ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Opinión

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


Ligazóns patrocinadas:
recursos de multas


O bico da lingua

*Unha oportunidade, unha esperanza

Chuza! esta nova!
Un artigo de Francisco Xosé Rei García (01/03/2007)

Cando se vive en contextos onde a norma xeral é o desánimo, o cepticismo, a frustración ou, moitas veces, a simple indignación frente ao que se acotío, ás veces acontece que surxen noticias a xeito de pequenas fendas na escuridade polas que dá atravesado algunha raiola de luz; cousas que dalgún xeito nos animan a seguirmos aí, a pensarmos que, con todo, a batalla aínda non está perdida.

O novo Decreto de galeguización do ensino non universitario anunciado pola Consellaría de Educación en días pasados é, con todas as pexas, inconvenientes e limitacións que se quixeren, unha boa noticia. A constatación de que sen reclamacións non hai conquistas; de que o que tantas veces nos semellou a tantas persoas en Galiza unha longa travesía no deserto pode tornarse, de ser este o camiño que se escolla no futuro inmediato, nun paraíso habitábel e habitado se houber a vontade e o esforzo.

Cómpre termos claro que non estamos perante unha dádiva chovida do ceo, un presente a fondo perdido, unha concesión graciosa dunha Consellaría que, non o esquezamos, malia a Conselleira ser independente, está en mans socialistas, é dicir, españolistas; estamos perante unha conquista inequivocamente atribuíbel a aqueles colectivos sociais, sectores da comunidade educativa e mesmo persoas individuais que, durante moitos anos, non nos conformamos coa acomodaticia ladaíña do tanto ten e seguimos pelexando, embora tantísimas incomprensións, ataques e todo tipo de presións, mesmo no noso entorno máis próximo, por aquel mítico e semella que xa tan distante dereito irrenunciábel ao uso do galego no ensino. Estamos, pois, de parabéns.

Convén esclarecer, mesmo con ánimo de espaventar certas tentacións, que a propia Consellaría recoñece que este será un Decreto "de mínimos" (non "de máximos", como o até agora vixente); ampliábel, por tanto; e, en todo caso, un punto de partida, mais non ese decreto-muro inamovíbel que pretendía o Partido Popular. Interesante é, neste sentido, a Disposición adicional quinta na súa literalidade: "Con periodicidade anual, despois do final de cada curso escolar, o Goberno de Galiza avaliará os resultados de aplicación do presente Decreto e desenvolverá regulamentariamente cantas disposicións foren precisas para o mellor cumprimento e e adaptación dos seus obxectivos, a fin de achegarse gradualmente á plena aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias". Paga a pena lembrarmos que esta Carta Europea das Linguas, tratado internacional de obrigado cumprimento subscrito polo Estado español e aprobado unanimemente polas súas Cortes en 2001, sinala que no caso de Galiza o ensino non universitario deberá ser normalmente na na lingua territorial propia, é dicir, o galego. Estamos, xa que logo, perante o primeiro texto legal que no noso país determina a Carta Europea das Linguas como horizonte a atinxir. Mais tamén perante o primeiro desenvolvemento e plasmación legal do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado en 2004, o que é unha boa e unha má noticia a un tempo: boa porque ao fin o Plan Xeral semella que comeza a saír do sono de Breogán e da urna de cristal en que o tiñan recluído, non se sabe se en permanente exposición ou para facer con el exercicios de adoración nocturna; má porque non é de recibo que en tres anos un goberno non sexa quen de explicitar medidas concretas, cos seus puntos e as súas vírgulas, en forma de leis.

Do que non cabe dúbida é de estarmos perante un decreto cualitativamente mellor do que tristemente tan cacarexado 247/95 até o momento en vixencia, a comezar pola filosofía de fondo na elaboración e pola vontade política coa que comeza o seu andamento; tamén polos propios contéudos que formula: propostas tan necesarias como as referidas á formación do profesorado xa desde as escolas de Maxisterio e outras titulacións universitarias; os medios materiais mesmo para o alumnado inmigrante; o fortalecemento, coordenación e dignificación do traballo dos Equipos de Normalización Lingüística; as avaliacións periódicas do cumprimento do Decreto; ou a reforma do sistema de exencións na materia de Lingua e Literatura Galegas.

Certo que hai cuestións mellorábeis ou matizábeis, lagoas e temas que haberá que seguir debatendo como, fundamentalmente, o da dubidosa rigoridade de conceptos como o de "lingua materna" ou mesmo "lingua ambiental", que se seguen usando como referencia na etapa de Educación Infantil, nun contexto diglósico como o noso onde lingua A e lingua B non xogan precisamente en igualdade de condicións. Eis unha batalla coa que haberá que seguir, así como coa da lecto-escrita no noso idioma, cuestión que finalmente o Decreto non recolle malia si figurar no primeiro rascuño que trascendera publicamente.

Que o novo Decreto de galeguización do ensino non universitario podía ser aínda mellor é evidente, como tamén o é que non completa as aspiracións daquelas persoas que queremos un sistema educativo plenamente nacional e en galego no noso país. Mais cómpre sempre non perdermos a perspectiva do punto de que partimos: nunha situación de extremada precarización, atomización, fraxilidade no uso social e consciente da lingua como a que vivimos, sen falarmos xa da perda de falantes e do a cada vez máis avanzado proceso de substitución lingüística, é obvio que calquera paso, por mínimo ou morno que poida parecer, será positivo se a dirección é a correcta. Da súa efectivización, do seu cumprimento, a responsabilidade é de todas e de todos aos que nos importe o galego.

Voltar a Opinión
Ir á Portada

Francisco Xosé Rei García

Francisco Xosé Rei García (A Coruña, 1981). Entre 2001 e 2005 foi Responsábel de Organización nacional dos CAF. Membro da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística desde febreiro de 2006, ao tempo que finaliza os seus estudos de Licenciado en Filoloxía Galega na UdC...[ler máis]

Outros artigos de Francisco Xosé Rei García:
*Unha oportunidade, unha esperanza (01/03/2007)
*E sempre A Coruña... (08/02/2007)
*Cuestión de cinismo? (19/01/2007)
*Ladran os cans, amigo Sancho (16/01/2007)
*De Luns a Venres, a normalidade posíbel (04/01/2007)
*Agrupación Cultural Alexandre Bóveda: 30 anos de andaina ao servizo do país, 30 anos de exemplar defensa do noso (26/12/2006)
*A Coruña, onte, hoxe, sempre (19/12/2006)