ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Opinión

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


O bico da lingua

*A lingua das boinas

Chuza! esta nova!
Un artigo de Francisco Xosé Rei García (17/05/2007)

A historia que lles vou relatar tenme hoxe, para variar, a min propio como un dos seus principais protagonistas. Aconteceume durante as tarefas organizativas do Correlingua de Compostela, celebrado o pasado 3 de maio. Poder podía ter sido en calquera outro lugar e outros os seus protagonistas.

O caso é que en estando eu na praza do Pan (ou de Cervantes, como di a denominación "oficial") como servizo de orde da carreira, achegóuseme unha moza nova, máis ou menos da miña idade, galegofalante ben se vía que espontánea e, por demais, cunha fala claramente dialectal: marcada con gheada e mais seseo.

Viña a moza amolada ao ver que, no que ela cría ía ser unha demostración pública de xente nova en favor da nosa lingua e da súa validez como arma carregada de futuro, moitas das e dos escolares participantes ían disfarzados con roupas tipicamente rurais ou vinculadas ao mundo labrego: botas de goma, zocas, panos para cubrir a testa, boinas, chaleques, traxes de pana ou caxatos. Amosábase indignada a compañeira con tal iniciativa, que claramente atribuía a unha idea non dos rapaces, senón dos seus mestres, e co facto de a organización do Correlingua consentir cousa tal. Botábame en cara, por último, que logo puxésemos o berro no ceo e protestásemos frente aos tópicos prexuciosos que mecanicamente asocian a lingua galega co mundo da sociedade rural tradicional, cando nós propios, desde a organización da carreira, contribuíamos a alimentar os mesmos daquela maneira vergoñenta. Dicíame que tomaría a iniciativa, mesmo tivese de ser individual, de enviar unha carta aos xornais como sinal de protesto perante semellante situación para ela tan aldraxante.

Hei confesar aquí e agora que nun primeiro momento, en parte por estar a outras cousas e non esperar aquilo, fiquei algo apampado e non souben ben qué nin cómo responderlle á enfurruñada moza que nun momento me espetara todo aquilo de boas a primeiras. Tratei, por suposto, de ser correcto nas formas e de lle indicar, en todo caso, que eu non vira aínda aquela presenza masiva de rapazas e rapaces disfarzados de paisanos que ela denunciaba e que, de esta existir, deseguro que non era xeneralizada e obedecía a algún tipo de razón lóxica. Porén, a moza non se sentiu conforme coa miña explicación e, espetándome outra volta que aquilo era unha vergoña, marchou por onde viñera.

Unha vez voltei para o Obradoiro, lugar onde se volvían concentrar as e os escolares para a clausura do Correlingua, pareime un intre por curiosidade a pescudar se algo había de certo no que a moza me dixera e se, con efecto, a vestimenta predominante entre as rapazas e rapaces da carreira era a tradicional das zonas rurais da Galiza. Axiña puiden ver, porén, como entre a multitude de entolecidos estudantes a berrar polos Tonechos e polo Xabarín abondaba a mesma "moderna" e homologada moda importada que adoita caracterizar por igual hoxe en día adolescentes de medio mundo, quer do rural quer das vilas ou das cidades; como moito, iso si, con camisolas do Correlingua postas por riba. Tamén moito chándal, por iso de correr e da comodidade, mais de primeiras nin zocas, nin boinas, nin chapeus, nin chaleques, nin cirolas, nin refaixos, nin cousa semellante. Ao fin, logo de moito procurar e remexer, apareceu o perigoso comando de delincuentes "ruralitas" (por certo, finalmente os que levaron o premio gañador pola súa orixinalidade): o alumnado do CPI de Viaño Pequeno, Concello de Trazo, vestidos ao uso tradicional da comarca de Ordes, que vén sendo a súa propia de toda a vida. Un fato de, como moito, trinta rapazas e rapaces, máis algúns dos seus profesores, que por un intre fixeron soar todas as alarmas. De máis de dous mil escolares asistentes, trinta; ledos de gañaren, ledos de participaren e ledos de faceren o que lles petaba.

Á volta do Correlingua, e desde entón, non puiden máis que darlle voltas a aquela indignación tan fondamente sentida daquela rapaza galegofalante espontánea que me espetou aquelas críticas na rúa; unha rapaza cuxa procedencia fose e sexa, posibelmente, a mesma ou semellante á daquelas rapazas e rapaces que tan ben o pasaron e tanto desfrutaron indo vestidos como seus avós e outros devanceiros foron vestidos toda a vida nas grandes ocasións e nos días de festa.

