ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Opinión

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


O bico da lingua

*A Coruña, onte, hoxe, sempre

Chuza! esta nova!
Un artigo de Francisco Xosé Rei García (19/12/2006)

A pasada semana A Mesa pola Normalización Lingüística presentou publicamente a enésima solicitude de execución da enésima sentenza xudicial que obriga o Concello da Coruña a empregar a forma galega como único topónimo oficial posíbel e a utilizar o galego como lingua cooficial na actividade institucional e administrativa diaria, nomeadamente nas relacións entre o Consistorio e as veciñas e veciños.

A sentenza que se solicita executar, datada no pasado mes de xullo, non é, como dicimos, a primeira: outras viñeron desde aquela histórica primeira en 1994, cando practicamente cuestionar o topónimo na Coruña era tabú e o hoxe embaixador no Vaticano desfrutaba na alcaldía dos seus días de viño e rosas, sen nin sequera imaxinar que tería que acabar fuxindo da súa Cidade-Estado pola porta de atrás, autopropulsado se cadra por pancadas amigas ou, cando menos, correlixionarias. Ai, que ingrata é a política!

Tampouco son todas as resolucións que compoñen o inzado rosario xurídico iniciado vai agora para 13 anos produto de instancias xudiciais sospeitosas de filogaleguismo ou protonacionalismo. Que A Coruña é nome de lei determinárono xa, por activa e por pasiva, institucións de tan ranzo avoengo como o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, o Tribunal Supremo ou o Tribunal Constitucional.

Todo isto é leria vella, pensarán moitas das persoas que nos lean. De acordo, respondemos nós. Mais é preciso falarmos dela, sacármola do adocermecemento ou do fastío que sobre ela pulula a cada pouco, como único xeito posíbel de que non caia no esquecemento, que sería tanto como dicir que os delincuentes gañaron a partida, mesmo que teña que ser no seu exilio romano. E cómpre facérmolo por todos os diñeiros públicos malversados polo Concello da Coruña todos estes anos, recurso tras recurso, a conta das contribucións das coruñesas e coruñeses; tamén daqueles que falan/falamos galego na nosa vida diaria e aspiran/aspiramos a vivir en galego na cidade na que queremos seguir vivindo e queremos seguir tendo por nosa. Porque A Coruña merece seguir sendo, como mínimo por outro millar de anos, Cabeza, Chave, Garda e Antemural do Reino de Galiza.

Voltar a Opinión
Ir á Portada

Francisco Xosé Rei García

Francisco Xosé Rei García (A Coruña, 1981). Entre 2001 e 2005 foi Responsábel de Organización nacional dos CAF. Membro da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística desde febreiro de 2006, ao tempo que finaliza os seus estudos de Licenciado en Filoloxía Galega na UdC...[ler máis]

Outros artigos de Francisco Xosé Rei García:
*Unha oportunidade, unha esperanza (01/03/2007)
*E sempre A Coruña... (08/02/2007)
*Cuestión de cinismo? (19/01/2007)
*Ladran os cans, amigo Sancho (16/01/2007)
*De Luns a Venres, a normalidade posíbel (04/01/2007)
*Agrupación Cultural Alexandre Bóveda: 30 anos de andaina ao servizo do país, 30 anos de exemplar defensa do noso (26/12/2006)
*A Coruña, onte, hoxe, sempre (19/12/2006)