Publicidade
Contacto
|
Desde a xanela
*"Malas artes"

Un artigo de Fernán Xosé Mourenza Fernández. (21/01/2007)
Un, ten coma os picariños, certa tendencia a crer mesmo, en imposíbeis.
A realidade, por desgraza, achéganos ao feito incuestionábel da burramia e malas artes da especie humana.
Malia a toda ou calquera postura amosada últimamente por un partido conservador-caso do PP- de acoso e derribo, algúns, ainda agardabamos para a cuestión estatutaria, unha nova actitude; nada, outro tanto coma crer nos reis magos!. A actitude sempre reaccionaria, hostil e absolutamente belixerante con calquera ápice de cambio só pode acadar das suas mentes retortas e dos seus beizos frios, a resposta dun contundente NON.
A tal efecto, non escatiman medios recursos e estrataxemas para xustificar a sua actitude anti-progreso deste País Galego. Se non os hai, mesmo se inventan ou senon, sacan do cadaleito con cheiro a alcanfor ao seu trilobite en funcións -e que me perdoe o señor Fraga por esta definición pero, co seu modus operandi, el só se define- co gallo de nos relatar todo tipo de batalliñas e disparates propios da senectude máis avanzada e doutras épocas que el ao mellor, lembra con certa saudade. Craro que eu, en cuestións domésticas, xa non entro. Motivo polo que non vou ser eu quen lle diga ao PP o que ten de facer con ese señor; unha imaxe, vale máis ca mil palabras!.
A cousa está ben crara e definida, amosando a súa saña, o seu odio máis descarnado e visceral, arremeten contra calquera cousa diferente ou que se mova contra os seus intereses, non lles importa o que leven por diante. Galiza é o que levaron por diante nos anos de governo Fraga na Xunta e é o que queren levar por diante agora coa actitude do propio partido na figura do señor Feijoo impedindo dar un paso máis a fin de evoluir coma, por dereito xa tiña que ter feito desde os anos 80 este País. Pero seguimos coa máxima e o caso, é que non a queren mudar: "España una y no cincuenta y una!". Neste senso, compre preguntármonos que foi o que mudou este Pais desde aquela non sendo o traballo de tantas mulleres e homes galegas e galegos para traer a luz e a esperanza dun futuro mellor para o pobo, sempre aldraxado, sempre explotado en mans destes señores que, por riba ainda tiveron a desbergoña de lle por ao seu partido, "Partido Popular". Pero, vexamos, desde cando un partido político que nega os dereitos máis básicos e fundamentais ao pobo, se pode denominar "popular"?. Vaia un insulto á dignidade e a interlixencia humanas!.
A resposta "non puido ser!", non serve!. Evidentemente, NON PODE SER O QUE NON SE DESEXA, O QUE NON INTERESA, O QUE SE REXEITA DE CUALLO PORQUE ATENTA CONTRA OS INTERESES PARTIDISTAS E PARTIDARIOS DA RÉMORA DESTE PAÍS: OS POLÍTICOS DESLEIGADOS SEN CONCIENCCIA DE GALEGAS E GALEGOS. A min que o señor Feijoo sexa do PP non me importa, respétoo pero non o comparto; o verdadeiramente preocupante resulta que non sexa galego e por iso renegue deste País ao negarlle a Galiza a posibilidade de entrar noutra dinámica para ser unha NACIÓN e das de primeira porque non merecemos menos.
O Estatuto actual -e xa o dixen hai tempo- fica obsoleto arestora e estes señores, debérano ter ben craro non sendo -iso si-, que non saiban nen onde se atopan e das necesidades reais deste País, non as que figuran en papeis e estatísticas. Daquela, compre darlle a Galiza máis competencias e máis protagonismo, máis capacidade de determinación propia para sair do vagón de cola do Estado español. Iso enceta polo recoñecemento de Nación e do galego como língua propia do mesmo. E por iso, este Noso País precisa dun Novo Estatuto non de autonomía, senon de Nación cousa que nos corresponde por dereito, historia e tradición.
Non digan entón: "non puido ser!". Mellor digan: "non queremos que sexa!" e deste xeito deixarán de lle mentir ao pobo e de paso, digan tamén que o pobo non lles importa nada, non sendo o poder que lles pode outorgar en cada plebiscito popular. Meus señores, esto non lles é unha comedia de Moliére, elles unha responsabilidade moi grande porque, falamos de persoas -non de tres ou catro, por suposto- e estas, merecen todo o respecto cousa que vostedes nen sequera amosan coa sua actitude e feitos.
Estando crara a cuestión, coido que o pobo, que é intelixente a pesares da venda que diante dos ollos tanto lle teñen colocado vostedes -antes co franquismo e agora co pepeismo-, saberá decidir o seu destino e colocar a cada quen no lugar que lle corresponde.
Saúde e Patria!, mesmo tamén para quen coma vostedes non a merecen por desacreditaren dela.
(c) Fx 21/01/07
Voltar a Opinión
Ir a Novas |
|