ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Aqui falamos tod@s!

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Arquivo
Ligazóns

17 abril do 2007
Martes17 de abril de 2007, poderiamos dicir que é un martes de gloria.
De gloria para miles de persoas, para miles de familias galegas que, tocadas pola enfermidade da drogadicción, poderán ser atendidas en centro de saúde como todos.
Serán, oficialmente, doentes. Poderán ser atendidos nos centros de saúde. Como vostede, como eu.
Deixan, dunha vez, en Galicia de ser marxinados, tratados en lugares diferentes, coma se fosen apestados.
O Real decreto 1030/2006 estableceu en toda España que non habería discriminación por razón de enfermidade.
E a Orde 12 de marzo de 2007 regula en Galicia a súa posta en vigor aos 20 días da súa publicación no DOG de 28 marzo 2007.
Non deixarán de traballar os especialistas que ata agora trataron as persoas con drogadicción non alcohólica ou nicotínica.

Supervisarán eles, como sucede con calquera outra enfermidade; os que estiveron nas duras estarán tamén nas maduras.
Os traballadores dos centros de drogadicción son os que mellor coñecen o problema, e saben mellor que ninguén como tratar ao enfermo.
Pero desde o día 17 deste abril poderá ser dado e seguido o tratamento nos centros de saúde de cada barrio, de cada concello.
Outro tabú ao lixo - é onde teñen que estar os tabús -
A meu enhoraboa ás nais contra a droga, que loitaron como ninguén para conseguir isto.
A miña enhoraboa ao goberno de España e ao de Galicia por habelas escoitado.
Ao fin estaremos ante unha lexislación en materia de saúde que nos enorgullece.
Teremos que seguir avanzando; pero creo que imos por bo camiño.
Estou segura que miles de persoas de esquerdas alegraranse desta noticia, e non soamente as votantes de esquerda, alegraranse todo un cúmulo de boas persoas.
Hai moitas máis boas persoas que os de dobre ou triplo moral.
Unhas pouquiñas sentirán rabia, non queren que se respecte aos tolos, aos toxicómanos, aos inmigrantes, seguirán indo ás casas de "mala nota" para ocultar as súas debilidades.
Aos seus fillos tidos fora do matrimonio chamaranlles bravos (aludindo ao xabaríl).
Peor para eles, compran todo pero non teñen nada.
Non lles queda nin a vergonza.

Nota: O sábado 14 de abril outra boa nova, inaugúrase ás 13 horas Casa-Museo de Casares Quiroga na Coruña, a casa onde viviu na R/Panaderas.
Ás 14:30 comida no Hotel Cidade da Coruña, hai que inscribirse antes do 10 de abril, prezo 25 € pódese pagar na seguinte conta 00720140340000103609

Por Victoria Díaz Cabanela (04/04/2007)

¡Que atentos os de atento!
1500 persoas traballan na empresa do Grupo Telefónica ATENTO en Coruña.

Se non están atentos e non son atentos cos posibles clientes ameazáronos de despedimento e aínda sendo atentos non poderán estar doentes.

Antes, nos meus tempos, non se podía despedir aos traballadores con baixa médica.

Como xa estou maior e non me lin recientemente o Estatuto dos Traballadores, non sei se estes despedimentos serán nulos, improcedentes ou procedentes.

A min parécenme despedimentos nulos, pero non o aseguro.

A razón pola que non quero ter nada que ver con Telefónica é ese trato indigno con que se trata a eses traballadores.

Escravos do novo milenio, eventuales, serviles, e atentos.

Vou a un buscador e escribo "ATENTO" pincho en ¿quen somos? e sorpréndome.

"O pasado exercicio, a compañía conseguiu novos servizos para a Administración Pública. Así mesmo, Atento consolidou a súa posición no segmento energético, financeiro e de telecomunicaciones, onde seguiu prestando servizos para Grupo Telefónica. En 2005, Atento España logrou un notable crecemento, cun aumento de ingresos do 22,2 por cento. O incremento do negocio permitiu á compañía incorporar a 2.018 novos empregados e seguir consolidando a súa posición no meracdo español"

O que non comprendo é que se lles vai tan ben cal é a razón de ameazar con despedir ao que se atope doente.

