ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Opinión

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns


*Aprender a convivir

Chuza! esta nova!
Un artigo de Manuel Dios Diz, (15/12/2006)
Manuel Dios Diz preside o Seminario Galego de Educación para a Paz e dirixe a Fundación Cultura de Paz en Galiza.

Aprender a vivir xuntos, aprender a convivir, é unha finalidade básica da educación. Trátase, por conseguinte, de sumar esforzos para dar respostas favorables, conscientes de que a educación para a convivencia democrática e a cidadanía, para a igualdade entre mulleres e homes, a educación intercultural, en definitiva, a Educación para unha Cultura de Paz, son desafíos que a escola non pode obviar se quere, realmente, atopar alternativas, (positivas e construtivas), ós problemas escolares e sociais do século XXI.

Un Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar e a súa necesaria adaptación e concreción en cada centro educativo ten que especificar e desenvolver medidas de carácter formativo, anticipatorio e disciplinario, con protocolos ben detallados para a máis oportuna actuación diante dos agresores, das vítimas e das testemuñas pasivas da violencia escolar. En calquera caso, serán as propostas de carácter educativo e integrado (non so as punitivas e sancionadoras) as que centren o marco xeral das actuacións.

Un plan de convivencia escolar ten tamén que sensibilizar, prever e evitar. Debe interpelar directamente ás responsabilidades de cada sector da comunidade educativa, á sociedade no seu conxunto, ós pais e ás nais ou titores, sobre da complexa problemática da convivencia escolar, sen alarmismos, sen caer en sensacionalismos, informando sobre os problemas con rigor, de maneira positiva, construtiva e esperanzada. Sensibilizar máis e mellor ós pais e ás nais, como os primeiros e principais responsables da educación dos seus fillos e fillas, precisamente, no ámbito onde se constrúe a primeira cartografía dos afectos, o mapa das emocións e dos sentimentos, a urdime afectiva que tan ben dicía o médico galego Juan Rof Carballo, no seu celebrado libro “Violencia y ternura”, como o mellor antídoto contra da violencia.

Pero un plan integral de mellora da convivencia escolar que preveña de maneira efectiva contra da violencia, ten que significar tamén cambios nos centros educativos e no profesorado, nos estilos docentes, nas relacións interpersoais, nas metodoloxías e no modelo de organización escolar, na selección e estruturación dos contidos curriculares que, na actualidade, acostuman a ser moi pouco interdisciplinares e, polo tanto, excesivamente ríxidos e xeradores de propostas pouco relevantes e significativas para o alumnado. Estes cambios deberían ter a súa plasmación real (non so formal) no Proxecto Educativo de Centro e nas titorías, nos servizos de orientación e nas equipas directivas.

Na actualidade, existe unha moi ampla coincidencia en recoñecer as notables deficiencias na formación inicial do profesorado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, sobre todo, nestas cuestións tan relevantes, por iso recibimos gratamente as propostas do Título de Grao elaboradas polo MEC e o Título de Máster en Formación do Profesorado en Educación Secundaria, nos que se recollen, de forma xenérica, propostas no referente á diversidade, educación en valores cívicos e democráticos, resolución pacífica de conflitos, igualdade de xénero, dereitos humanos ou a educación para unha cidadanía activa. Tamén a formación do profesorado en servizo necesita dunha reforma significativa e en profundidade, tanto nos contidos como nas metodoloxías, privilexiando a formación nos propios centros de traballo para que teña repercusión real na práctica docente de cada día.

Consideramos moi urxente a posta en marcha, efectiva, de Equipos de Mediación e Tratamento de Conflitos en cada centro educativo, de carácter interdisciplinar, integrados polo profesorado, alumnado, nais e pais de familia, e apuntamos, igualmente, a comenencia de crear un Seminario ou Equipo de Aprendizaxe da Convivencia, con persoal especializado, non só do profesorado, senón tamén de asistentes sociais dos concellos, psicólogos, pedagogos e educadores sociais, psicoterapeutas, con espazos e tempos, nos que o traballo cooperativo, a colaboración entre iguais, a atención individualizada, a axuda en propostas de diversificación curricular, a comunicación e o diálogo, deberían ser a norma e non a excepción.

De igual modo, é moi acertada a creación dun Observatorio Galego para a Convivencia Escolar, tal e como ven de anunciarse, na liña dos xa constituídos recentemente noutras CC.AA, con funcións precisas e composición plural, con autoridade moral e autonomía suficiente, co financiamento adecuado, para investigar, analizar, sensibilizar, axudar, programar, orientar e avaliar anualmente, así como para facer propostas concretas de mellora dos respectivos plans de convivencia escolar.

É urxente considerar os valores cívicos e democráticos, os principios éticos, como o centro do noso comportamento cotiá. Recordar cada día que son precisamente os principios máis intransitorios, e non leis mercantís, os que deben guiar os nosos pasos. E aprendemos a convivir interactuando, dialogando, escoitando activamente, asumindo responsabilidades, compartindo vivencias e propostas, debatendo, intercambiando ideas e opinións diferentes, acordando, atopando aspectos comúns, reflexionando, producindo pensamento crítico... porque a educación para a Convivencia, a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos é, como sabemos, unha educación en valores prosociais, imprescindibles nunha sociedade democrática de auténticos cidadás conscientes, libres e responsables.

Por iso, desde un estado aconfesional como o noso, debemos facer unha aposta inequívoca pola laicidade na educación, porque este é o común denominador nunha sociedade democrática como a española actual, o cal non é contraditorio con que, ademais, aceptemos, como establece a Convención dos Dereitos do Neno (e da nena), que ata a idade da emancipación, se eduque respectando as crenzas e ideoloxías de pais, nais e titores.

Aquelas autoridades relixiosas que obxectan dunha formación cidadá desta natureza deberían pensar moi ben si impoñer credos indiscutibles e dogmáticos é o mellor camiño para difundir as mensaxes de amor, solidariedade e dignidade humana no que se basean as relixións, dos que son fundamento, precisamente, os principios esenciais da educación cidadá.

Voltar a Opinión
Ir a Novas