ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Opinión

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


A baloira dos días

*Amor-profundo

Chuza! esta nova!
Un artigo de Xoán Costa Casas (07/03/2009)

As promesas do PPdG durante a campaña electoral e as actuacións levadas a cabo durante a precampaña fan que, novamente, o tema da lingua se sitúe en primeira liña de fogo, nunha batalla sen fin e nun momento en que todos os indicadores de uso e todas as comprobacións sobre o cumprimento da lexislación en materia lingüística coinciden en salientar a marxinalidade que o galego ocupa no sistema educativo. Por iso non resulta estraña a persistencia que o candidato a Presidente da Xunta de Galiza mostra ao anunciar que a primeira medida a tomar polo seu Goberno será a derrogación do Decreto 124/07 de uso e promoción da lingua galega no ensino, só para contentar unha mínima parte da poboación que vive instalada na fábula dunha hipotética imposición lingüística e do perigo en que estaría o español, recollendo así os presupostos dun grupúsculo que se fai ver por contar cunha Voz moi poderosa. Mais todos e todas sabemos que, mesmo aquel alumnado que recibe maioritariamente a docencia en galego, unha minoría insignificante, remata os estudos con máis competencia en español do que en galego e que a escola continúa a ser o espazo de desgaleguización que sempre foi, tal e como o proban as estatísticas que constatan como é maior o número de alumnado que entra no sistema falando en galego que o que sae falando na nosa lingua.

Resulta preocupante que o futuro Presidente de Galiza pretenda borrar un dos sinais de identidade máis visíbel que temos e un dos elementos de unión do galeguismo desde o século XIX. O noso idioma, sinal fundamental de identidade, é usado cada vez menos. Isto resulta indiscutíbel. Daí que só desde posicións que perseguen a súa desaparición se poda entender que a única lexislación existente que vela pola súa normalización se abandone á lei do máis forte, á lei da libre competencia, sobre todo se temos en conta que esta lexislación non aspira a que a nosa lingua pase do 50% das materias.

O Parlamento galego aprobou por unanimidade, tendo como agora o PP maioría absoluta, co voto favorábel de Núñez Feijoo como parlamentario e vicepresidente da Xunta nese momento, o Plano de Normalización Lingüística que recolle nas medidas 2.1.26 á 2.1.30 que “como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego”. Por iso, só desde unha perspectiva de pouco respecto pola nosa lingua e claramente antigalega, por máis que o señor Feijoo manifeste que “ama profundamente” o galego se pode ver como un demérito a presenza da nosa lingua no sistema educativo, a non ser que se pretenda a súa desaparición. Parece obvio que á lingua galega, á cultura galega en xeral, non lle convén un amante como o Sr. Núñez Feijoo.

Voltar a Opinión
Ir á Portada

Xoán Costa Casas

Xoán Costa Casas (Trasmonte-Oroso 1956). Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago. Profesor de Lingua e Literatura Galega e no IES Menéndez Pidal da Coruña desde 1985. Desde xaneiro de 2000 é Presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega desde onde traballa na organización de xornadas, congresos e diferentes actividades...[ler máis]

Outros artigos de Xoán Costa Casas:
* Informe PISA: Frouxos en lectura (09/12/2007)
* Na Coruña pode verse estes días unha exposición de narices (08/11/2007)
*En castelán entenden igual (29/05/2007)
*Camiño de Damasco (12/05/2007)
*Espírito de diálogo (04/05/2007)
*Matanzas (17/04/2007)
*Aí ven o maio, de votos cuberto (20/03/2007)
*Punto de partida ou punto de encontro? (09/03/2007)
*Sentenzas (24/02/2007)
*Secesión e autodeterminación (02/02/2007)
*Prensa galega (25/01/2007)
*Lingua e Estatuto (15/01/2007)
*Estatuto e laicismo escolar (05/01/2007)
*Inqueritocracia e democracia (26/12/2006)
*Galiza está mal colocada (17/12/2006)
*A nación é un feito e non unha idea (11/12/2006)