Seguramente a miña pobreza de coñecementos faime pensar que unha empresa que ten contentos aos seus traballadores crece como a espuma, un crecemento dun 22,2 por cen en ingresos non pode ou non debe dar a mala imaxe de ter aos seus traballadores na pura inestabilidade laboral.

Eu púidenme desfacer de Telefónica e de ser atendida por ATENTO, espero que las demais compañía sexan máis consideradas cos seus traballadores e se non cambiaremos de compañía.

Por Victoria Díaz Cabanela (12/03/2007)

Concello de Muros, suspenso en atención ao cidadán
Se o concello de Muros se sometera a unha hipotética avaliación, ainda que algunhas das súas competencias merecerían un suficiente, a atención ao cidadán sería a asignatura pendente de recuperación.

Comecemos por analizar o sitio web do concello. Dirixámonos ao enderezo www.muros.es , que ten por obxetivo, en palabras do saúdo da alcaldesa Caridad González Cerviño “ademáis de dar a coñecer os monumentos e paraxes naturais, compartir ALGO da historia e do presente do concello”. Unha gran verdade ese “algo”, porque todo non se pode saber… Estas páxinas web comezan por omitir unha parroquia, Sestaio, entre as oito que compoñen o concello. A información, salpicada de erros ortográficos está bastante desactualizada, e as consultas via web non se atenden xa que despois de ser distribuidas en función do asunto, os destinatarios non se molestan de dar resposta. Ademáis disto, as actas das reunións dos plenos xa non se penduran da capa do web xa que esta información só foi enviada a Casa da Cultura, onde se encargan do seu mantemento, durante uns meses. Agora hai que achegarse a casa do concello para enterarse das decisións de quén nos governa.

A atención telefónica tampouco é a mellor. Despois de facer unha proba chamando ao teléfono principal do concello para preguntar acerca do estado do novo plan urbanístico que se está a elaborar, fiquei coa resposta que xa tiña, e dicir, ningunha. Unha funcionaria contestou amablemente o teléfono pero non soubo darme a información que lle pedía. “Terías que falar con fulaniño…”, “podes transferir a chamada?”, “e que agora non está…”, “tardará moito?”, “pois non che sei…”, “e ti non sabes en que estado se atopa o plan?”, “pois non che sei tampouco…” foron algunhas das frases na nosa breve conversa.

Pero de todas, a persoal sorprende máis. Na planta baixa da casa do concello, nada máis entrar atopámonos cun mostrador agardando a que alguén se coloque detrás. Se o que queremos é falar coa alcaldesa ou con calquera outra “personalidade” e cadran a estar ausentes, ninguén di nen a onde foron nen canto tempo tardarán en voltar, polo que xa podemos quentar o banco nunha longa espera. A resposta máis frecuente é “saiu a tomar un café”.

Para solicitar información acerca dalgunha lei, pedir permiso para reformas, etc. é preciso encher un impreso para facer a solicitude e agardar que a contesten, e ter moita pacencia pois moitas veces a contestación nunca chega despois duns cantos meses. Algúns curiosos que xa pasamos polo trago atrevémonos a preguntar que foi deses impresos, a resposta non é moi convincente “van para aí adentro” informoume unha funcionaria sinalando a oficina do secretario do concello. Terá esta oficina algún caixón segredo onde se acumulan as solicitudes? Ou irán parar ao lixo?

Reunidas varias queixas e coa intención de facer algunhas suxerencias de mellora un colaborador deste artigo falou con Belarmino Maneiro Rey, tenente alcalde do concello, pero ao ver que non amosaba moito interese e parecía máis preocupado pola hora de saír a xantar, éste díxolle que non se sentía atendido. En troques de mellorar a atención con este cidadán, a resposta foi do máis negativa “ou saes ou che mando detido coa policía local”. Cousas veredes…

Pregúntome eu, para cando serán os exames de recuperación? En tempos de eleccións?

