ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Opinión

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


Arroutadas do ambiente

*Carme a da Ponte

Chuza! esta nova!
Un artigo de Adela Figueroa Panisse (08/03/2007)

Lugo.
No Dia adicado á muller traballadora, 8 de marzo, de 2007.

Gostaba contemplala mentras se aseaba polas mañás.
Facia unha longa tranza có seu cabelo branquexado no que ainda ficaban alguns restos de frebas negras entre as canas. Con muito coidado mollaba o peite na palangana e pasábao com precisión polos cabelos. Logo iao entranzando ate chegar a un ponto en que se detiña. A tranza xa ia mais fina. Pegaba nunha fita de tela escura e misturabaa cos cabelos entranzandoos con ela. No fin da coleta, ficaba a fita. Agarrabaa con maus expertas, dáballe unhas voltas e facia un moño na parte baixa da cabeza. O conxunto era dun aspecto de extrema pulcritude. Virábase coa sua cara sen edade, marcada polos soles e as xiadas, en que non sobraba nada de graxa. Os osos da cara ficaban ben marcados na sua expresión amable e segura. As veces traballaba na nosa casa. No cuarto que ocupaba habia un moble deses que teñen espello e palangana. Coido que ficara da miña avoa Clorinda.

Baixaba á Ponte da sua man con muita frecuencia. Desde a Porta de Santiago apañábamos a vella calzada romana. Na mitade da calzada obrigabaa a parar para beber na fonte que deitaba onde a calzada fai unha pequena curva, e a sua pendente cede facéndose algo mais suave. Hoxe non hai fonte ahi.

Ia á Ponte, especialmente, no San Lázaro que, en Lugo, marca o inicio das múltiples festas populares do verao. Na calzada era frecuente ver pobres de pedir, que mostraban as suas desgrazas aos romeiros para favorecer as dádivas das esmolas. Pernas, brazos, cotos, feridas etc producianme fonda impresión.

Na época de inicio do verao, a calzada retumbaba có barullo das máquinas malladoras que se espallaban polas vizosas terras da Cheda.

Eu ia da man da Carme. Ela non gostaba de que eu bebese auga. Segundo a sua opinión a auga non mantiña e criaba rás no estómago. Mas sempre gostei de beber nas fontes todas que encontraba no meu camiño. Con Carme percorrin muitas das fontes que habia en Lugo. Levávame ás augas férreas, porque eran augas medicinais. Coidaba que eu "non me criaba" porque era miudiña. Íamos lá coa merenda paseando pola Tolda. Tamén á fonte do Pilar, cando tiña auga, á que tiña que subir axudada por ela sobre o peitoril de pedra.

No San Lázaro facia festa na sua casa. Levábame da mau por entre o barullo e deixábame comer rosquillas da festa. Desde pequena gosto das rosquillas e sempre penso no San Lázaro: rosquillas e barcas de van-van a beira do rio. (na casa prohibianme comer rosquillas porque podian estar suxas e levar pó)

A Carme vivia nun pequeno faiado e cociñaba na pedra da lareira que ocupaba a peza central do "apartamento". As potas descansaban en senllas trépias e eu gostaba de ollar para o lume mentras ian fervendo. A xaneliña posterior da casa daba ao prado que precedia ao Rio. Naquel prado ian as mulleres lavar a roupa. Hoxe está ali o colexio Da Ponte.

Teño ido coa Carme lavar a roupa no rio. Esfregábase sobre chantos inclinados, os pes na auga, as sabas estendendose sobre a corrente. Recendo de xabron e roupa limpa. Roupa ao clareo que os pequenos salpicábamos para que o sol non a secase mentras a clareaba.

As sanguesugas agarrábanse, con frecuencia, nas pernas das lavandeiras. Pes descalzos sobre as pedras do rio.

Da Carme aprendin muitas cousas: que os tronos das tormentas eran as vellas que andaban coas zocas polos tellados. Que non debias sentarte na pedra fria porque che podia vir o reuma que era o pior dos males. Que non sentases derriba da cociña de ferro porque non era bó para "as partes". Que habia que comer cando che convidaban. Que a vida podia ser mui dura para algunhas persoas.

Carme falaba en galego. Eu aprendin a falar dela.

Era amiga da leiteira, que se chamaba Dosinda e tamén vivia na Ponte. Dosinda levábame, as veces, na burriquiña para ir comer os domingos á casa da Carme.

Cando era pequena pedialle que me levase no colo "Anda Carme, cando tu sexas pequena e eu grande heite de levar eu no meu colo".

De velliña foi para a residencia de Sarria. Con que xeño me ensinou a sua habitación con baño! : pulcro como era ela.

A Carme morreu e eu nunca puiden cumprir a miña promesa. Quizas foi por iso que non lles furtei o colo aos meus fillos.

No dia da muller traballadora penso na Carme, e en todas as Carmes da Galiza.

Mulleres dun mundo que acabou e que elas non imaxinaban libre de traballos.

Voltar a Opinión
Ir á Portada

Adela Figueroa Panisse

Adela Figueroa Panisse é Presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Catedrática de Bioloxia/Xeoloxia no IES Lucus Augusti, Lugo.

Outros artigos de Adela Figueroa Panisse:
*O mar litoral: A mellor piscifactoria Un artigo de Adela Figueroa Panisse (16/02/2007)
*Que acontece có noso estatuto? Un artigo de Adela Figueroa Panisse (13/02/2007)
*Transportes de terceiro mundo: outra traxedia para Galiza Un artigo de Adela Figueroa Panisse (26/08/2006)
*Evidentemente algo fallou, na prevision, e Galiza arde Un artigo de Adela Figueroa Panisse (11/08/2006)
*Lua chea de veran compite có lume para alumer Galiza Un artigo de Adela Figueroa Panisse (09/08/2006)
*Lóuzara e Fiz Vergara Vilariño Por: Adela Figueroa Panisse (27/06/2006)
*Os bons mestres: Lembranza de Don Gregorio Por: Adela Figueroa Panisse (03/05/2006)
*Primavera: renovación e promesa da vida Por: Adela Figueroa Panisse (20/03/2006)
*Urbanismo descontrolado: privatizar... Por: Adela Figueroa Panisse (01/03/2006)
*Rios vivos: A seiva da Terra Por: Adela Figueroa Panisse (31/01/2006)
*SALVE RADIO GALEGA! Por: Adela Figueroa Panisse (09/01/2006)
*Dazaoito de xullo. 69 anos despois Por: Adela Figueroa Panisse (18/07/2005)
*Un outro mundo é posible: Galiza tamén Por: Adela Figueroa Panisse (27/04/2005)