ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Opinión

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


Desde a xanela

*"Metamorfose"

Chuza! esta nova!
Un artigo de Fernán Xosé Mourenza Fernández. (13/06/2009)

Un que ten lido tanto a Ovidio como a Kafka, cré que o ámbito do literario nos pode achegar a paisaxes oníricas indescritíbeis até o ponto de non ser nin soñadas. Mais, sempre hai xeitos de se superar; e de verse superado e como reza o dito, calquera parecido coa realidade, é pura coincidencia. A realidade que nos toca vivir, arestora, supera en moito á ficción!.

Calquera que se prece de ler, quero dicir, interpretanto o que se mira en todo tipo de prensa, é quen de facer un pouquiño de historia, desa máis imediata; da de hai uns días, vamos!. E calquera comprende de onde xurden as cousas e cais son as causas que as motivan; outra cousa, é que se queiran ou non ver e aquí, achégansenos ao maxín aquela tríada de Castelao cos monos: nin oir, nin ver, nin falar!.

Tal vez porque o noso País sempre estivo ao aveiro do centralismo autoritario -cousa que malia nos atopar no século XXI, segue a acontecer- dun españolismo uniformizador e reaccionariamente unitarista que se tambalea entre unha vella confrontación entre conservadores e liberais de outrora e que non comprende, nin quer, calquera xeito de diferencia; sexa do xeito, eido, etc, que sexa. Arestora, seica corren malos tempos para a lírica e máis canto implique a defensa de certos valores fóra dos pura e estrictamente economicistas. Logo que cada quen, lle poña o cualificativo que mellor lle conveña ou guste!.

O chamado sistema democrático -falsa burla dos dereitos máis básicos e fundamentais da especie humana, por certo- baséase na tan cacarexada Lei de D'Ont onde o "queixo en fraccións" da política, aparece craramente distribuído. Aqui, xa non cabe a protesta, non cabe a crítica e, xa que logo o que se anda é, máis outra vez., a cubrir un paripé que resta lliberdades de facto ao pobo na percura dun mundo perfecto ou, perfectamente estruturado onde cada quen ten un lugar e un espazo inamobíbel, a súa casilla; xa non podemos exercer nin de díscolos, manda truco!.

Nesta fórmula elaborada no laboratorio do social polos tecnócratas do capital -é curioso que volte aparecer este substantivo, ollo!- todo ten o seu prezo, ninguén nin nada escapamos e velaí o está o motivo diso que lle chaman "asimilación". Bueno, un alemán aló polo 1800 e pico a esta realidade, chamáballe "alienación" o que ocorre é que logo o termo, foise deturpando a mantenza e derivou en "tolemia". Tal vez, estexamos alienadas e alienados por mor da tolemia que nos inocula a barbaridade do brutal capitalismo, roubador de conciencias e apisonadora de diferenzas. E falo das diferenzas como prantexamentos culturais, ideolóxicos, etc e cantas outras cuestións, teñan unha relación directa co que implica ser persoa que, fundamentalmente debería ser exercer de ser humano. E niste punto, un abergóñase de selo, ou de portar o cualificativo que dada arealidade na que nos atopamos inseridos, mesmo insulta ao propio reino animal. Digo por mor da outra parte non racional que tamén forma parte de nós.

Con estes prantexamentos, coa propia realidade que, xa digo, a ninguén se lle escapa das mans, mesmo aínda fechando os ollos para non asumir o conflicto, os gobernos asentas e calan; caso contrario, o seu status outorgado polo mesmo poder do goberno exercido, finaría sen chegar a durar nin un simple laio.

As metamorfoses, daquela, abraian até ao máis convencido, o máis crédulo e instálase a necesidade imperiosa do laisser faire -non traduzo que as galegas e os galegos, ao contrario que outra xente, sabemos idiomas, encetando polo propio que é o galego-, de deixar que fagan e de crer que as cousas, as resolven desde arriba, os políticos. Claro está, moitos deles, malia tentalo, non dan porque a sociedade non respostamos por mor da nosa calma permanente, por mor dise enorme compás de silenzo de redonda con calderón indefinido, por mor da nosa alienación colectiva patente e perenne. Somos xente en troques de persoas e precisamos da tutelaxe, de sermos titorizados ata por xente indesexábel, non o intentamos por medo ao fracaso e porque tememos aos nosos propios conflitos persoais que logo trasladamos aos outros a fin de descargar a nosa culpa e lavar as nosas cativas conciencias aburguesadas -aínda que sexamos pobres coma ratas, o caso é, aparentar-. Cagho na fidalghía do carallo!. Mentres o poder estabelecido, vai fechando filas, nas filas, tamén vamos nós coas nosas cativezas e miserias, unhas aprendidas e outras impostas, pero miserias a fin de contas. Temos os catro elementos, o tempo e a vida e malia todo, permitímonos o luxo de que nos vendan o latón e as quincalladas a xeito de vulgares ilusións ópticas e a costa de tantas cuestións, de tantas cousas tan importantes que, non sei que damos máis, pena ou noxo!
Século XXI, avances en todos os ámbitos e campos, unha crise brutal -outra, a primeira xa é a dos valores humáns-, poderes e contrapoderes gubernamentais, paraísos fiscais por ende, ´venda e tráfico de armamento, droga, prostitución, persoas e aínda falamos de evolución. Para iso, para a evolución, é preciso a revolución que a promova. E a revolución, hai quen o sabe, non remata coa loita, a loita, segue coa revolución; desde o intre que se anesga e apousa, deixa de selo.