Ben seguro.

Por Inés Abeijón Cernadas (16/01/2007)

Perplexos
Dolorosa e amargamente perplexos quedamos este penúltimo día do ano, que comezou coa inútil e perigosa revancha de colgar a Sadam e, continuou, co inútil e perigoso atentado terrorista de Barajas. Utilicei o plural maxestático porque confío en compartir este sentimento de abatemento cunha inmensa maioría, que nin pode alegrarse de adquirir unha pírrica vantaxe táctica (eu tiña "razón" dirá o PP), nin pode pensar por outro lado que canto peor mellor.

Mellor, para quen?, mellor para que?; todos e todas perdemos, e trataríase agora de minimizar os retrocesos, de illar aos que poidan sentir satisfacción ante as consecuencias da "senrazón que á razón espanta".

Comezando polo máis próximo, se se confirma a autoría de ETA deste atentado, significase o final de moitas esperanzas postas na súa inmediata disolución, pero non debería significar perder a oportunidade da Paz, esa que é algo máis que a ausencia da violencia, deberiamos tratala como unha oportunidade de illar aínda máis aos sectarios. Á ofensiva e non á defensiva, democraticamente; o que non pode é servir de escusa para acosar máis á esquerda abertzale, aos que apostaron por defender as súas ideas dende a política nas institucións, ao contrario debe servir para illar máis a banda de todo ámbito social.

O "proceso" pode e debe seguir con ese ámbito socio-político, demostrando que a democrática é a vía correcta, porque pode solucionar os problemas con máis democracia; será moi difícil ter agora o valor de facer o que non se fixo antes e, sobre todo, cunha dereita cortoplazista que só se interesa polo seu rédito electoral, pero nada debería impedir facer os xestos necesarios, co cumprimento da lexislación penitenciaria sen excepcionalidades (achegamento de presos, enfermos, etc.), co distanciamento de determinadas actitudes da xudicatura (De Juana Chaos), coa legalización do Partido Abertzale para as próximas eleccións, xestos que demostren que todas as ideas e formulacións políticas caben na democracia, xestos que deixen illada a violencia sectaria sen escusas e sen apoios.

ETA pode ser "un problema policial", o independentismo é un problema político da democracia e, como tal, a cidadanía vasca deberá pronunciarse no tempo e forma que unha mesa de diálogo sen exclusións propoña.

Os máis detestábeis serán, sen dúbida, os que se sintan hoxe intimamente satisfeitos por ambos os dous sucesos, porque ambos os dous levan as cousas a peor, non a mellor, e son fillos da vinganza e non da xustiza. A violencia necesaria, din. Dúas aberracións, dicimos moita xente. A morte dun canalla que morre non polos seus crimes, senón por que perdeu, solo pode satisfacer aos seus executores e aos seus cómplices por acción e omisión, a quen con este xuízo -unha matanza nunha aldea chii- pretenden deixar sen xustiza tantos outros crimes cometidos (kurdos, iranianos) e, o máis importante, na impunidade aos seus cómplices, porque este xuízo non pretendía ser "a nai de todos os xuízos", senón sepultureiro dos que puidesen vir.

Nin verdade, nin reparación, nin xustiza, só un pouco máis de gasolina no incendio provocado en Iraq, só unha mostra de debilidade e a utilización da violencia para conseguir fins que só o terror pode conseguir. Terrorismo.

Por Antonio Arnau (31/12/2006)

FEDERACION RUSA: “CONFESIONS” A GOLPES BAIXO CUSTODIA POLICIAL
“Salas dos horrores”. Así cualificaría eu a estes lugares creados co fin de obter “confesións” das persoas detidas como sospeitosas de delitos. Nestas salas, onde os dereitos humanos quédanse de portas para fóra, asfíxiase, realízanse descargas eléctricas en diversas partes do corpo, danse malleiras con porras, barras, con botellas de plástico cheas de auga e, en mesas metálicas con dispositivos de inmovilización de brazos e pernas, cométense violacións. E é que a obtención dunha “confesión” é a forma máis rápida e sinxela de resolver un caso e ascender rápidamente no escalafón.

