Publicidade
Contacto
|
O bico da lingua
*Cuestión de cinismo?

Un artigo de Francisco Xosé Rei García (19/01/2007)
Do que se enteira un. Grazas ao españolismo e aos seus leais servos na Galiza xa sabemos que aquelas cousas que nos amolan, non nos gustan ou non interesan non se introducen por lei: impóñense. Así, segundo esta lóxica, igual que non se introduce ou se acrecenta a presenza do galego en ámbitos onde antes non estaba ou a súa presenza era raquítica senón que se impón, teremos que dicir que tamén se impoñen os impostos (como o seu nome indica) –que a case ninguén lle gostan-; tamén se impoñen as leis reguladoras do urbanismo e do medio ambiente -que decerto que non son nada do gosto dos terroristas ambientais e dos especuladores sen escrúpulos-; imponse a escolarización obrigatoria e moitas materias do currículo escolar (a min impúñanme de xeito parafascista as matemáticas e mais a física, que non me gostaban nada); imponse a prohibición do traballo para os menores dos 16 anos –que ben que lles debe fastidiar a non poucos empresarios-; imponse o Salario Mínimo Interprofesional –para quen o padece abofé que é unha imposición, e das peores-; e un longo etcétera. Porque, postos a facer demagoxia da barata, cando menos fagámola ben.
Era de prever que o anuncio de que a Consellaría de Educación traballa na elaboración dun borrador de decreto que substitúa o actualmente vixente e desfasado 247/95 ía causar balbordo nos particulares sanedríns do imperialismo fracasado e, como non, nos medios ao seu obediente servizo. Até aquí, a ladaíña habitual, todo normal. O de sempre.
O que non deixa de resultar curioso, cando menos nunha reflexión inicial, é que os primeiros en causaren o barullo sexan, nada menos, os mesmos pais da criatura (cando menos os que figuran legalmente no Libro de Familia): aprobación en 2004, gobernando o PP con maioría absoluta no Parlamento de Galiza, do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que sinala na súa medida 2.1.25 o obxectivo de que “o galego se converta no idioma de base da aprendizaxe escolar” (confróntese isto coa ilegal e antidemocrática medida do borrador de novo decreto de garantir que as cativas e cativos aprendan primeiramente a leren e escribiren na lingua propia de Galiza); aprobación unánime polas Cortes do Estado en 2001 (xa en pleno aznarato) da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, con rango de tratado internacional, que sinala directamente que o ensino en Galiza debe ter como vehículo normal o galego.
Alertan o PP, o seu ben alimentado coro mediático gallego e os seus satélites no mundo do ensino –e desgrazadamente tamén unha boa parte do planeta PSOE– da conflitividade social e educativa que pode causar un texto legal tan, imos dicir, “arriscado” (arriscado por pretender cumprir minimamente o xa lexislado, que como se sabe na Galiza é pouco menos que delito). Habería por forza que concluír, coa información que agora posuimos que, xa que logo, o PP pretendía “crear confrontación” e “inventar conflitos onde antes non había” cando baixo as súas maiorías absolutas apoiou e aprobou medidas tan radicales como as sinaladas.
Iso ou, se cadra, unha outra interpretación que aínda deixaría o PP e as súas camarillas (e, se callar por que non, a boa parte do PSOE) peor parados: que todo o lexislado en favor do galego e da súa normalización, da súa extensión social, desde 1980 até a data non fose outra cousa que pura e simple hipocrisía, puro teatro, como dicía a canción.
Aínda que algúns xa tíñamos desde hai ben anos a sospeita de que nos estaban concedendo uns dereitos lingüísticos a condición de endexamais exercérmolos, virmos agora a comprobar a estas alturas que na realidade todo isto do carácter oficial do galego e da normalización lingüística non era máis que simple retórica, fume declarativo, simples boas intencións destinadas a nunca se materializaren na práctica para non ameazaren o impositivo –este si, e dos de verdade– statu quo do español na Galiza, non parece nada positivo para o idioma nin para o que conceptualmente ‘normalización da lingua’ significa.
Eu particularmente dubido sobre a actitude a tomar: por unha parte, é para sentirme enganado; por outra, que queren que lles diga, se cadra nas actuais condicións é máis positivo e san para o galego que todas e todos saiamos do armario canto antes.
Voltar a Opinión
Ir á Portada
|
|