E hai persoas que ao xeito de Gregorio Samsa, recordamos pola mañá cedo, notando un xeito de transformación. Contemplámonos raros, estranos non ao xeito do coleóptero que define Kafka, pero si mergullados nunha realidade tan caótica, enrevesada e ateigada de miserias que xa non vemos de nós quen nós mesmos somos; a nosa realidade, vese mudada e sen ter consciencia nin aviso por parte de ninguén, deste trascendental acontecemento. Todo é kafquián, até o escarabello, amosa unha presenza amábel e fermosa diante do que vemos e diante do que ven os outros de nós; xa non queda nin clase, nin modais, nin nada, semella que todo serve con tal de acadarmos o antes posíbel o obxectivo, o de menos, é o camiño a percorrer, o seu disfrute e canto nel se poida compartir. Compre recuperar o humanismo, logo, o feito de termos consciencia e conciencia de País; o resto, vai saíndo aos poucos!.
Pero, no proceso, os bechos máis abondosos, soen ser as cascudas -que non teñen a dignidade dos escarabellos, por certo-, son noxentos porque comen todo xeito de lixo e porcallada e van enchendo os seus bandullos famentos de poder para asoballar, discriminar e humillar ás especies que, ao seren distintas deles, lles fan fronte.

Esta ven sendo a realidade na que se atopa o eixo primordial da nosa cultura, da nosa identidade como pobo: o idioma. Arestora, en mans das cascudas amábeis no seu primeiro prantexamento e reaccionarias en todas as súas formas, sen límites, sen valores non sendo os materiais que lles outorgan poder para ter máis status e poder económico que é aval para xerar moito máis poder aínda. O desenlace, xa sabemos ou, podemos intuir por onde vai: a desaparición acelerada do idioma galego, o mesmo que o fai o noso patrimonio cultural material ou non, o noso medio ambiente e ata, sen nos decatar, nós mesmas e mesmos.

De sermos insectos, a lo menos, sexamos vacalouras no exercicio da nosa dignidade como pobo; ao facelo, tamén o facemos de forma persoal!.
E, ao mesmo xeito que no remate de "Os dous de sempre", eu tamén PROTESTO!!!. Digo eu, por si serve de algo e de paso, as persoas do común, podemos retomar a condición de selo.

Saúde e Patria!
(c) Fx 13/06/09

Voltar a Opinión
Ir a Novas

Fernán Xosé Mourenza Fernández

Fernán Xosé Mourenza Fernández (Vilamaior de Negral, Guntín de Pallares 1965). Diplomado en filoloxía románica na E.U.F.P. de E.X.B. de Lugo. Presidente das Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego desde o 96. A día de hoxe participa en diferentes colectivos ao tempo que escrebe tres libros e forma parte de tres grupos corais...[ler máis]

Artigos de Fernán Xosé Mourenza Fernández:

*Patrimonio VI "Vai de entroido" (22/05/2007)
*Patrimonio V "Ferreiros" (06/04/2007)
*Patrimonio IV "Conto para lembrar" (21/03/2007)
*Patrimonio III "O zoqueiro" (04/03/2007)
*Patrimonio II "Vai de seitura" (13/02/2007)
*Patrimonio I "Canteiros" (01/02/2007)
*"Malas artes" (21/01/2007)
*"Calidoscopio social" (05/01/2007)
*"Refulxe o País, reaxe o BNG" (06/12/2006)
*"O cantar do vagamundo" (28/11/2006)
*"...E pasaron os unos..." (26/08/2006)
*Por qué un novo Estatuto? (27/06/2006)
*Crise identitaria... (24/03/2006)
*PXOM ou PXE(speculación)? (21/03/2006)
*Cecais... Cultura? (15/05/2005)