En xaneiro de 2.006, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sinalou graves defectos na resposta da Fiscalía ás denuncias de tortura e concluíu que Rusia violara a prohibición de tortura e malos tratos así como o dereito a un recurso efectivo.

Segundo informes de Amnistía Internacional, Rusia non permite o acceso inmediato do Subcomité para a Prevención da Tortura aos lugares de detención situados na República Chechena, é o único país do Consello de Europa que non autoriza regularmente a publicación de informes do Subcomité e carece dun sistema de visitas a todos os lugares de detención que sexa eficaz, independente e de aplicación nacional.

A xornalista Anna Politkovskaya era unha entregada e valente defensora dos dereitos humanos que denunciaba sen medo a violencia e a inxustiza. O seu labor xornalístico de informar sobre os abusos contra os dereitos humanos cometidos en Chechenia e outras rexións da Federación Rusa resultaba demasiado “incomoda” para moitos. Por tal motivo, alguén decidiu tomar o camiño máis “fácil”. Anna Politkovskaya acabou atopando a morte por disparos o pasado día 7 de outubro nun ascensor do bloque de pisos onde residía en Moscú.

Se queres poñer un punto e final á tortura, aos asasinatos e en definitiva ás violacións dos Dereitos Humanos, entra na nosa web www.es.amnesty.org e únete a nós, XUNTOS TEMOS MÁIS FORZA.

Por Amaya López Núñez (18/12/2006)

"Peter Pan e os nenos perdidos"
O outro día tiven a ocasión de levar os meus fillos a ver a obra de Peter Pan e, por un momento, véuseme á mente a imaxe dos "nenos perdidos de Peter Pan" pero como a dos nenos que aínda non poden estudar cos seus irmáns porque Educación non os deixa. Máis que perdidos son os esquecidos, os ignorados, os abandonados á súa sorte.

Por uns instantes Peter Pan fíxome volver crer en Campaíña e nas fadas. Mesmo lles cantei a canción. Pero como toda obra de teatro cando remata, lévase con ela a ilusión, a fantasía, o encanto e a maxia do teatro e da música...

Onde estará esa Wendy que nos leve da súa man e nos saque do País de Nunca Xamais?

Ai, Wendy, se ti soubeses todo o que eu sei!

Nunca mais, Nunca Xamais

Por Marta Rodriguez Pantin (06/12/2006)

MEMORIA HISTORICA
Durante a Guerra Civil española ambos bandos cometeron atrocidades, que o dereito internacional xa cualificaba de crimes contra a humanidade. Durante o franquismo, a represión continuou. Algunhas voces manteñen que “é mellor non remover o pasado”, pero quen o ignora está condenado a repetilo. Mentres que as vítimas dun bando recibiron todo tipo de prebendas no franquismo, outras e quen sufriron a represión franquista foron esquecidas.

En poucas semanas, o Parlamento español votará o proxecto de lei de “dereitos das vítimas da Guerra Civil e o Franquismo” co que Goberno intenta pasar páxina sobre abusos e crimes pasados, ignorando normas internacionais relativas ao dereito á verdade e o deber de recordar, e ao dereito das vítimas a interpoñer recursos e obter reparaciones. O proxecto ten trazas de converterse nunha Lei de “Punto Final” porque oculta e privatiza a verdade, non ofrece xustiza e ofrece unha reparación escasa. Confirma a tendencia dos últimos 30 anos cara a unha reparación económica parcial e sen conexión cos graves abusos contra os dereitos humanos, que brillan pola súa ausencia, e nin sequera inclúe a anulación das sentenzas dos xuízos sumarísimos de persoas condenadas a matar.

