Publicidade
Contacto
|
Petruciadas
*As contradiccións do mundo actual

Un artigo de Ana Patricia Vigo Fernández (13/02/2007)
A historia que nos tocou vivir parece sacada dun guión do cine surrealista, cun argumento irracional no que nada é o que parece ser, senón que é o contrario, e o que verdadeiramente é, roza os lindeiros do absurdo; dito doutro xeito, estamos nunha etapa da evolución humana na que os valores atópanse alterados de tal xeito que nada ten un sentido real: mentres que os avances da ciencia e da tecnoloxía superan os máis atrevidos soños que o home puidera ter tempos atrás, soamente uns poucos elexidos poden desfrutar deses soños feitos realidade, e mentres que uns vivimos na Era da Información, na que se mide ás persoas pola súa capacidade de acceso aos medios de comunicación (o que non está enganchado á Rede é pouco máis ca un marxinal), hai outros moitos millóns de persoas que padecen fame e necesidade ao tempo que a abundancia e o consumismo son as condicións ás que aspiran países e rexións enteiras. En definitiva, o mundo no que vivimos está tan desbaraxustado que, mentres uns navegan polo ciberespacio inmersos nun paraíso artificial, máis alá das fronteiras virtuais, os desherdados deambulan empurrados pola explotación. Nesta situación, na que tan só un 20% da poboación mundial ten a posibilidade de acceder a Internet mentres que o 80% restante ve como a súa posibilidade de subsistir é cada vez menor, todo é consecuencia dun desenvolvemento desigual promovido por un novo imperialismo que para semellar menos gravoso leva anos disfrazándose de globalización.
Coa caída do Muro e o principio do fin da URSS alá por finais da década dos 90, o capitalismo alcanzou o seu punto culminante xa que podía comezar a estender as súas redes sen que ningún outro sistema de organización económica llo impedise. Isto supuxo un cambio radical na orde mundial, o inicio dunha nova etapa económica na que os fluxos financieiros xa non terían fronteiras e na que as empresas en pleno proceso de transnacionalización xa non tomaría como ámbito exclusivo de acción a súa área local senón que o mundo enteiro, convertido nunha aldea global dominada pola economía dun único mercado. Curiosamente, agora sabemos que o concepto de aldea global é un mero formalismo, xa que nestes momentos o que está establecido no mundo é en realidade un sistema bipolar de relacións desiguais no que as diferenzas entre o mundo desenvolto (cada vez máis moderno e tecnificado) e o mundo subdesenvolto (que incapaz de subirse ao tren do progreso afógase cada vez máis no atraso e no olvido) experimentan procesos acumulativos que se extenden co paso do tempo (os ricos son cada vez máis ricos mentres que os pobres están cada vez máis afundidos na miseria). Según un recente informe do Banco Mundial, case tres millóns de persoas (a metade da poboación do mundo) viven con menos de dous dólares ao día e o ingreso promedio dos vinte países máis ricos é corenta veces maior que o dos vinte máis pobres, unha diferenza que se duplicou no último medio século.
Desde os comezos da súa expansión, a economía capitalista desenvolveuse a costa dos países empobrecidos, que a cambio de ofrecer mercados de consumo, man de obra baixo réxime de semiescravitude e materias primas a precios irrisorios, convertíronse no vertedeiro do resto do mundo. Novamente unha incongruencia: mentres que nos países ricos os grupos ecoloxistas movilízanse para concienciar á sociedade sobre a necesidade de preservar a natureza, son estes mesmos países os que envían as súas inmundicias ao Terceiro Mundo, degradando cada vez máis uns ecosistemas feridos de morte pola esaxerada explotación dos seus recursos xa que as grandes corporacións petroleiras e mineiras que agotan as materias primas dos países subdesenvoltos producen enormes destrozos. Os países pobres teñen a débeda externa, pero os países ricos teñen a débeda ecolóxica, quen debe a quen? Un dato para a reflexión: mentres que a deforestación concéntrase sobre todo nos países empobrecidos do Sur, máis da metade da produción mundial de madeira e case as tres cartas partes da de papel consúmense finalmente en países industrializados.
Pero estes non son os únicos efectos da inmoralidade do sistema neoliberal: como os pobriños país en vías de desenvolvemento non poden saír adiante por si mesmos, axúdaselles mediante a aplicación de políticas que máis que de reaxuste parecen de axuste de contas, por non falar dos Plans de Axuda ao Desenvolvemento (PNUD) que co tempo quedaron reducidos a promesas mediocremente cumplidas; pero como alguén dixo unha vez: "benaventurados os pobres de escrúpulos porque deles será o reino das multinacionais".
