ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Opinión

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


O bico da lingua

*A liberdade dos de arriba

Chuza! esta nova!
Un artigo de Francisco Xosé Rei García (30/11/2007)

Ao longo de todas as épocas históricas, desde as recentes até a mesma Antigüidade, calquera proceso que supuxese cambios ou transformacións foi visto pola clase privilexiada correspondente como negativo, agresivo, infame, intolerábel ou aberrante. Sobre todo porque eses cambios ou transformacións podían significar –e por veces significaron –a perda dos privilexios e prebendas de uns, polo tanto o seu prexuízo, a súa “caída”, en favor do ascenso, do beneficio e da obtención de poder por outros.

Dun punto de vista dialéctico, porén, non cabe a menor dúbida de que en realidade os cambios sociais, económicos, políticos ou culturais que fixeron pasar ás sociedades dunhas etapas ou fases a outras nin foron, nas máis das ocasións, tan traumáticos nin tan revolucionarios como formal ou simbolicamente se quixo aparentar. Non soamente porque o intercambio de poder dunha clase a outra nunca foi –ou en rarísimas ocasións, en tal caso –cousa dun día para o outro (máis ben, un proceso de acumulación de feitos e forzas que puido chegar a desenvolverse moi de vagar, case imperceptíbel, ao longo de centos de anos); tamén porque realmente o que mudaba era simplemente a aparencia, mais non o fondo: coa desaparición do Antigo Réxime os estamentos nobiliar e clerical perderon o poder económico, político e ideolóxico, que pasou a mans da burguesía (nun proceso de ascenso desta que viña da Idade Media). E máis nada. A ideoloxía de fondo no político, no económico e no social herdada do tempo anterior ficou intacta até os nosos días, sen que a tan topicalizada Revolución Francesa fose quen de engadir ao seu coñecido lema de Liberté, Igualité, Fraternité un retrouso: para todos (e para todas). Os privilexios e prebendas non desapareceron; simplemente mudaron de mans. E así sempre.

Por suposto, todo réxime precisa a súa xustificación simbólica sobre alicerces o máis sólidos e contundentes posíbeis se aspira a ficar no tempo: os nostálxicos do pasado botan en falta as monarquías de dereito divino e a sociedade “tradicional” alicerzada nunha frase moi empregada na nosa sociedade até hai ben poucos anos: a Santa Tradición do Deus, Patria, Rei. Como para a burguesía que saíu vitoriosa da Revolución Francesa e consolidou o seu poder cos procesos revolucionarios do convulso século XIX resumía nun só ente material as figuras simbólicas do Rei e do Deus –o diñeiro –, a xustificación ideolóxica perfecta da nova sociedade que eles lideraban como clase dirixente pasou a ser –e continúa a ser –a liberdade. Unha liberdade, iso si, matizada por eles mesmos e polos seus ideólogos: liberdade, sobre todo, individual; liberdade, sobre todo, de mercado e de empresa; e de aquí, o para eles irrenunciábel dereito –obsesivo –á propiedade privada sobre calquera outra cousa. Estamos, xa que logo, ante unha defensa dos privilexios e prebendas adquiridos, da súa condición de clase dominante, idéntica –con diferente terminoloxía –á que xusto na época anterior facían as defenestradas clases dirixentes da sociedade tradicional.

O neoliberalismo das últimas décadas –que con todo xa se manifesta moito máis cedo en diferentes autores –é a expresión máis agresiva e contundente do liberalismo que vén madurecendo parello á consolidación da Revolución Industrial, da evolución do proceso de acumulación de capital da burguesía a nivel mundial e do propio desenvolvemento –tamén ideolóxico –desta clase social dominante do noso tempo. Non falta quen afirma que hoxe a clase burguesa desapareceu como tal dun punto de vista físico, ou está cando menos difusa. Mesmo aínda que así fose, pervive ben forte e enraizada como ideoloxía, mesmo aniñada, estendida e asumida en amplas capas sociais que pouco ou nada teñen de burguesas, pois nin nas súas mans está o capital real nin os medios de produción.

