Publicidade
Contacto
|
*"O cantar do vagamundo"

Un artigo de Fernán Xosé Mourenza. (28/11/2006)
Eu, son calquera, podo ser todos e mais ninguén. Son o que canta polos camiños a soidade da miña Terra, a mágoa dos meus pesares. Son o que se ergue cedo e vai asubiando cada dia, de cada mes, de cada ano coa única compaña do son da natureza e o meu nome non importa. Ainda que son importante só polo feito de ser o anónimo, de ser persoa.
Eu son o vagamundo, o percorredor de recunchos inesquencíbeis, o transeúnte inquedo da alba e do solpor, da primavera e do inverno, da calor e mais do frio. Iste, é o meu cantar, "o cantar do vagamundo", o cantar de quen non é de nengures ainda que apertenza a todas partes. E cántovolo asi deste xeito, nen mellor, nen peor.
...Hai anos, moitos anos que a penosa realidade que asolaba a nosa Terra, ainda hoxe, triste Galiza, fixo que, o mesmo que tantas e tantas outras máis persoas, colleramos o rumo da emigración. Eu tamén marchei. Fun polo mundo sen preparación, sen un peso e o peor de todo, sen conciencia do que era, de quen era. Daquela pensaba que o feito de ser galego, non era máis ca unha desgracia e sentín nas miñas carnes o complexo de inferioridade conseguinte.
Poderia, xa que logo, dicir que eu fun un emigrante, un vagamundo transitador de vilas e cidades, camiños, corredoiras, estradas e ruas alleas, descoñecidas, pola foraneidade do mundanal ruido. Eran frias, desprovistas de calquera xeito de calor humán e sentín a dor da indiferencia e da soidade. Non me sentín rechazado mais, tampouco querido. Isto manca e deixa unha fonda pegada.
A cuestión política era insofríbel, só se podia comulgar cun credo. O feito simple de discrepar abondaba para ser considerado coma non grato, ou o que era peor, disidente ou "rojillo". Outro feito máis para marchar sen rumo, sen dirección. Andaba na percura do máis cativo indicio de liberdade pois eiquí eso, resultaba unha utopia mesmo ainda a dia de hoxe, sen acadar. Coma galego, sego a me considerar unha persoa controlada polo Estado español eso, goberne quen sexa no mesmo.
E marchei para as Américas ainda que, lacazán de min, non fun quen de facelas. Andei pola Arxentina, Uruguai, Brasil, Venezuela, Cuba, México... . E voltei ao vello continente europeo na percura-como xa dicia- dalgo que ainda hoxe, non fun quen de atopar en ningures: un país unido e firme contra calquera xeito de colonialismo, de imposición foránea onde sexa respectado o propio en detrimento do alleo e onde a palabra "persoa" teña auténtico senso e o valor que lle corresponde. Andaba pois na busca da utopia e isa é a miña meta, por sorte, inalcanzábel.
Logo de tanto andar e andar e desandar mundo e camiños, voltei á Terra e a realidade coa que topei era a dunha consolidada transición de vinte e tantos anos pero cunhas eivas terríbeis a nivel democrático: unha Constitución obsoleta e caduca nesta nova realidade, unha distribución do Estado que pouco ou nada se diferenciaba da época dos Austrias ou de Franco, as mesmas inxustizas e desequilibrios consentidos-polo propio pobo- e outorgados-polo aparello do Estado- e tantas e tantas máis outras cousas que xeraron en min, unha morea de conflitos persoais.
Pensei que todo poderia mudar se entre todas e todos arrimamos o lombo e coadxubamos na percura de acadar a dignidade, a liberdade, a autodeterminación deste Noso País. Mais para iso, compre previamente termos asumido o cncepto de sermos nós libres-pois, ninguén da o que non ten- cun fundo exercicio de automotivación, da inxección de autoestima, de botar de riba de nós os nosos complexos e por en marcha as enormes potencialidades que posuimos.
E pregunteime que fora daquel primeiro reino europeo xerador de todo tipo de riqueza, social, cultural, económica,etc.
Souben que a resposta, xa non podia ser o simples silencio. Atopábase en cuestións coma a política centralizadora dos reis católicos, nas loitas intestinas polo poder da nobreza, os intereses da igrexa e a sua doble moral entre o ben e o mal, no mudar interesado do sentido das palabras coma xustiza social, equilibrio social. E decateime de que o mal, atopábase no social e de ahi, era de onde deberia xurdir a solución. Efectivamente, non hai outra.
Esta Terra eme descoñecida, resúltame estrana. Síntome un extranxeiro pero, na miña propia casa e non me gosta. Son un esperpento da realidade que sofrimos entre emigrantes e vagamundos no que é de noso pero e malia todo,sego a me orgullar de ser galego, coido que é a meirande condición que nunca me outorgasron, que nunca me outorgara antes. A miña vaca do País chámase "Cachorra" e non "Margarita" e góstame espallar o que son e sinto por ende para que todo o mundo esperimente esta sensación única, este sentimento único: nós e a nosa cultura.
Pensade que con tantos problemas sociais, o que non se pode é contentar ou silenciar as nosas conciencias con fútbol, telenovelas ou OT.
Agora, sigo a ser vagamundo, iso si, na miña Terra e con "denominación de orixe". galega, por suposto!.
O meu cantar axúdame a "andar" o camiño que ás veces hai que construir e resulta triste e solitario coma min pero, guía pasemiño, os meus pasos. Cecais porque con iso, abonda(¿...?).
...Sigo a cantar, agora máis alto e forte pois hai esperanza nas ruas e nos corazóns das xentes que coma min, son vagamundos deste fermoso e grande camiño chamado Galiza.
(c) Fx 28/11/06
Voltar a Opinión
Ir a Novas |
|