Publicidade
Contacto
|
* Bóveda. Somewhere over the raimbow

Un artigo de Xabier Pérez Igrexas. (26/08/2006)
Se existe unha linguaxe universal esta ten timbre de saxo, a potencia da música e a espiritualidade do jazz.
A choiva chegou en agosto como auga de maio. Choiva agradecida e necesaria, que axudou a por fin á maldita vaga de lumes do despróposito. Dicíame un bó amigo que cando estaba a traballar en Londres, como tantos emigrantes anónimos e invisibilizados trala falacia da mobilidade xeográfica, tiña morriña da terra, sobor de todo cando na cidade da eterna néboa comezaba a chover. "Non chove como en Galiza, aquela choiva é gris" dicíame con acerto.
A choiva forma parte da nosa psicoloxía específica, é case un signo identitario que desta volta veu a rescatar ao verde que nos da cor en forma de montes.
E tralo lume chegou a auga, e a través desta o sol asomase unha vez máis desafiando un verán que semella ter ganas de precipitar o seu final. O verán en Galiza sempre foi unha estación suicida.
A luz rebota en cada pinga, proxectase en cada partícula de auga, que a xeito de prisma máxico regálanos unha das imaxes que segue a fascinarnos independentemente da idade. Un arco da vella asomase sobor do país.
É 17 de agosto, semella que Alexandro Bóveda (nunca lle gostou que lle chamasen Alexandre) quixo asomarse á patria pola que deu a vida, non para convérterse nun mártir ao uso, senon para exercer ese patriotismo digno que non gosta das palabras gordas, nen da grandilocuencia estética. Asomado nalgún lugar sobre o arco da vella, fainos lembrar que inda temos unha débeda cos nosos patriotas, co seu contributo, coa súa indispensábel achega. Debemoslles algúns kilometros, duros e difíceis, no camiño da historia.
Non tocan grandes discursos, é o momento de recoñecer publicamente que Galiza se apelida Bóveda, Castelao, de Castro, Ferreiro, Casal... Reboiras.
Por ti, por vós, por nós: ¡viva Galiza Ceive!
Voltar a Opinión
Ir á Portada
|
|