O neoliberalismo como ideoloxía, tamén ben presente hoxe na nosa sociedade, ten levado ao verdadeiro paroxismo o concepto de liberdade que de sempre manexou o liberalismo clásico. Baixo a coroza dun discurso socialmente asumíbel –máis no noso contexto, onde a palabra goza de todo parabén e de infinita sacralización – de “a liberdade por riba de todo” agóchanse, no entanto, outros conceptos ben pouco progresistas dun punto de vista estritamente ideolóxico: o individualismo; a negación dos dereitos colectivos e do mesmo concepto de cultura, pobo, colectividade ou identidade –terreo perigoso no que xa se está a entrar de cheo -; a uniformización, a homologación e a destrución da diversidade so o argumento superguai de termos “un mundo sen fronteiras” e de sermos “cidadáns do mundo” abertos e cosmopolitas, etc.

Se algunha vez existiu un liberalismo chamado ou carimbado de progresista, o certo é que a voracidade do proceso de acumulación do capital vivido ao longo do último século e, máis perto no tempo, a fase expansionista e agresiva na que o capitalismo se atopa á procura de novos mercados e da consolidación do seu propio status de sistema dominante e único posíbel levan a que, máis que nunca, hoxe sexa unha ideoloxía tremendamente conservadora. Conservadora do seu poder, dos seus privilexios, do seu sitio gaño a pulso. E, por suposto, amante da liberdade. Liberdade para quen a poida pagar, enténdese. Liberdade para negociar, comerciar, invadir, agredir, espoliar, roubar. Liberdade total e absoluta “desde arriba”, para seguir a oprimir. Por moitos anos. A fin de contas, faise en nome da “modernidade” e do “progreso”.

Cónstame a preocupación que existe en amplos sectores da nosa sociedade, lingüisticamente comprometidos, por movementos como Tan gallego como el gallego ou Galicia Bilingüe, que mesmo algúns xulgan novidosos e inauditos (cando, sen ir máis lonxe, na década dos oitenta e dos noventa xa houbo cousas moi semellantes). A min particularmente non me preocupan máis que o xusto, pois non veñen a ser outra cousa que a constatación de que o Miño pasa por Ourense: como nunha fórmula matemática, a clase historicamente privilexiada vaise rebelar e vai adoecer cando sente o máis mínimo “síntoma” de que os seus privilexios e bulas poden comezar a esmorecer ou, simplemente, rebaixarse. Independentemente de discursos acientíficos, inexactitudes, exaxeracións, descarada manipulación da realidade, aproveitamento até o límite dos prexuízos lingüísticos e da consideración que os falantes teñen do galego...o que máis lles proe a estes colectivos é que por unha vez –poderíamos dicir case que por primeira vez –o idioma que eles din que non é deles poida comezar a asomar a cabeza fóra da estrita cuncha en que estaba confinado, como o caracol o fai logo da chuvieira. Deste punto de vista, entendo perfectamente que quen sempre tivo a prebenda de poderse impor acuse calquera cambio como unha “imposición”. Porén, o futuro é sempre para quen, sen caer en fatalismos nin en optimismos, vive na realidade e actúa desde ela. Pouco futuro hai para quen a deforma ao seu antollo e divide o mundo en “bos, que somos nós” e “os malos, que son os outros”. Coitadiños...

Voltar a Opinión
Ir á Portada

Francisco Xosé Rei García

Francisco Xosé Rei García (A Coruña, 1981). Entre 2001 e 2005 foi Responsábel de Organización nacional dos CAF. Membro da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística desde febreiro de 2006, ao tempo que finaliza os seus estudos de Licenciado en Filoloxía Galega na UdC...[ler máis]

Outros artigos de Francisco Xosé Rei García:
*Unha oportunidade, unha esperanza (01/03/2007)
*E sempre A Coruña... (08/02/2007)
*Cuestión de cinismo? (19/01/2007)
*Ladran os cans, amigo Sancho (16/01/2007)
*De Luns a Venres, a normalidade posíbel (04/01/2007)
*Agrupación Cultural Alexandre Bóveda: 30 anos de andaina ao servizo do país, 30 anos de exemplar defensa do noso (26/12/2006)
*A Coruña, onte, hoxe, sempre (19/12/2006)