ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Opinión

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


Desde a xanela

*Outra folla en branco

Chuza! esta nova!
Un artigo de Fernán Xosé Mourenza Fernández. (03/01/2008)

Cada ano que fina, deixa as portas abertas a un outro novo que enceta a súa andaina ateigado de ilusións, esperanzas e anceios, moitos anceios.

Cada quen de nós vamos na percura de cantos máis se nos antoxen e ás veces, perdémonos na trivialidade do noso egoísmo na crenza de non vermos superadas as nosas eibas, as nosas miserias. Fai falla máis vista, máis ouvido, máis olfato, máis tacto, máis gusto e tamén, moito máis humor para rir ata escachar coas gargalladas.

Cada ano que enceta faise coma un certo xeito de contrato coa vida onde cada quen, poñemos as nosas claúsulas que xa logo a realidade e a mesma vida, se han encargar de tirar por onde cadre a cousa. A folla está sempre en branco e nela, cada quen de nós, vamos escribindo o que cremos ou valoramos oportuno e preciso na tentativa -cantas veces, so fica niso...!- de ver de mudar no fundamental certas cuestións que soen caer na desidia, na deixazón, no desleixo e en non mudar nada para seguirmos na política de sempre. Si, a de sempre, porque rachar cos moldes do estabelecido, custa e leva implícito o enfrontamento cos propios conflitos persoais, tantas veces agochados polo medio dos grupais, nos colectivos. Pero, a quen lle amarga un doce?.

Cada ano que enceta é unha xanela aberta a tantas e tantas perspectivas, a tantas opcións que a moi curto prazo, a xanela remata por se convertir nunha porta ben grande e ampla e nós, definimos as súas medidas xunto co que entra ou sae por ela.

Hoxe, poderiamos falar de tantas e tantas cuestións que esta folla en branco que vos amoso, habíase encher ao momento pero eu vou facer fincapé nunha cuestión, por aquelo das prioridades.

Nun mundo globalizado, marcado polos valores económicos, puramente materialistas e onde cada quen de nós so valemos en función do peso e o que abulte a nosa carteira, falar de romantismo, semmella rozar ou ben a inxenuidade, ou ben a estupidez. Eu, quero seguir a ser unha especie de mestura entre o inxénuo e o estúpido, sen acritude e sin que iso me afecte. E sen embargo, ás veces, doelle a un a alma ao contemplar o devir evolutivo da nosa especie humana nun algo tan deshumanizado onde nos matan as formas que son en definitiva, o comenzo do proceso. Si dese proceso involutivo ao que nos andamos a subxugar sen nos decatar en absoluto. Ao non nos decatar do proceso, tampouco somos quen de reaxir ou tomar partido. Karl Marx, chamáralle a esta cuestión alienación, creo... .

Fronte aos males sociais de primeira orde, sempre xorde o cancro, a sida, a non sei que cousa, o outro problema, o paro, a delincuencia, algúns botados para adiante ata falan do terrorismo -non do de estado, por suposto!- e mil e unha cuestións máis. Todo o mundo falamos diso e moito máis, pero, sempre esquecemos que vivimos na época da informática, do realismo virtual, do goberno dos medios de comunicación e, se vos fixades, nunca estivemos tan desinformados, nunca tan manipulados e nunca, tan sos.

Si, eu falo dese estado no que nos atopamos rodeados de xente estrana por todas partes, onde a desconfianza nos fai sospeitar das miradas por riba dos lentes ou por baixo do que sexa, ou asusta o xesto de fulano e o sorriso falso de citana e que en definitiva e no fondo, so agocha os nosos temores e a ausencia brutal dese proceso integrador da persoa que é a socialización; poder falar e escoitar, ou viceversa que é un proceso recíproco do que xorde o diálogo, en definitiva.

E non existe a palabra coma vehículo de expresión e elemento fundamental para todo tipo de manifestaión do que sexa, sensacións, sentimentos, etc pois todo fica constriñido ao simple xesto, mesmo reducido ás veces porque compre aforrar; o custe da palabra, resulta moi elevado e, por riba, tampouco cotiza en bolsa!.

E resulta moi curioso que un pobo, coma o noso, o pobo galego que sempre foi moi sociábel se esté a converter en parte das novas pautas que marca o sistema; os nenos molestan, os vellos, tamén, as persoas con problemas da índole que sexa, pásase delas para pasar únicamente polo aro, polo rodil da pedra dese brutal e deshumanizador capitalismo.

A soidade -e non falo da miña curmá- é a enfermidade que máis nos aqueixa a día de hoxe tal vez porque nos falla a chispa do reaxir a nivel individual, tal vez porque a nivel das administracions públicas locais -non en todas, por certo-, as políticas sociais so servan de mecanismo para aceitar ben a engranaxe que marca o propio sistema. Tal vez, quen o sabe...?.

Eu so sei que a min persoalmente, non me gusta a soidade e que mesmo, ás veces, se agradece estar mal acompañado porque esa, é unha outra forma de zafarse da fríaxe que produce, de isolar da xiada da indiferenza as nosas almas e corazóns... . Tal vez, quen sabe...?.

Cada ano que enceta, unha outra folla en branco que agarda da nosa escrita, se nos apresenta na percura de ir enchendo de contido tanta brancura, mesmo coas letras das nosas necesidades e ás veces, miserias, coa tinta escura. Daquela, ogallá que este ano que é par como me dixo unha amiga, afastemos de nós, tanta soidade e lle demos algo de máis cancha á palabra, ao xesto e tamén aos afectos. De seguro que habiamos aforrar moito en calefaccións, antidepresivos e demais!

(c) Fx 03/01/08

Voltar a Opinión
Ir a Novas

Fernán Xosé Mourenza Fernández

Fernán Xosé Mourenza Fernández (Vilamaior de Negral, Guntín de Pallares 1965). Diplomado en filoloxía románica na E.U.F.P. de E.X.B. de Lugo. Presidente das Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego desde o 96. A día de hoxe participa en diferentes colectivos ao tempo que escrebe tres libros e forma parte de tres grupos corais...[ler máis]

Artigos de Fernán Xosé Mourenza Fernández:

*Patrimonio VI "Vai de entroido" (22/05/2007)
*Patrimonio V "Ferreiros" (06/04/2007)
*Patrimonio IV "Conto para lembrar" (21/03/2007)
*Patrimonio III "O zoqueiro" (04/03/2007)
*Patrimonio II "Vai de seitura" (13/02/2007)
*Patrimonio I "Canteiros" (01/02/2007)
*"Malas artes" (21/01/2007)
*"Calidoscopio social" (05/01/2007)
*"Refulxe o País, reaxe o BNG" (06/12/2006)
*"O cantar do vagamundo" (28/11/2006)
*"...E pasaron os unos..." (26/08/2006)
*Por qué un novo Estatuto? (27/06/2006)
*Crise identitaria... (24/03/2006)
*PXOM ou PXE(speculación)? (21/03/2006)
*Cecais... Cultura? (15/05/2005)