ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Opinión

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


O bico da lingua

*Os dezasetes que veñen e van

Chuza! esta nova!
Un artigo de Francisco Xosé Rei García (02/05/2007)

Pouco falta xa para a chegada dun novo 17 de maio. Nunhas poucas semanas cada recanto do país, cada concello, dedicará algúns diñeiros das súas arcas públicas, cheas grazas ás esforzadas contribucións dunha maioría deseguro galegofalante habitual de veciñas e veciños, para honrar, venerar, festexar e conmemorar, como quen celebra o cabodano do seu mortiño pondo enriba da mesa o mellor que ten na casa, que temos unha vizosa literatura propia e unha lingua de noso que lle serve de soporte.

Vemos cada 17 como é maior a hipocrisía, maior o cinismo, maiores as despesas de cartos e maiores os intentos por converter unha data referencial en determinada altura histórica -non esquezamos que foi en 1963, xa que logo en plena ditadura, cando se comezou a celebrar -nunha festa inocua, esvaziada de calquera tipo de contido ou de convite á reflexión, pragada de simbolismos, renuncias, silencios culpábeis ou cómplices, poses para as fotografías e cámaras e, como non, grandes declaracións -que moitas veces nin as hai -absolutamente compensatorias.

É o 17 de maio -e mais no que se converteu desde a súa declaración como feriado non laborábel -a data na que máis acaído se torna o refrán que di "pasou o día, pasou a romaría". Xa non é nin que esperen porque dea a medianoite nos seus reloxos: unha vez que pasan os actos institucionais da mañá ou da tarde, todo acaba e torna ao seu estado normal e natural, que non é outro para os grandes mestres de cerimonias do 17 que o do silencio, a submisión, a postración e a permanente actitude de desculpa ou perdón.

O 17 de maio correría hoxe, máis que nunca, o perigo de se converter no peor aliado para a lingua galega; tal é o seu efecto anestésico mesmo sobre o conxunto da sociedade. A data perfecta para reivindicar o idílico bilingüismo harmónico ou a total ausencia de conflito lingüístico; certificar a liberdade vixilada e controlada na que vive a nosa lingua. Tamén a moitos estados e sociedades no mundo consénteselles hoxe vivir en democracia... con tal de que non se lles ocorra exercela, claro. Nesta liña, digo eu que sería bo que agora que o ano próximo faremos 25 anos de Lei de Normalización Lingüística desempóasemos para tal efeméride aquela tan fermosa dos 25 Anos de Paz do réxime franquista. Marisol López e Pérez Touriño deseguro que se apuntan.

Dicía que corremos o perigo certo de que o 17 de maio se torne nunha das cousas máis daniñas e contraproducentes que lle poden acontecer ao noso idioma (con perdón para Francisco Vázquez, algún profesorado, medios de comunicación e asociacións en defensa da "liberdade idiomática" diversas). Na nosa man, e exclusivamente na nosa, está que non sexa así. O 17 ten de ser primeiramente os 365 días do ano. Dito este eslogan, que na teoría fica perfecto, o reto é tornalo en práctica consecuente, socialmente viva, activismo, visualización pública de que ao galego se lle segue a negar e desprezar -e con el aos seus falantes -en calquera punto do seu propio país. Eis onde semella evidente -e cada vez máis - que nestes momentos non se está á altura das circunstancias.

Este 17 de maio terá lugar en pleno ecuador da campaña electoral ás municipais do próximo 27-M. Unha ocasión perfecta para saírmos de novo á rúa -de moitas e imaxinativas formas -e tratarmos de arruivar precisamente a moitos deses alcaldes e concelleiros que se van deixar uns cartos na celebración doutro 17 (por certo, en non poucos concellos galegos, organizando gorentosas paparotas populares en honor a María Mariño Carou. Xa o dicía Castelao: hai quen soamente sente a patria no bandullo). Cóntanme que desde A Mesa van centrar precisamente a campaña deste ano, en forma de actos comarcais, na denuncia da vergoñenta situación que segue a vivir o galego na administración pública, especialmente nos concellos, espazos privilexiados para a normalización do idioma por seren a institución máis próxima ás veciñas e veciños e coa que estes máis acotío teñen de tratar.

A situación actual da presenza do galego nos concellos vive un descontrol soamente comprensíbel nunha república bananeira. Todo o corpus legal que asiste ao noso idioma, fóra de regulamentos e ordenanzas locais de uso do galego nin moitísimo menos xeneralizadas, redúcese a unha desfasada lei de 1988 que consta de... 2 artigos! E nin iso. Podemos pensar no caso da Coruña, público e coñecido. Mais non nos esquezamos de lembrar que segue a haber por aí máis alcaldes delincuentes: Padrón, Ordes, Tui, O Rosal, Ourense, Vigo, Ferrol, Cangas, Lugo... Celebrarán alí institucionalmente o 17 de maio? Non o dubiden.

Voltar a Opinión
Ir á Portada

Francisco Xosé Rei García

Francisco Xosé Rei García (A Coruña, 1981). Entre 2001 e 2005 foi Responsábel de Organización nacional dos CAF. Membro da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística desde febreiro de 2006, ao tempo que finaliza os seus estudos de Licenciado en Filoloxía Galega na UdC...[ler máis]

Outros artigos de Francisco Xosé Rei García:
*Unha oportunidade, unha esperanza (01/03/2007)
*E sempre A Coruña... (08/02/2007)
*Cuestión de cinismo? (19/01/2007)
*Ladran os cans, amigo Sancho (16/01/2007)
*De Luns a Venres, a normalidade posíbel (04/01/2007)
*Agrupación Cultural Alexandre Bóveda: 30 anos de andaina ao servizo do país, 30 anos de exemplar defensa do noso (26/12/2006)
*A Coruña, onte, hoxe, sempre (19/12/2006)