Por outra banda, no Primeiro Mundo tampouco é ouro todo o que reluce. A cultura do consumismo é o que se leva, non importa o que eres senón o que tes ou o que podes aspirar a ter. Neste caso, e de novo, as desigualdades son cada vez máis apremantes e con tendencia á alza: os ricos soamente preocupados por manter a súa posición e non perder a súa riqueza, e os pobres, despoxos da sociedade, non teñen cabida en ningures e por iso constitúen o seu propio mundo (o cuarto). No medio, os traballadores que non son outra cousa que parados en potencia, os desempregados do futuro constantemente agobiados pola ameaza de perder o que posúen e que tanta suor lles costou acadar. Precisamente son eles as principias víctimas do consumismo, o cal para crear adeptos sérvese de dous valiosos aliados: a televisión e a publicidade.
Fai máis de medio siglo, ao escritor A. Gide acusóuselle de elitista ao declarar que "o mundo acabará dominado por uns poucos". E nada máis lonxe da realidade, se este home levantase a cabeza atoparíase con que os tiros non estaban errados, de feito só temos que mirar ao noso arredor para darnos conta de que as directrices que guían o desenvolvemento internacional, nacional ou incluso local, están hoxe, máis que nunca, marcadas por unha minoría.
En definitiva, este mundo supérase por momentos no que a incoherencias se refire: a xustiza como principio é unha estafa, non existe, polo menos á hora de ser aplicada con equidade; os valores morais están enterrados, morreron xa vai tempo envelenados pola corrupción (os principias exportadores de armas son aqueles países que supostamente están encargados de velar pola paz mundial. Este armamento é recibido por países endebedadísimos que ven como as axudas financieiras que proceden do exterior acumúlanse en contas bancarias, engrosando cada vez máis os patrimonios particulares dos dirixentes duns réximes totalmente antidemocráticos) e a hipocresía é hoxe en día a raíña das virtudes. Hipócritas son os que din estar a favor dos Dereitos Humanos, defenden o principio de igualdade e, non obstante, son os primeiros en arremeter contra a perigosa ameaza da inmigración. Tamén son hipócritas os que ocasionalmente se postulan contra os malos tratos pero que no día a día desacreditan á muller por pertencer ao xénero bobo, ou os que demonizan a aqueles que rouban por necesidade e se mostran indiferentes ante os admirables burócratas expertos en cometer desfalcos millonarios.
Pero a hipocresía no só afecta ás persoas, é un mal endémico que se estende ás institucións. Un caso paradigmático é o da Igrexa: fundamentada nos principios da humildade e da pobreza, non predica precisamente co exemplo, que llo digan ao Papa...
O certo é que este mundo, que non ten nin pés nin cabeza, tampouco ten solución, nin tan sequera hai posibilidade de atoparlle un sentido. Por este motivo, cando miramos ao noso arredor, calquera sentimento de desesperanza está totalmente xustificado. Despois da Segunda Guerra Mundial, a angustia vital provocada polos males do mundo comezou a poñerse de moda. Tratábase dun sentemento xeralizado que intelectuais e artistas deixaron plasmado nas súas creacións. "Agardando por Godot" de Beckett é unha obra teatral que pertence ao xénero do absurdo, o seu argumento agocha unha mensaxe que aplicada a situación actual do mundo podería servir perfectamente de explicación: "A vida é un constante devir sen significado, insignificante e desesperante nun mundo que está enfermo e para o cal non existe remedio".
Voltar a Opinión
Ir á Portada
|
Ana Patricia Vigo Fernández (Lugo, 1978). Licenciada en Humanidades pola USC, gañou en 2005 do IV Premio de Investigación Vázquez Seijas co seu traballo de investigación sobre a Dictadura de Primo de Rivera en Lugo. Colaborou na recollida e tratamento da documentación das antigas Cámaras Agrarias locias da provincia de Lugo. Actualmente é membro da Xunta Directiva da AS-PG... [ler máis]
Outros artigos de Ana Patricia Vigo Fernández:
* Ata nunca Augusto Xeneral!!! (26/02/2007)
* As contradiccións do mundo actual (13/02/2007)
|