Publicidade
Contacto
|
O bico da lingua
*Ladran os cans, amigo Sancho

Un artigo de Francisco Xosé Rei García (16/01/2007)
Ouvíronse ladridos e ouveos desacougados, cheos do medo e do carraxe da besta adoecida nos últimos días natalicios. A razón, as proposicións parlamentarias feitas públicas polo Bloque Nacionalista Galego a respecto de dúas cuestións ben máis esenciais e básicas do que nun primeiro momento poida parecer: a primeira delas, instando á recuperación da nosa antroponimia propia, os nomes e apelidos de noso, entre a nosa poboación, a comezar especialmente polos da nosa clase política; a segunda, instando a tomar as medidas necesarias para que as cativas e cativos galegos poidan por fin comezar a desfrutar no futuro de xogos, bonecos ou videoxogos que empreguen o mesmo idioma que eles falan, o galego, e para que os xoguetes poidan servir de eficaz e necesario axente de normalización da nosa lingua entre os máis pequenos.
É ben curioso, mais á vez revelador, o aparente duplo xogo hipócrita dos principais valedores da postración e dominación histórica de Galiza, nomeadamente os do ámbito mediático, polas súas prontas reaccións desaforadas perante estas dúas iniciativas. Curioso non por proviren de quen proveñen, que apenas nos sorprende, senón por montaren tal balbordo de boas a primeiras cuns asuntos que eles propios axiña se encargan de carimbar de “pouco importantes”, “secundarios” e, o que semella estar de moda nestes tempos a respecto de tantas cuestións, “temas que non preocupan nada a cidadanía de a pé”. Era visto! Quen se crerá que é un deputado lexitimamente electo por votación democrática nun organismo representativo do pobo galego para propor lexislar sobre nada? Desde cando se lles paga por iso aos deputados? Como todo o mundo sabe, son os medios primeiramente, e outros sectores tamén, os verdadeiros oráculos da democracia, os que mellor do que ninguén saben e poden valorar que é o que precisamos e que é o que non; qué nos importa e qué non.
“Ladran, amigo Sancho, logo cabalgamos”, dicíalle D. Quixote ao seu fiel escudeiro nunha das máis sonadas pasaxes da monumental obra cervantina. Ladran, ouvean e fican afónicos e sen tinta de tanto escribiren perante as dúas felices iniciativas (re)dignificadoras do BNG os habituais beneficiarios da colonización do país, á vez os primeiros colonizados de todos; os que de tan colonizados que eran chegaron a intermediarios como premio polos servizos prestados. Bo sinal é que perdan os papeis e que esbardallen o que quixeren, pois estanse a retratar de corpo enteiro e, o que é mellor, a amosaren a súa verdadeira faciana.
Porque resulta minimamente serio ou presentábel denunciar como “imposición” dos nomes e apelidos galegos, ou da propia lingua no caso dos brinquedos para cativos, iniciativas que só tencionan a aplicación do que xa está máis que lexislado? Resulta de recibo que se alcuñe de “pailanada” promover a recuperación dos nomes e apelidos que usamos sempre as galegas e galegos até os séculos XVIII, XIX ou mesmo inicios do XX? Non será ben máis pailán defender que continúe per secula un país inzado de Gigireys, Agrafojos, Carbajos, Oteros, e un longo etcétera? U-la a imposición realmente?
Máis unha vez o mundo ao revés, o universo paralelo das imposicións (¿) inventadas bate con forza contra a realidade obxectiva, a que calquera persoa –xa non digamos a que quere vivir en galego na súa propia terra – pode observar ben facilmente. Mais que sigan a rabear o que queiran perante cousas tan “miúdas”. Can que moito ladra, pouco traba.
Voltar a Opinión
Ir á Portada
|
|