Publicidade
Contacto
|
Petruciadas
*Ata nunca Augusto Xeneral!!!

Un artigo de Ana Patricia Vigo Fernández (26/02/2007)
O 2006 rematou cunha desas novas que para ben e para mal paralizan as redaccións dos medios de comunicación desbordando aos cidadáns durante un par de centos de horas cunha información monopolizadora. Seica morreu Pinochet, un dos máis terribles serial killer da nosa época, o xenocida, o vampiro de costumes insalubres según Galeano.
Poñámonos metafísicos. O habitual é que, polo descoñecido do seu desenlace, a morte provoque medo, tristura e aprensión porque o que outrora era deixa, de ser e non volve aparecer. Non obstante, en ocasións, iso non ocorre porque a morte dalguén pode derivar en acougo... ou non. No caso do ditador chileno haberá quen pense "morreu o tirano, non merecía outra cousa". Persoalmente coido que non, que mereceu algo máis porque desapareceu sen ser condeado, sen que as víctimas recibisen a reparación dunha sentencia e sen que a xustiza internacional lle recoñecese, ou mellor dito, lle recriminase o seu terrorismo de Estado, polo menos en toda a súa dimensión.
En 1998 Garzón intentou que Pinochet rendise contas polo case centenar de españois asasinados e torturados en Chile durante a Ditadura. Pinochet foi procesado e a xustiza española logrou recuperar uns poucos do total de millóns de dólares dos que se apropiara ilicitamente para ser devoltos ás súas víctimas a través da Fundación Salvador Allende. Esta compensación económica, que non moral, servíu para que a polémica se presentase en bandexa de plata. Por unha banda, os agraviados que viron na iniciativa do xuiz español a posibilidade dunha revancha, e por outra, os partidarios da nefasta actuación pinochetista porque, aínda que "provocou a morte" de catro mil persoas, Pinochet fora o artífice do milagro económico que, coa bendición dos omnipresentes Estados Unidos, convertira a Chile nun dos países máis exitosos (e inxustos) do mundo. Para estes últimos, o cuartelazo traicioneiro a Allende primeiro e a carnizaría montada polo augusto xeneral despois, non foran máis que danos colaterias excusables. E o certo é que ás veces o fin xustifica os medios, aínda que o instrumento empregado para obter o que se pretende sexa a masacre física e ideolóxica de miles de persoas. Pero esta reacción sintomática da máis pura barbarie moral non nos pode extrañar. En Chile tiveron a Pinochet, nos tivemos a Franco, cambia o actor pero o protagonista do drama segue sendo o mesmo. Na actualidade en ámbolos dous casos, e pese a todo, son moitos os que suspiran polos respectivos xenerais. Isto é incriblemente así porque toda Ditadura deriva nunha dicotomía social que encara aos opositores perseguidos fronte aos favorables favorecidos. Son estes últimos os que suspiran polos vellos tempos, séntense incómodos vivindo en democracia, consideran que coa liberdade chegou a libertinaxe sen querer decatarse de que o seu antigo estado de benestar, no que posiblemente gozaban dalgún tipo de privilexio, era o estado de terror no que estaba sumida unha parte considerable da poboación. Foi este sector ultraconservador o que en Chile popiciou o funeral con honras de Xefe de Estado para o augusto finado, ou o que é o mesmo, un acto completamente indecoroso e burlesco cara a democracia e o respeto aos dereitos e liberdades humanas. Nese teatriño do mal gusto ocupou lugar destacado a xerarquía eclesiástica local. Estou por pensar que estes da Igrexa non son listos de todo, porque ¿que lugar ocupan nesta montaxe as familias dos represaliados por Pinochet, na súa maioría católica? A resposta é sinxela: a Igexa, como gran emporio do marketing mundial (vende a salvación eterna a cambio dunha perpetua sumisión preferentemente pecuniaria), ten que posicionarse sempre do lado dos poderosos, o resto non conta. Se Cristo levantase a cabeza..., facíase budista.
A homenaxe en España non se fixo esperar, a fin de contas Pinochet fora un dos alumnos aventaxados do franco xeneral, ao que neste país tampouco lle faltan adeptos. En Madrid rendíronlle pleitesia ao exditador chileno varios centos de españoliños representantes da máis rancia dereita, por non dicir extrema, encabezados por algúns dos máis destacados franquistas actuais como Inestrillas ou a mesma fillísima do caudillo Carmen Franco. Con motivo deste ilustre acontecemento, as declaracións do fundador do PP e expresidente da Xunta Manuel Fraga non tardaron en pasearse polos espacios informativos: a de Pinochet fora unha gran perda pois grande fora a súa aportación na loita contra a lacra comunista. Un apunte para a curiosidade: na actualidade Fraga é senador, Pinochet nos seus últimos anos tamén o foi, aínda que cun carácter vitalicio, Que gran coincidencia! Fraga como xefe de goberno en Galiza tamén foi tirano a súa maneira.
A Historia dinos que todos os ditadores están cortados polo mesmo patrón: ver un, velos todos. E o certo é que as súas traxectorias son ben parecidas: trepan e impóñense (ou impóñense directamente, non se andan con voltas), reprimen, enriquécense e desaparecen deixando tras de sí un rastro cruento de desolación e medo, ademáis dunha lección de como non se debe gobernar un país. Neste sentido, Pinochet foi un de tantos pero único ao mesmo tempo, xa que con el rompeuse esa norma implícita segundo a cal todos os tiranos do mundo, por gozar dunha incomprensible inmunidade, podían irse de rosiñas sen pagar polos crimes cometidos contra a humanidade. Vai ser Pinochet un punto de inflexión nesta tendencia? Quen sabe, o tempo dirá...
Voltar a Opinión
Ir á Portada
|
Ana Patricia Vigo Fernández (Lugo, 1978). Licenciada en Humanidades pola USC, gañou en 2005 do IV Premio de Investigación Vázquez Seijas co seu traballo de investigación sobre a Dictadura de Primo de Rivera en Lugo. Colaborou na recollida e tratamento da documentación das antigas Cámaras Agrarias locias da provincia de Lugo. Actualmente é membro da Xunta Directiva da AS-PG... [ler máis]
Outros artigos de Ana Patricia Vigo Fernández:
* Ata nunca Augusto Xeneral!!! (26/02/2007)
* As contradiccións do mundo actual (13/02/2007)
|