ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*A Mesa exíxelle ao Concello de Tui que non exclúa o galego da sinaléctica turística
· O goberno municipal xustificou a escolla "para que entendan a cartelaría os moitos visitantes portugueses que veñen de visita"

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 26 de xuño de 2007 A sinalización con información turística que dende hai unhas semanas se vén instalando en distintos puntos senlleiros do casco vello tudense aparece exclusivamente en castelán, segundo denuncian os socios e socias da Mesa do grupo comarcal do Baixo Miño, que recordan que non é o primeiro caso de exclusión da lingua galega por parte do Concello de Tui.

Fontes do grupo municipal de goberno xustificaron a escolla do castelán como única lingua de referencia para a sinaléctica turística por causa "de lles facilitar a comprensión aos moitos visitantes portugueses que Tui recibe ao longo do ano". Un argumento surrealista que para A Mesa evidencia "o concepto de lingua e normalidade dos gobernantes tudenses".

A Mesa, que considera que o Concello de Tui "non foi até o momento unha institución precisamente exemplar en canto ao uso e promoción do galego", coida que a nova sinaléctica instalada non responde "á legalidade vixente, que marca a plena oficialidade da lingua galega na súa propia terra" e é por iso que exixe á administración municipal a inmediata substitución da cartelaría xa colocada por outra "que non invisibilice a nosa lingua propia".

Para a asociación en defensa do idioma este é "unha parte substancial e insustituíbel do patrimonio das galegas e galegos" e, así mesmo, "un atractivo importantísimo" que pode e debe xogar un papel moi activo e positivo no desenvolvemento da actividade turística. "As e os visitantes que veñen a Tui saben que veñen a Galiza e queren algo diferente", din desde A Mesa do Baixo Miño. "Que non semelle que estás a pasear por Tui como se isto non fose unha vila galega", engaden.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com