Se non se enmenda, o proxecto supoñerá un perigoso antecedente de impunidade fronte a outros abusos contra os dereitos humanos que poidan cometerse en España no futuro ou que poidan ocorrer no pasado (caso do País Vasco). ¿Terá que derrogar España dentro de 20 anos esta “Lei de Punto Final” como ocorreu en Arxentina ou crear leis de nulidad que verdaderamente recoñezan os dereitos das vítimas da guerra civil e do franquismo? ¿Non foron suficientes 70 anos de esquecemento?. Amnistía Internacional iniciou unha campaña para conseguir cambios no Proxecto. Infórmese en www.é.amnesty.org

Por Amaya López Núñez (17/10/2006)

PENA DE MORTE: O FRACASO DA XUSTICIA
Pena de morte. Simplemente tres palabras que encerran un dous maiores horrores que a  humanidade, a día de hoxe, segue cometendo. Se decapita, se electrocuta, se aforca, se fusila, se lapida, e se aplica a inxección letal, esta última, a fin de facer as “execución máis humanas”. Curioso xogo de palabras. Se condena á pena de morte a menores, a persoas con discapacidade mental, a culpables e a inocentes. Se lles condena en xuízos inxustos , nunha lingua que pode que nin tan siquera falen ou lean, tras torturas e malos tratos para obter “confesions” forzadas por delitos que nin siquera cometeron. Tanto da que cometeran fraude fiscal, malversación de fondos ou delitos de drogas. Se lles executa - incluso por intereses económicos - a bordo de “furgonetas móviles de execución” onde o persoal médico presente encárgase de extraelos órganos dos cadáveres coa maior rapidez posible. E eu pregúntome, ¿Qué acada a nosa sociedade con todo elo? NADA , nada agás prolongalo sufrimento dos condenados á pena capital  e o das súas familias, quenes en moitas ocasións descoñecen incluso a data na que se vai poñer fin á vida dos seus seres queridos, e a quenes tamén, en moitas ocasións, ni tan siquera se lles entrega o corpo xa sin vida do seu fillo, do seu pai, do seu irmán…. NADA.  Porque ni tan siquera, e as estadísticas falan por sí soas, acadouse disminuílo índice  de delincuencia coa amenaza e aplicación da pena capital respecto de outros castigos. A pena de morte é inútil. No reflexa máis que  o fracaso da sociedade ante a imposibilidade de atopar solucions a problemas humanos complexos. É un castigo que se aplica de forma discriminatoria, por razón de raza e clase social, que constitue a negación máxima e irreversible dos dereitos humanos, un homicidio a manos do Estado e en nome da xusticia.

Hoxe, más de veinte mil persoas condenadas a muerte en todo o mundo atópanse á espera de que as maten os seus propios gobernos. Invítoche a tí, lector, a que alces a tua voz en contra da pena de morte, visita a nosa web www.es.amnesty.org,  a tua acción pode salvar vidas.

Os dereitos humanos son aplicables tanto a culpables como aos inocentes, aos millores como aos peores. Ése é o motivo polo que a pena de morte debe abolirse en todo o mundo” Irene Khan, Secretaria Xeral de Amnistía Internacional.

Por Amaya López Núñez (24/11/2006)

Nova Orleans
O país máis rico e poderoso do mundo non foi quen aínda de evacuar a todos os habitantes de Nova Orleáns. Leva anegada case dez días. O país con máis medios do mundo (segundo para qué) non foi quen de protexer aos habitantes desa cidade da catástrofe que lles viña enriba, e que fora anunciada había tempo. O país máis fachendoso do mundo está a recibir axuda humanitaria do resto dos estados. Hugo Chávez ofreceu un millón de barrís de petróleo de balde e Fidel Castro a máis de mil médicos. Mesmo o Estado español vai mandar petróleo aos ianquis.

Non o critico, é momento de axudar á pobre xente que sobreviviu ao Katrina pero ficou sen nada. Sei tamén que a magnitude de certas catástrofes pode rebasar todas as previsións e precaucións. Aínda así, non podo evitar que neste momento todos asistimos a unha demostración de que a filosofía ianqui capitalista, neoliberal ou como se queira chamar de “cada uno que vigile su culo” está afundida na podremia baixo as augas de Nova Orleáns.

