Publicidade
Contacto
|
*"...E pasaron os unos..."

Un artigo de Fernán Xosé Mourenza. (26/08/2006)
Desde hai anos, moitos anos, chega a época do verán e, non se sabe moi ben nen porque estrana coincidencia, este noso País, arde; mellor, póñenlle lume.
Este ano, non podía ser menos e, tamén lle plantaron lume. Os motivos poden ser moitos e moi variados mais, agás os propios dos puramente accidentais, os casos de enfermidades como a piromanía e outros semellantes, hai un que, por riba de todos, pulula no ambente: chámase es... . Es perade que veña outro verán e veredes, impotentes coma segue a ser o mesmo, iso, mália ao derroche e desplegue de medidas e recursos -humáns e materiais- que a Consellaría de Medio Rural -pois é súa a competencia nesta materia- poña a dispor.
A un que xa hai tempo que deixou o chupete, seméllalle cando menos, curioso o feito de como se seguen os acontecementos. Explícome. Por unha banda, as masivas subvencións aportadas polo anterior partido do goberno da Xunta -o PP- para a plantación de grandes extensións e monocultivos de eucalipto e pino, foráneos, of course. Iso, a posteriori das negativas e pésimas políticas agro-gandeiras e a xeral a nível rural desde ille tempore co gallo de fomentar o abandono deste medio. Terreos de labradío, cortiñas e verdadeiros hortos, adicados ao monocultivo de pinos e eucaliptos co que iso implica tanto a nível económico como medioambiental; fundamentalmente no que a desecación de acuíferos e humidais significa.
Logo, compre facer unha diferenciación entre o interior e o litoral, a costa. O interior aínda resulta cativo en interés do urbanismo caníbal, a costa, xa non; menos aínda se os intereses que se moven, son foráneos e emprazados mesmo en Madrid.
Así pois, xa vamos definindo posturas. Terreo litoral inzado de pinos e eucaliptos, suben as temperaturas coa chegada do verán e con todo, aparecen os incendiarios, os executores dos plans escuros e miserentos de quen se agochan por tras das miserias de quen non teñen aínda asumido que resulta moito máis o que se perde en troques das migallas que lles van retribuir os seus "amos". E arde o País, e impotentes, uns e outros, non sabemos que facer agás agardar que chova e que non sexa moi forte, por si acaso, non vaia ser do demo que leve todo!.
Pero, agora o que queda é patético: zonas queimadas cor negra, esqueletes sen vida pendurados do suspiro dun ar cincento que nos lembra a morte, sen compaixón os verdugos, umpliron a sentenza dun xuíz que poidera ser un bárbaro Atila arremetendo contra as pacíficas ostes de piñeirais e eucaliptais quedos, impávidos e sen ofreceren resistencia mesmo, até o seu derradeiro alento. Agora, esas brochas negras chantadas no chan tamén negro, so deixan que nelas se apouse o corvo que ao craxar fai que o seu lamento, se escoite coma apocalítica trompeta anunciando a fin. O resto, está morto, levouno o lume coa sua lapa "purificadora", coma seica algún saibo xa ten dito noutrora.
E sigo, agora, logo de tanta desfeita, chega a corta, a tala desa madeira, con ela, a aridez da terra e con ela, o seu abaratamento. Bocado farto apetecíbel para quen adican o seu tempo e negocio a especularen co chan, mesmo, co que é de todas e todos. E así, un aprende que se a fulano lle compras un piso en Madrid por ..........€, na costa galega, tes o agasallo dun pisito ou dun apartamentito. Así de forte, eu non o digo, a min, dixéronmo. Tampouco vivo nen merco en Madrid, conste.
Ás veces penso que, de voltar a nacer Ovidio, en troques de escreber o Ars amandi, de certo que escrebiría o Ars especulandi.
E veleí o temos todo, neste País que semella maldito, enfeitizado polo mal de ollo dunha mala meiga pero que, ao noso pesar, segue adiante, refulxindo a cada intre de entre todas as nosa miserias. Un despois de ver tantas cousas e levar as mans á cabeza tantas e tantas veces, xa remata por afirmar que Galiza é marabillosa, o problema que ten este grande País somos nós; as galegas e os galegos. Semella que cando asumamos a conciencia de sermos galegas e galegos e acreditemos nelo, daquela, os "unos", máis bárbaros que os de Atila, non arremeterán contra tanta riqueza e fermosura.
E remato xa cunha demanda xeralizada: compre loitarmos por esta Terra, pero antes, compre sensibilizar e transmitir ao resto do pobo galego o noso amor e servizo por e para Galiza. Despois, xa falaremos de "minucias".
"Saúde e Patria!".
(c) Fx 19/08/06
Voltar a Opinión
Ir a Novas |
|