Publicidade
Contacto
|
Desde a xanela
*Patrimonio IV "Conto para lembrar"

Un artigo de Fernán Xosé Mourenza Fernández. (21/03/2007)
Atención todos!!. Nenas, nenos, mulleres, homes e vellos.
Deixade canto andedes a facer, achegádevos e escoitade!
Houbo unha vez -e non hai moito tempo- un lugar onde cada quen, fixera o que fixer, respectaba todo canto era de todos; fora maior, mozo ou cativo pois, para o respecto, non se estabelecen edades.
Era aquela, unha terra que agromaba riqueza e prosperidade por ende e que mantiña, xunto coas viciñas e viciños un equilibrio, unha harmonía que daba case envexa velo.
Aquelas xentes atopábanse ledas co que tiñan, eran diferentes todas entre si mais, gostaban todas dos mesmos dereitos e das mesmas obrigas.
Un escuro día de outono, chegou ao pobo un extranxeiro de aspecto estrano e moi mal encarado carregado de luxos, podre de cartos e cunha morea de servos que lle facían os honores. Coa súa altiveza e despóticas formas, o home foise apoderando, aos pouquiños, das xentes e das súas conciencias pois querían imitalo. Así, de estimaren e respectaren o que era colectivo, pasaron a respectaren unicamente o que lles era propio sen se preocuparen do "de todos". A harmonía doutrora, mudara agora en discordia e enfrontamentos. Dunha sociedade rica en valores humáns, pasarase agora, a valorar soamente o material, os cartos porque estes, á súa vez, outorgábanlles poder; quen máis tiña, máis controlaba!.
Xa nada era o mesmo, que digo, nen tan sequera parecido!. Todo mudara e viciñas e viciños, andaban sempre enliortados porque seica esas cousas, eran o progreso. O pobo foi indo a menos, por mor da especulación e outros males propios deste tipo de sociedades, a xente emigraba buscando outro xeito de vida e traballo. Ao final, só ficaron nel, as persoas maiores que, froito do paso do tempo, un día, morreron. Hoxe alí, non fica ninguén e todo cae en pedazos, as cortiñas, hortas e prados, están a bravo botando toxos, xestas ou silvas e non hai nengún gando. Iso si, aos señoritos da cidade, os listos que sempre houbo, deulles por prantaren pinos e eucaliptos para sacarlle algo de rendemento á terra. Por facer encoros para minicentrais nos ríos ou regatos, o caudal, é o de menos. Por poñer parques eólicos que adornan y desruralizan el paisaje y que admas, es una energía muy limpia y alternativa que está muy de moda en toda Europa.
E que ocorre daquela con tanto patrimonio?, nas mans de quen foi parar toda a historia, traballos e sofrimento polos que pasaron os antergos e que se borra dun plumazo, sen acritude?.
Non é esta, a máis absoluta das miserias?.
Non fagades coma eles porque quen non estima nen valora o propio, tampouco é quen de estimar nen valorar o alleo.
Cavilade pois un chisco nesta historia que vos veño de contar e tirade dela, as vosas propias conclusións. Logo, preguntádevos o que é para vós o noso Patrimonio cultural.
(c) Fx 21/03/07
Voltar a Opinión
Ir a Novas |
|