ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Opinión

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


O bico da lingua

*De Luns a Venres, a normalidade posíbel

Chuza! esta nova!
Un artigo de Francisco Xosé Rei García (04/01/2007)

A aparición na escena mediática dun novo diario de tiraxe nacional feito integramente en galego, LV. De Luns a Venres, está a xerar non pouca expectación e, o que si, sorpresa, moita sorpresa. O feito de a súa distribución ser gratuíta e na rúa nas sete principais cidades galegas está a contribuír xa, e iso que semanas escasas de andaina é moi pouco tempo, a difundilo socialmente. E a algo máis.

LV aparece -non sei se conscientemente ou non, mais o caso é que aparece- como un oasis de normalidade nun deserto de abafante desprezo pola lingua propia que viñan sendo e seguen a ser os catro diarios debalde que xa coñecemos en Galiza desde hai un tempo, todos eles foráneos. Mais ese desprezo non só aquí, cando menos do punto de vista lingüístico: tamén en Catalunya era a súa idea inicial desprezar o catalán, malia algún dos grupos editoriais que están detrás ter a súa sede en Barcelona, e foi só unha contundente reacción social a que os fixo recuar. Hoxe, tres das catro cabeceiras que aquí tamén coñecemos empregan o catalán aproximadamente nunha porcentaxe próxima a 30%; a cuarta emprégao residualmente, mais fai que minimamente exista. Aquí, fóra do que poida ser algunha publicidade institucional, carta de opinión ou colaboración individual, NADA.

Independentemente de quen estiver detrás de LV e de que a liña editorial do novo diario nos poida gustar máis ou menos, como acontece sempre en todo, fiquemos co positivo: debido a que é debalde e de reparto masivo na rúa das sete cidades en hora punta, quizá non sexa exaxeración dicir que probabelmente esteamos ante a primeira vez que un xornal en galego entra en moitas moradas de todo o país, sinaladamente en espazos hoxe tan desgaleguizados como son as cidades. Xa que logo, non podemos senón parabenizarnos pola aparición dun diario, aposta arriscadísima ademais, que pode e ten que cumprir, ao abeiro de todas e todos nós, unha función obxectivamente incuestionábel no entrampallado proceso de normalización da lingua de noso, sinaladamente en aspectos tan urxentes como a popularización (ou extensión social, se se quixer) e o prestixio.

Aliás, é inevitábel que, alén de ledicia, a posta en andamento de LV nos leve tamén á reflexión sobre un espazo, o mediático, onde o “normal” segue a ser o castelán e onde a presenza do galego continúa a ser, máis de 25 anos após a “oficialidade”, por riba de anecdótica, completamente ritual e secundaria. Un novo medio, sexa do tipo que for, comeza en Galiza e nin se formula qué lingua empregar. Pouco importa que o galego siga a ser, alén da lingua propia do noso pobo, a socialmente maioritaria ou o que os inquéritos sinalen a respecto do desexo da xente dun maior uso do galego nos medios: este continúa a estar baixo cero na escala –estudos recentes sinalan que durante a Transición a nosa lingua se empregaba máis nos xornais do que agora –e así seguirá a ser. Cando menos mentres o capital financeiro que os sostén e lles dá vida non perciba unha demanda social noutra dirección; nova demanda á que LV ben pode contribuír. De nós depende.

Voltar a Opinión
Ir á Portada

Francisco Xosé Rei García

Francisco Xosé Rei García (A Coruña, 1981). Entre 2001 e 2005 foi Responsábel de Organización nacional dos CAF. Membro da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística desde febreiro de 2006, ao tempo que finaliza os seus estudos de Licenciado en Filoloxía Galega na UdC...[ler máis]

Outros artigos de Francisco Xosé Rei García:
*Unha oportunidade, unha esperanza (01/03/2007)
*E sempre A Coruña... (08/02/2007)
*Cuestión de cinismo? (19/01/2007)
*Ladran os cans, amigo Sancho (16/01/2007)
*De Luns a Venres, a normalidade posíbel (04/01/2007)
*Agrupación Cultural Alexandre Bóveda: 30 anos de andaina ao servizo do país, 30 anos de exemplar defensa do noso (26/12/2006)
*A Coruña, onte, hoxe, sempre (19/12/2006)