Nun país onde todo se deixa á iniciativa privada ninguén se preocupou polo colectivo, polos asuntos públicos. Os diques non dan cartos. As guerras si. O presidente do país máis poderoso do mundo e a gobernadora do estado de Luisiana dicían nos peores momentos da catástrofe que só se podía rezar. Quizais agardaban que Deus fixese polos medios públicos o que eles descoidaron estes anos.

Unha cousa que me chamou moito atención no seguimento informativo da situación en Nova Orleáns foi o xeito en que os medios de comunicación centraron de súpeto a súa mirada nos saqueos e na violencia desatada nas inundadas rúas de Nova Orleáns. Os diques, o plan de evacuación, a atención sanitaria aos afectados, atopar aloxamento para os refuxiados (niso se converteron)... Todo iso pasou a un segundo plano. Na batalla de audiencias resulta máis rendible  por imaxes dun negro cunha recortada que unha aburrida reportaxe sobre estratexias de evacuación. Atopouse un “malo”, un inimigo a bater, e ese si é un terreo no que os ianquis se senten cómodos. Os periodistas centraron as súas imaxes e crónicas naqueles negros que roubaban comida (non digo que non houbese algún energúmeno perigoso), seguindo así obedientes a liña de actuación das forzas públicas que, en lugar de axudar aos cidadáns, levaron a cabo unha ocupación militar en toda regra. Aínda persiste a orde de tirar a matar antes de preguntar. Onte escoitei a un periodista dicir pola radio que o que máis temían deambulando pola ex-cidade era recibir un tiro, pero non de Will Smith ou un colega seu, senón da policía ou os militares. Seguramente había moitos intereses privados que defender desa masa de delincuentes perigosos na que se converteron as víctimas do Katrina dun telexornal para outro. Xoierías, bancos, tendas, videoclues foron os principais beneficiarios da estratexia de ocupación militar do exército e a policía mentres a xente pasaba fame e as augas se contaminaban. Agora disque hai unha bacteria letal. Como ocorre dende o comezo, as advertencias chegan, logo as confirmacións das malas noticias e por último, cando o mal está xa feito, comezan a actuar os “responsables”. Dende logo, vendo como actúan no seu propio país, é fácil imaxinar que a situación en Irak ou Afganistán é mesmo peor do que podemos ver nos televisores.

Estes días vimos imaxes dos amos do mundo que facilmente poderiamos sitúa en África ou Sudamérica. A desprotección, a catástrofe humanitaria. Mesmo a desgracia quixo que a meirande parte dos afectados sexan negros. Xa se sabe, sempre pagan os mesmos. O feito de que se produciran saqueos indica que moita xente vivía en condicións difíciles en Nova Orleáns. O Katrina amosounos que en USA hai moitas cousas que feden, que os americanos que non son donos dunha productora, unha cadea de hamburgueserías ou unha fábrica de armas están bastante mangados. Que o seu sistema non funciona para eles. Só espero polo seu ben que teñan ao día as facturas do seguro médico...

Por Bruño Fraga Bugallo

Un NON para outra Europa
Teño que recoñecer que cando o domingo á noitiña escoitaba nas radios que o NON gañaba no Referendum fracés sobor do tratado constitucional para Unión Europea sentín unha grande satisfacción, ao igoal supoño que todos aqueles compañeiros e compañeiras que desexan un modelo político para Europa distinto do que marcou o proceso historico de construcción da UE e qué é o que consagra o texto constitucional, e que hai tres meses faciamos campaña activa polo NON en Galiza.

A vitoria do NON en Franza supón un feito de enorme importáncia con de repercusións inévitableis e dun calado político que está por ver, non só na política francesa, coma os “euroadictos españois” estan intentando facer ver, senón na política europea e no proceso de construcción da UE.

Enorme satisfacción produce ver de onde sae o NON francés, pois sen dúvida a súa orixe está nas clases poulares do povo francés, o cal convirte este NON nun NON popular, de esquerdas, e antimperialista, un NON que ven avalado pola povoación con máis conciencia política de todo o vello continente.

O povo francés expresou o domingo un claro e enequívoco rexeitamento ás políticas neoliberais que o tratado pretende implantar globalmente, e que eles veñen sofrindo desde hai tempo no seu País.

