Redacción 26 de xuño de 2007 O BNG considera que Orozco xa ten decidido formar "un Goberno de centro-dereita co PP" en Lugo e por iso non ten intención ningunha de negociar un Goberno de coalición estable co BNG. O responsable comarcal do BNG e voceiro nacionalista nas negociacións, Xesús Méndez, declarou que "Orozco xa deixou claro onte no pleno que prefire pactar co PP antes que co BNG polo que é lóxico, se esas son as súas preferencias, que o PSOE non queira xa negociar co BNG".
Xesús Méndez notou que "o PSOE de Lugo quere romper xa as negociacións co BNG despois do acordo ao que chegaron onte o PSOE e o PP" e por iso o secretario provincial do PSOE, Luis Ángel Lago, deixou clara a súa intención de non seguir negociando co BNG. Xesús Méndez fixo referencia ao pleno de onte onde un acordo entre PP e PSOE permitiu a Orozco manter a todos os seus concelleiros cobrando do Concello con adicación exclusiva.
O responsable comarcal do BNG explicou que na última xuntanza negociadora entre o PSOE e BNG, celebrada o pasado sábado, acordouse que o PSOE achegaría por escrito ao BNG un novo documento para que sexa estudado polo BNG antes da próxima xuntanza, marcada inicialmente para este mércores. Por iso, explicou Xesús Méndez, o BNG atópase á espera de que o PSOE envíe ao BNG, tal como quedou, esa nova proposta por escrito sobre cuestións programáticas que o PSOE quere introducir agora a última hora e que non estaban previstas no comezo das negociacións.
O BNG quere saber tamén antes desa vindeira xuntanza "se Orozco acepta e acata o acordo marco asinado por Touriño" e onde se prevé a creación dunha tenencia única de alcaldía e a delegación plena de competencias para as áreas xestionadas polo BNG.
O verdadeiro atranco para o acordo é o Plan Xeral
Xesús Méndez explicou que onde as negociacións entre o PSOE e o BNG están "atrancadas" é no aspecto programático, sobre todo no Plan Xeral de Ordenación Municipal, que o PSOE se nega a modificar en aspectos como a "extensión desmesurada da cidade", a escasa protección do Carme, as urbanizacións na zona rural ou a solución definitiva para determinados barrios.
O BNG xa deixou claro durante a campaña electoral e tamén nas negociacións que a primeira condición para un Goberno de coalición en Lugo era a modificación do Plan Xeral.
"Proposta trampa" do PSOE
Xesús Méndez explicou que última proposta de reparto de áreas feita polo PSOE é unha "proposta trampa" que inclúe concellarías baleiras de contido. Así, o responsable comarcal do BNG explicou que o que pretende o PSOE é xestionar de xeito indirecto a través de empresas municipais aquelas áreas que leve o BNG, como Cultura, que o PSOE quere "baleirar de contido" creando unha empresa municipal de Cultura, ou Medio Ambiente, onde igualmente o PSOE propón crear unha empresa municipal para xestionar o ciclo da auga.
O BNG, aclarou Xesús Méndez, "non quere máis do que lle deron os cidadáns nas urnas" e que se traduciría no 25% das áreas de Goberno pero "completas e sen interferencias". O BNG considera "indispensable para poder exercer as competencias dentro dunha concellería dispoñer de competencias plenas e delegación de sinatura". Xesús Méndez explicou que a delegación de sinatura está prevista nos artigos 124.4 e 124.5 da Lei de Réxime Local, sen que isto supoña "baleirar de competencias ao alcalde", quen seguiría obtentando a representación do Concello.