ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Opinión

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


*
A labazada do Sí catalán

Chuza! esta nova!
Un artigo de Xabier Pérez Igrexas. (20/06/2006)

O feito de que Catalunya decidira, por maioría abrumadora do 73'90% dos votos do referendo de onte, dotarse dun novo Estatut é sen dúbida unha boa nova para a cidadanía catalana pero tamén para o conxunto do estado, sobor de todo naqueles territorios como Galiza onde están iniciados os traballos para a reforma do seu estatuto.

Esta fin de semana Galiza tiña a vista posta no resultado do referendo catalán. O sábado as forzas do bipartito galego, Bloque Nacionalista Galego e PSdG-PSOE, asinaban un acordo de cirterios mínimos para a reforma do estatuto de autonomía, que fica actualmente nos seus trámites parlamentares inciais.

Nesos criterios mínimos BNG e PSdG-PSOE fixaron o "solo" do debate, non o teito, senon o espazo do que non caberán reduccións nen rebaixas, partindo do recoñecemento explícito do carácter nacional de Galiza, o aumento da cota de autogoverno, a blindaxe nas súas competencias, a promoción e protección do galego como idioma oficial (o castelán pasaría a ser co-oficial) e un novo financiamento que garanta o desenvolvemento das novas competencias e a conquista de maiores níveis de benestar.

Obviamente ese anuncio en plena xornada de reflexión en Catalunya non foi probabelmente froito da casualística, e pese a coincidir coas vésperas do primeiro ano trala derrota de Fraga, é evidente o forte carácter simbólico do mesmo, xusto no intre no que máis de cinco millóns de catalanas/es estaban a reflexionar o seu voto a respecto do proxecto de reforma do Estatut. A mensaxe que se quixo trasladar desde Galiza, soou alta e clara en todo o estado: o proceso de reforma territorial do estado é irreversíbel e implica o recoñecemento do carácter plurinacional do mesmo.

Pero ademáis quedou meridianamente claro que Galiza non baixará do tren das nacións que desde 1978 copilota xunto a Euskadi e Catalunya. Afirmouse, coa voz da maioría nacionalista e progresista que actualmente governa desde a Xunta, que o povo galego non está disposto a unha rebaixa do seu status no conxunto do estado, senon ao contrario, que aspira a gañar posicións desde o recoñecemento da súa especifidade.

Catalunya deu o pistoletazo de saída, que culmina co respaldo social maioritario expresado nas urnas a un proxecto que recoloca a Catalunya no seo do estado español e que a dota dos instrumentos e recursos necesarios para aprofundar no seu desenvolvemento social, económico e cultural como povo.

A indiscutíbel victoria do "sí" supón o triunfo da descentralización do poder e un paso decidido na construcción de novos espazos de convivencia baseados nun status quo nacións-estado e non na imposición. Co novo Estatut de Catalunya o estado español está máis e mellor vertebrado e por fin ábrese unha fiestra de esperanza para os que aspiramos a conquistar máis benestar para as xentes do noso país.

O sutil pero evidente cuestionamento por parte do PP do resultado, escudándose na baixa participación (que cabe recordar foi casi do 50%), denota a falta de cultura democrática do principal partido da oposición. Falamos da mesma participación que a Xunta Electoral prohibiu propiciar a través dunha campaña institucional da Generalitat alegando que a abstención era tamén unha opción democrática. Pois ben, existe unha forte abstención de persoas que por diferentes razóns decidiron non expresar a sua opinión, pero a clave está en que dos que decidiron manifestala máis de 7 de cada 10 dixeron SI. ¿ Se tivese gañado o "non" coa mesma participación, o PP cuestionaría a lexitimidade do resultado? Non é aceptábel ese descaro da democracia á carta.

O Partido Popular sigue atrincherado na súa vehemencia anti-nacionalista cun discurso patrioteiro máis propio da España Cañí que dun partido que se di reformista e de centro. Desde o parapeto do pensamento máis reaccionario, en forma dun Acebes ou un Zaplana desquiciados ou dun Rajoy cada vez máis alonxado da realidade social, o PP caba a súa propia tumba política co seu intento malogrado de enfrontar territorios no nome da sacralizada unidade patria.

En síntese: Catalunya deu a primeira labazada e Galiza acaba de erguer a man.
Onte gañamos todas/os.

Voltar a Opinión
Ir á Portada

Xabier Pérez Igrexas


Xabier Pérez Igrexas é ex-secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes (CAE) e foi membro da súa Executiva Nacional. Foi tamén membro da Dirección Nacional de Galiza Nova. Na actualidade participa no movemento veciñal vigués, e colabora con artigos de opinión en diferentes medios de comunicación.

Outros artigos deXabier Pérez Igrexas:
*Vigo: a hora do benestar (16/09/2006)
*Bóveda. Somewhere over the raimbow (26/08/2006)
*A labazada do SÍ catalán (20/06/2005)
*Outra democracia
*Menos discursos, máis igualdade (08/03/2005)
*Non todo vale, Galiza merece máis (04/03/2005)
*Galiza paga o pato, de novo (16/02/2005)
*Vinte minutos por Europa (11/02/2005)
*Papanatismo antidemocrático (06/02/2005)