ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Opinión

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


O bico da lingua

*Agrupación Cultural Alexandre Bóveda: 30 anos de andaina ao servizo do país, 30 anos de exemplar defensa do noso

Chuza! esta nova!
Un artigo de Francisco Xosé Rei García (26/12/2006)

As galegas e galegos, as coruñesas e coruñeses dun xeito especial, estamos estes días de decembro de parabéns: a veterana Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña fai 30 anos da súa fundación, aló por 1976. Diversas actividades, entre elas unha ambiciosa e exitosa gala celebrada no histórico Teatro Rosalía de Castro, o mesmo que viu coroar a Curros Enríquez como poeta ou acolleu masivos actos e mitins das Irmandades da Fala ou do Partido Galeguista en tempos da II República, serviron para conmemorar esta importante efeméride.

Máis que meritorio foi e continúa a ser o inxente labor desenvolvido pola Agrupación Alexandre Bóveda ao longo de todos estes anos de existencia. Fórono as múltiplas actividades desenvolvidas nos difíciles, convulsos e esperanzadores anos nos que comezou a súa andaina, en pleno paso do franquismo á democracia limitada; foino todo o labor desempeñado, nun contexto moi duro e hostil, durante dúas décadas de gobernos municipais encirrados na súa desnortada e ultraparanoica cruazada antigalega e antipopular; ségueo a ser, ao fin, na actualidade por causas que poden resumirse nunha soa: o enorme diferencial existente entre o querer e o poder, é dicir, entre a vontade de continuar adiante cun inxente proxecto cultural multidisciplinar aberto a todo tipo de persoas e a falta de apoio público e de medios.

A ACAB aprendeunos moitas cousas ao longo destes 30 anos; tamén a aquelas e aqueles que en 1976 aínda non existíamos e que por casualidade a descubrimos un bo día, mesmo sen sabermos que vivíamos ben perto da súa antiga sede. Aprendeunos primeiramente a nosa lingua, a nosa cultura, todos e cada un dos nosos sinais de identidade: aprendeunos a nación. Tamén nos axudou a entender que a nosa realidade máis próxima, a da Coruña, fai parte desa nación e fíxoo sempre, a través do papel crucial desenvolvido pola cidade nas diferentes etapas históricas de Galiza. Extirpounos prexuízos e complexos de culpa ou de inferioridade a respecto da nosa condición de coruñesas e coruñeses renegados por non comungarmos coas rodas de muíño do patético localismo oficial da Cidade-Estado españoleira tan de moda naquela altura. Abriunos os ollos e a consciencia desoutra Coruña, agachada e postergada mais sempre viva, que devolve a identidade furtada e supón un sopro de ar fresco. En definitiva, situounos e sitúanos en Galiza, a cuxa historia en todos os sentidos tanto contribuíu e contribúe A Coruña mal que lles pese a algúns, felizmente cada vez menos.

A Agrupación, ou Alexandre, como moitas e moitos lle dicimos agarimosamente, como querendo chamar por quen lle dá nome, ten sido un exemplo de labor comprometido e apaixonado ao servizo da creación e fortalecemento da consciencia nacional desde a cultura e de teimosía na defensa dun proxecto por cuxa desaparición cónstanos que algúns pagarían moitos cartos. Foi e segue a ser un oasis, exemplar e necesario, no deserto da paifoca senrazón contra todo o que sexa de noso que por desgraza goberna aínda importantes institucións públicas e entidades, na Coruña e en todo o país. A súa resistencia en positivo e construtivo contra a colonización obrigatoria e total da nosa xente, velaí o seu máis esencial contributo. Nada menos que todo un acto de amor, cousa ben valiosa nestes tempos. Alexandre Bóveda, por moitos anos. .

Voltar a Opinión
Ir á Portada

Francisco Xosé Rei García

Francisco Xosé Rei García (A Coruña, 1981). Entre 2001 e 2005 foi Responsábel de Organización nacional dos CAF. Membro da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística desde febreiro de 2006, ao tempo que finaliza os seus estudos de Licenciado en Filoloxía Galega na UdC...[ler máis]

Outros artigos de Francisco Xosé Rei García:
*Unha oportunidade, unha esperanza (01/03/2007)
*E sempre A Coruña... (08/02/2007)
*Cuestión de cinismo? (19/01/2007)
*Ladran os cans, amigo Sancho (16/01/2007)
*De Luns a Venres, a normalidade posíbel (04/01/2007)
*Agrupación Cultural Alexandre Bóveda: 30 anos de andaina ao servizo do país, 30 anos de exemplar defensa do noso (26/12/2006)
*A Coruña, onte, hoxe, sempre (19/12/2006)