ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*O PSOE da Estrada escenifica unhas negociacións falladas co BNG para xustificar o seu acordo co Cidadáns de Galicia (ex-PP)


Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 26 de xuño de 2007 Na tarde de onte tivo lugar o Pleno de Organización do Concello da Estrada, no que o Alcalde retirou da Orde do día a súa dedicación exclusiva a proposta do Concelleiro Sr. Reboredo Baños, quen saltándose a quenda de intervencións se apresurou a facer uso da palabra, realizando a proposta de retirada do punto do debate plenario, "non por cuestión da contía" das retribucións propostas polo Alcalde, senón "por cuestións de procedemento", feito que ao fin puxo en evidencia con que forza política ten vontade de acordo o PSOE da Estrada.

Para os nacionalistas da Estrada resultou moi clarificador o sucedido onte, e consideran que as conversas que mantivo o PSOE con BNG nas últimas semanas máis que a unha vontade real de formar un co-goberno PSOE-BNG respondían a tratar de dar a imaxe da existencia desa vontade no PSOE, xa que son conscientes de que existe unha demanda social de cambio político na Estrada que pasa pola conformación dun co-goberno PSOE-BNG. No BNG lamentan o intento de manipulación da opinión pública estradense por medio dese simulacro de conversas e a utilización que o PSOE fixo da vontade do BNG de chegar a un acordo de co-goberno para os vindeiros 4 anos.

Como xa manifestaron publicamente, desde o BNG trataron por todos os medios conseguir a formación dun goberno estábel PSOE-BNG, para o que incluso renunciaban a cuestións incluídas no Acordo Marco subscrito entre as Direccións Nacionais de ambas formacións, renunciando á Tenencia de Alcaldía Única e aceptando a representatividade mínima que nos outorgan os resultados electorais.

Desde o BNG comparan a situación da Estrada coa de Carballo onde o BNG ten 9 edís e o PSOE ten 3, nunha corporación tamén de 21, onde, logo de chegar a un acordo de co-goberno, o PSOE acada Tenencia de Alcaldía Única e as Delegacións de Urbanismo, Facenda, Medio Ambiente, Emprego e Participación Cidadá, e representatividade proporcional, o que contrasta coa oferta que quixo o PSOE da Estrada ao BNG.

Os nacionalistas manifestan que "é falso que o BNG non quixera entrar no Goberno", senón que "simplemente aos concelleiros do BNG non se lle pode pedir que entren no PSOE como si non foran unha organización diferente e sometida aos acordos que a nivel nacional teñen subscrito para chegar a unha coalición de ambos partidos". Afirman que os acordos "nós si respectamos e consideramos vinculantes".

A proposta de retribucións do Alcalde (74 mil EURO inicialmente e 68.859 EURO na segunda proposta) deixou en evidencia que tamén hai discrepancias ideolóxicas e políticas de fondo moi serias, e a súa vez a maior afinidade do PSOE con outras opcións a respecto da súa concepción da política, como é o caso de "Cidadáns".

"O BNG presentouse as eleccións para gobernar, non para estar na oposición", din. Afirman que co respaldo obtido nas eleccións "non nos permite ser nós quen decida formar goberno senón que a iniciativa lle corresponde ao PSOE". E aseveran que "se tiveran interese en contar con nós simplemente tiñan que cumprir o asinado ou propor unha fórmula aceptábel para o BNG" e que "se non queren, que o digan con claridade". O BNG da Estrada entende que o PSEO trata de culpalos de que non exista un goberno de coalición. Demandan que non utilicen ao BNG de escusa e que asuman claramente a responsabilidade das súas lexítimas decisións, en alusión ao posíbel pacto con Cidadáns de Galicia.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com