ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*
Outra democracia


Publicaba hoxe Ramón Chao, sen dúbida unha referencia intelectual no ámbeto galego do que debemos destacar o seu alto compromiso social e coa realidade de Galiza, inda que nos diferencien matices, un artigo de opinión no que coa súa acostumada brillante sinxeleza sintética apostaba "Por outra democracia" como rezaba o título da columna.

Exemplificaba a contradicción do sistema democrático coa condena ao ostracionismo dun dos pais da democracia ateniense, Arístides "O Xusto", promovido polo demagogo Temístocles. E serviu de excelente metáfora do valor do voto, e da responsabilidade que a participación democrática na vida política debe exixir por parte da cidadanía. Vale igual o voto da porteira que o de Jean Paul Sartre, vale igual o voto do convencido militante que o do indeciso que escolle por sorteo na aletoriedade dos acrónimos en papeletas. Vale igual o voto por principios que por oportunismos.

Un "bug" (como se di en xerga informática) máis dun sistema claramente imperfecto, que na súa vertente de representatividade institucional ao modo contemporáneo occidental parecese máis á traición de  Temístocles que ao promovido por Arístides na antigüedade.

Porque cando falamos de vontade democrática, democraticamente expresada a través da elección, co voto por instrumento, non podemos obviar elementos circunstancias determinantes. Desde unha lei eleitoral, que instaurando un determinado sistema aritmético de traducción de votos en representantes da soberanía, limita a representación plural da diversidade ideolóxica, até un mass media que abafa calquer resquicio de pensamento crítico ou cuestionador da realidade, que uniformiza, e que como ben sinala con acerto Ramón fica na absoluta maioria dos casos, inda que algunha excepción razoábel hai, entregada aos intereses dun grupo económico, político... ao cabo a intereses particulares, que desvirtuan o direito á información nun xogo de manipulación plagada no mellor dos casos de infames sutilezas.

A democracia representativa debe abrirse á participación real e efectiva da cidadanía, que a situe como actor principal con direitos a efectos practicos de intervención, con relativa inmediatez, nos asuntos máis trascendentes, que poida emendar e non unicamente substituir actores que non sempre a representan; ao cabo, inda que sone a ensoñación utópica, devoltarlle á cidadanía a sua cota de soberanía articulando mecanismos que posibiliten o seu exercicio individual nunha mecánica colectiva. Cecais iso pase por novas fórmulas democrática que se afasten do parlamentarismo institucional, experiencias hai abondo, desde a Venezuela bolivariana ou á democracia participativa do Brasil, pasando por algunha experiencia isolada na Europa.

Pero tamén é preciso que se forme cidadanía consciente, con capacidade crítica e cuestionadora, que se sinta parte da súa realidade, actor principal da vida política. E digo formar, que non deformar, moeda corrente nestos tempos. Canto maior sexa o grado de consciencia cidadá, maior a súa responsabilidade, mellor o funcionamento do sistema. Dun sistema que ao meu parecer, exixe dunha progresiva emenda á totalidade, polo obvio: é unha auto-traición, unha nova traición a Arístides.

É posíbel, só se precisa vontade.


Voltar a novas

Ver anteriores