Publicidade
Contacto
|
O bico da lingua
*E sempre A Coruña...

Un artigo de Francisco Xosé Rei García (08/02/2007)
Volvemos ollar como estes días o Concello da segunda maior cidade do país, A Coruña, dilapida tristemente millóns de euros das contas públicas recén aprobadas para, con todo descaro, seguir a incumprir sen a menor preocupación, incomodo, desacougo ou incerteza cada punto e cada vírgula do xa longo rosario de resolucións xudiciais que desde o ano 1994 –algo xa choveu –o obrigan a cumprir o estabelecido na Lei de Normalización Lingüística de 1983 (botemos conta dos anos transcorridos), nomeadamente o seu artigo 10 (Todos os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega), e mais o disposto na lei 5/1988 de Uso do Galego como Lingua Oficial polas Entidades Locais. Sentenzas que, como sabemos, proceden de instancias xudiciais nada sospeitosas precisamente non xa de filonacionalismo ou filogaleguismo, nin sequera de simple respecto ou mínimo servizo ao país do que viven e lles paga os salarios.
A cada nova resolución xudiciaria que dá a razón os defensores da legalidade e do dereito da lingua galega e os seus utentes a existiren na Coruña e poderen desenvolver a súa vida entanto cidadáns normais que pagan os seus impostos relixiosamente responde o Concello, alén de cun novo recurso (interesante sería calcular cantos diñeiros públicos saen das arcas municipais neste concepto), co desprezo máis absoluto polo Poder Xudicial e coa porfía máis descarada no seu desacato obsesivo contra o seu outras veces, e segundo previa conveniencia, tan sacralizado Estado de Dereito. Xa poden os Tribunais anular en firme un acordo plenario como o delirante daquel Pleno de 2 de novembro de 2004 que facía “cooficial” a forma *La Coruña como denominación oficial da cidade: o goberno municipal co alcalde Javier Losada á cabeza, como quen ouve chover.
Actúa o Concello da Coruña, e eis o problema, coa prepotencia do fachendoso galo de curral que se pode permitir manterse desafiante e empoleirado porque sabe que ten asemade as costas ben cubertas. E non, quizá, pola existencia dun Primo de Zumosol ao xeito do anuncio, senón máis ben porque, neste caso, como acontece ás veces cos “fillos problemáticos”, os “titores legais” da criatura prefiren mirar para outro lado e faceren que a cousa non vai con eles. Vai para dous anos de goberno bipartido e, agás moi honrosas excepcións en áreas gobernativas que se contan por desgraza cos dedos dunha man, por ese lado o Concello da Coruña pode estar ben tranquilo.
Mais hai, alén do desacato á Xustiza, un serio problema de desafío e menosprezo desde o Palacio municipal de María Pita cara ao galego como lingua e cara todo aquel ou aquela que quixer exercer de falante minimamente consciente e consecuente. Trátase dunha actitude irracional, autocrática, de desprezo e de exclusión herdada da etapa pacovazquiana, mais que hoxe continúa a pesar das boas palabras e intencións ocasionais ou de certos actos que, á luz dos feitos obxectivos, só poden ser cualificados de cínicos. E el como non ía continuar? Javier Losada de Azpiazu, actual alcalde e candidato do PSOE á relección, foi durante 23 anos man dereita do hoxe Embaixador español na Santa Sé; Primeiro Tenente Alcalde; Portavoz do goberno local; Responsábel político da Agrupación Socialista Coruñesa; encargado de dar a cara publicamente (mesmo de rompela) nos máis graves sarillos en que se veu envolto Francisco Vázquez nos seus últimos anos de xestión; durante anos emisor habitual de insultos, descualificacións e frases pouco amábeis para quen ousar levar a contraria.
O que ninguén lle pode negar ao actual alcalde é a súa camaleónica capacidade de mutación en cuestión de días e, diríamos, de horas do punto de vista das formas e do discurso aparente. Ou a súa ilimitada capacidade para o cinismo e para ter unha dupla faciana. Así, víamos hai un par de semanas como era quen, sen o menor dos problemas, de lle conceder á Real Academia Galega a Medalla de Ouro da cidade en solemne acto protocolario mentres día a día despreza, marxina, exclúe, invisibiliza e nega o idioma en que aproximadamente un 40% das coruñesas e coruñeses, a pesar dos pesares, fan (facemos) a nosa vida cotiá, total ou maioritariamente.
Por fortuna, o Presidente da RAG tivo os azos e a dignidade suficiente de lle lembrar que unha simple medalla, con todo o que poida ter de valor simbólico, non pode solapar todos os agravios cometidos contra o idioma de Galiza desde a Institución municipal. Mágoa que no mesmo discurso asumise en boa parte o prexuízo enganoso da “imposición do galego” e a Academia non teña acotío a mesma belixerancia práctica en favor do idioma na cidade que lle dá asento. Mais por algo se comeza. As palabras de Barreiro son xa algo máis do que o silencio imperdoábel de máis de dúas décadas no caso concreto da Coruña.
Ben estaría agora que unha vez que vellos amigos asumiron a realidade, sequer fose parcialmente, outros igual non tan vellos, con moitísima máis responsabilidade política e institucional, fagan o propio.
No entanto, pois nada: os funcionarios municipais que queiran exemplares en galego dos inquéritos para a valoración dos seus postos de traballo recibirán como resposta “pero si total da lo mismo”; a descaradamente propagandística presentación do Orzamento municipal “participativo” seguirá a chegar ás nosas moradas só en castelán, como se os veciños e veciñas galegofalantes non o posibilitemos cos nosos cartos; e cando vaiamos nos novos autobuses recén fornecidos de novos recursos informativos saberemos que a próxima paraxe é a “ Plaza de Orense”. E total, que máis ten?
Voltar a Opinión
Ir á Portada
|
|