ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Innovación e Industria e a Xerencia do Sector da Construción Naval impulsan a formación e a cualificación do persoal das industrias auxiliares do naval

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 26 de xuño de 2007 A Consellaría de Innovación e Industria e a Xerencia do Sector da Construción Naval colaborarán para impulsar a formación do persoal da industria auxiliar do sector da construción naval, en virtude do convenio asinado hoxe entre ambos os organismos. O titular da Consellaría de Innovación e Industria, Fernando Blanco, acompañado polo director xeral de Desenvolvemento Industrial do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Jesús Candil, e pola directora xeral de Promoción Industrial da Consellaría de Innovación, Helena Veiguela, fixo presentación deste convenio, que prevé destinar 1.205.000 euros para os programas de formación de traballadores este 2007.
Segundo explicou o titular nacionalista, o 80% dos fondos do convenio achégaos o Fondo Social Europeo, mentres que o 20% restante fano as empresas e a Consellaría de Innovación e Industria, que financiará un máximo de 145.000 euros tendo en conta o necesario fortalecemento da industria auxiliar do naval. Ademais, do total do importe, 960.000 euros destínanse á formación continua de traballadores e 224.000 á formación dos desempregados. O convenio encádrase no Programa de Iniciativa Empresarial de Formación Continua 2007-2013.

A respecto deste convenio, Fernando Blanco avogou pola mellora das cualificacións profesionais como instrumento de consolidación e estabilidade do emprego, amais de responder á formación profesional demandada polo sector, que ten que estar, dixo o conselleiro, ao nivel dos requirimentos tecnolóxicos que impón a competencia internacional.

O conselleiro de Innovación e Industria cualificou o sector da construción naval como estratéxico para a economía galega e como sector de futuro, dada a súa capacidade tecnolóxica e innovadora, a utilización de man de obra cualificada e o feito de ser unha industria de síntese que crea ao seu redor toda unha serie de actividades integradas no seu proceso de produción. Todas estas características, dixo Fernando Blanco, fan que a Consellaría de Innovación e Industria siga apostando pola construción naval do noso país.

O titular de Innovación destacou o momento expansivo que vive o sector e que, segundo Fernando Blanco, ten trazas de consolidarse no medio prazo. O conselleiro explicou que a carteira de pedimentos dos estaleiros galegos está a medrar de xeito continuo e importante dende 2004, chegándose a multiplicar por 4 o valor das toneladas de rexistro bruto (T.R.B.) de 2006 fronte ás existentes nas carteira de pedimentos de 2003. A finais de 2006 acadouse a carteira máis alta de todos os tempos, cun valor total de 730.817 T.R.B., o que implica, dixo o conselleiro, que a meirande parte dos estaleiros teñen a plena carga de actividade para os vindeiros anos 2008 e 2009.

O conselleiro salientou a necesidade de políticas de cooperación entre os estaleiros e as industrias auxiliares para incrementar a competitividade das empresas a nivel global. Fernando Blanco recordou que o seu departamento está a apoiar, ademais dos procesos de formación e adecuación do persoal do naval, como o convenio asinado hoxe, outras actuacións de mellora competitiva, como o Centro Tecnolóxico, o centro de reparación naval ou as desenvolvidas polo clúster do naval.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com