

Voltar a Opinión
Ir á Portada

Xoán Costa Casas

Xoán Costa Casas (Trasmonte-Oroso 1956). Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago. Profesor de Lingua e Literatura Galega e no IES Menéndez Pidal da Coruña desde 1985. Desde xaneiro de 2000 é Presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega desde onde traballa na organización de xornadas, congresos e diferentes actividades...[ler máis]

Outros artigos de Xoán Costa Casas:
* Informe PISA: Frouxos en lectura (09/12/2007)
* Na Coruña pode verse estes días unha exposición de narices (08/11/2007)
*En castelán entenden igual (29/05/2007)
*Camiño de Damasco (12/05/2007)
*Espírito de diálogo (04/05/2007)
*Matanzas (17/04/2007)
*Aí ven o maio, de votos cuberto (20/03/2007)
*Punto de partida ou punto de encontro? (09/03/2007)
*Sentenzas (24/02/2007)
*Secesión e autodeterminación (02/02/2007)
*Prensa galega (25/01/2007)
*Lingua e Estatuto (15/01/2007)
*Estatuto e laicismo escolar (05/01/2007)
*Inqueritocracia e democracia (26/12/2006)
*Galiza está mal colocada (17/12/2006)
*A nación é un feito e non unha idea (11/12/2006)