Certo desacougo produce ver as reaccións no Governo español, no PSOE e no aparello mediático que os sustenta. Xa sabiamos como fixeron a campaña no Estado español, campaña sustentada na desinformación, na mentira, na descalificación e no medo, dicindo que se este tratado non se aprobaba esto sería un desastre. Mais agora os comentarios de tertulianos, articulistas e politólogos varios que sobreviven facendolle o traballo suxo ao capital , eso sí disfrazados con idumentaria “progre”, sumado ás declaración de varios líderes do PSOE, encabezados polo seu Secretário de Organización, Pepe Blanco dicindo que hai que repetir o referendum, instando ao Reino Unido a que non convoque o referendum, etc. pero sen facer unha soa referencia á posíbel modificación do tratado. Estas argumentacións por moi duro que poida parecer falar nestes termos, non deixan de ser posicións fascistas, impropias de calquera sociedade democratica, e xa non é que o diga eu, senón que ate Durao Barroso as descalificou.

Para rematar, eu non teño a menor dúvida que o NON francés vai supor un antes e un despois no proceso de construcción europea e aqueles/as que apostamos por unha EUROPA DOS POVOS, SOLIDARIA E CON XUSTIZA SOCIAL debemos de aproveitar a oportunidade, pois en poucas ocasións o capital recebe golpes coma este.

Por Luís Neto


Reflexións sobre a autoproclamada única potencia mundial
Fai uns días lin no Faro as enésimas declaracións de Bush nas que fala do chamado eixe do mal e despois de le-las sen saber o porque pois comecei a reflexionar un pouquinho, porque a ver, como vos sentiriades se un asasino por exemplo fora por ahi predicando coa nom violeça, entóm como pode haber xente que lle de o máis mínimo valor as verbas do presidente do pais líder en fabricaçom de armas nucleais, é máis aínda, como pode un home que cada vez dedica máis cartos o gasto militar, ameazar a un país porque este tenha armas de destruiçom masiva, ¿nom sona un pouco ilóxico? porque entón se o pensamos que é o que estanos pedindo ise home, ¿que deixemos que eles sexan os xuices do mundo ou que? porque a min como persoa racional que me considero creo que ten moito valor o pedirme iso, ou moita inocencia, nom sei porque estrano motivo a tanta xente cústalle entender que eu critique a iste home, presidente dum país onde fai un par de días prohibiu-se a pena de morte a menores de idade e meio país ofendese, presidente dum país onde hai sitios que está prohebido ensinar a Darwin porque segun eles nom esta demostrado cando tenhen un exemplo inigualable na figura do seu presidente, pois sen lugar a dúbida eu se un dia atopo na xaula dos monos a ise home que alenta a teoría creacionista num país supostamente aconfesional tede por seguro que nom hei atopar diferenza algunha cos outros animais ali encarceados, tamén creo recordar que no estado de Carolina do Sur nom fai moito aprovouse umha lei que di que as persoas que ensinen o embigo po-la rúa poderán ser sancionadas ate con seis meses no cárcere, e asi umha longuisima lista, pro que podemos agardar dese lugar, só hai que remontarse anos atras é ver quen foron os colonizadores dese sitio; pois sen ir máis lonxe todos os puritanos radicais que foron expulsados de todo-los paises da Europa,¿adivinades pra onde marcharon todos? ¿que culpa ten ise povo? só son os tataratataranetos daquel lixo que nom quixemos eiqui. Por istas cousas a un segueselle fazendo duro continuar escoitando aberracións coma istas dum home que pensa que as únicas ditaduras que eixisten son as comunistas, debe ser que ninguén lle explicou nunca nada de Videla nin de Pinochet, nin das numerosas ditaduras latinoamericanas patrocinadas po-la autodefinida única potencia mundial, debe ser que cada vez que gaña a esquerda num pais o primeiro que fai é por-se a construir armas de destruccion masiva nom?

Por André Mauricio

Voltar a Opinión

Ir á Portada