Pensando e pensando, pensei como o nefasto mundo dos tópicos e prexuízos contra unha lingua, contra un pobo, contra unha minoría, contra moitas cousas... tanto se pode tornar contra un propio como ser aproveitado no propio beneficio da causa á que en teoría se pretende prexudicar. Pensei tamén como ás veces corremos o perigo de ficarmos cegados de máis polo, para min, perigoso prexuízo do progreso e da modernidade; máis nun contexto tan específico como o da nosa terra e o da nosa sociedade, á que con efecto tantas veces tan inxustamente se ten acusado e sinalado de vivir no atraso e no pasado ou de ser, e con ela a nosa lingua ou a nosa cultura, incompatíbel coa modernidade. Moitas veces a reacción primaria contra tan inxusto ataque foi precisamente apelar á modernidade de cuxa falta nos apoñen e tentar introducir á Galiza, mesmo a marchas forzadas se for preciso, no obrigatorio vieiro dun progreso de manual ou de libro. Mais ollo con esa modernidade e ese progreso, en abstracto tan positivos e beatíficos, porque temos experiencia e memoria histórica de abondo para sabermos ben que no seu nome se cometeron verdadeiras falcatruadas que fraco favor lle fixeron e lle fan á nosa terra e ao noso pobo.

Sen ánimo ningún de me converter por un momento en Otero Pedraio, un dos maiores atentados cometidos contra Galiza en nome do progreso e da modernidade foi a liquidación, traumática e violenta, de consecuencias non ben estudadas, da súa sociedade tradicional. A cambio de que? A cambio de nada; como moito dunha desestruturación e dun desarraigo social e cultural ben propio das sociedades neocoloniais. Galiza pasou da "antigüidade" á "postmodernidade" sen estacións intermedias e a unha velocidade meteórica.

Ás galegas e aos galegos, aos que o tiñan como propio e aos que tiñan como alleo, aprendéronos desde tempos inmemoriais a odiármonos e desprezármonos; a rírmonos dos nosos semellantes ou a nos desprendermos o antes posíbel da pesada cruz dos nosos sinais de identidade; a que se queríamos ter futuro e sermos "modernos", como o eran e seica o son noutras partes, tíñamonos que esforzar por autoenganármonos e facérmonos pasar polo que non somos e, porén, moitas e moitos se esforzan por pareceren. Non hai que ser un xenio para comprobar o desastroso resultado de tan asisado experimento sociolóxico; abonda con dar unha volta polo país para ver como se fixo "un pan como unhas hostias".

Non lle nego en ningún momento a mellor das vontades á crítica moza que me abordou pola rúa nin aos que pensan como ela, opinando que non é xeito de reivindicar a normalidade para a lingua axitar como unha bandeirola elementos identificativos do mundo rural tradicional como a boina, as botas de goma ou o caxato. Mais tampouco acho que sexa especial motivo de preocupación ou de indignación, sobre todo de termos en conta cantas falcatruadas se cometen acotío contra o noso pobo e contra a nosa lingua sen que ninguén ou case ninguén erga a voz contra elas, podendo pasar inadvertidas a inmensa maioría. Non faltou, é certo, reacción social contra as xa arquifamosas definicións de "galego" no dicionario de español da RAE; e porén, cantas galegas e galegos deixaron de ver os programas de Andreu Buenafuente ou Eva Hache, presentadores "progres" do momento, malia nos seus programas ser cada vez máis moeda corrente que fagan brincadeiras e comentarios risíbeis a costa do galego e dos "galleguiños"? Dicíame a rapaza que pensaba escribir unha carta nos xornais denunciando a permisividade do Correlingua cos comportamentos que ela non coidaba axeitados. E eu reflexiono: canto non teríamos avanzado neste país se simplemente por cada discriminación ou mal xesto que recibimos cada día ao falarmos en galego e querermos exercer de galegos ou galegas tivésemos por costume mandarmos unha carta a un xornal? Por certo, eis a iniciativa do mes do Longalingua do pasado mes de abril.

Sen dúbida, sería complexo de debater -mesmo de averiguar -se as rapazas e rapaces do CPI de Viaño Pequeno en Trazo -ou quen promover a iniciativa -foron ao Correlingua vestidos de paisanos ao xeito da súa zona por asociaren automaticamente a súa lingua como unha lingua rural, do agro, da aldea ou ben, pola contra, foi o seu un profundo acto de rebeldía, de ruptura e de reencontro co seu mundo, con eles e elas propias; un "saír do armario" do autoodio, da autonegación e mesmo do medo no que medraron aguilloadas as xeracións de seus pais, avós e visavós; un berro de resistencia dun universo, dun modo de vida e dunha cosmovisión que se negan a desaparecer. Galiza, será esta xeración, ao fin, a que nos salve? Eu, se nas boinas estiver o futuro da nación e de todo o que nos é propio, corro a pór a miña.

Voltar a Opinión
Ir á Portada

Francisco Xosé Rei García

Francisco Xosé Rei García (A Coruña, 1981). Entre 2001 e 2005 foi Responsábel de Organización nacional dos CAF. Membro da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística desde febreiro de 2006, ao tempo que finaliza os seus estudos de Licenciado en Filoloxía Galega na UdC...[ler máis]

Outros artigos de Francisco Xosé Rei García:
*Unha oportunidade, unha esperanza (01/03/2007)
*E sempre A Coruña... (08/02/2007)
*Cuestión de cinismo? (19/01/2007)
*Ladran os cans, amigo Sancho (16/01/2007)
*De Luns a Venres, a normalidade posíbel (04/01/2007)
*Agrupación Cultural Alexandre Bóveda: 30 anos de andaina ao servizo do país, 30 anos de exemplar defensa do noso (26/12/2006)
*A Coruña, onte, hoxe, sempre (19/12/2006)