Redacción 21 de xuño de 2007 As Mocidades da Mesa pola Normalización Lingüística denuncian que non será posíbel ver en galego o filme Shrek Terceiro, unha das estreas de animación máis esperadas do ano que mañá chega ás salas de todo o país. Mentres, en Catalunya Shrek e a súa dona Fiona falarán en catalán con toda normalidade: será grazas á campaña "Dóna corda al cinema en catalá", impulsada pola secretaría de Política Lingüística da Generalitat.
O responsábel nacional da Mocidade pola Normalización Lingüística, Fran Rei, apunta que "se aquí a nova entrega de Shrek non se estrea en galego é debido ao desinterese da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que non negociou coa distribuidora, Universal, a dobraxe para o noso idioma".
"En dous anos a Secretaría Xeral non moveu aínda un só dedo para garantir o cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega no tocante ao cinema", sinala o dirixente da sección xuvenil da Mesa.
No devandito plan, aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galiza en 2004, especifícase que se promoverá "a dobraxe ao galego de polo menos 10 filmes anuais, de entre os que presenten maiores expectativas comerciais". Para as Mocidades da Mesa "Shrek Terceiro estaría claramente entre eses filmes".
A sección xuvenil da asociación en defensa do idioma lamenta profundamente que se manteña ano tras ano "unha situación que non é nova", como é a total ausencia da nosa lingua dun ámbito socialmente tan importante como o cinematográfico; situación que segundo indican desde o colectivo "ten responsábeis directos con nomes e apelidos".
A Mocidade pola Normalización Lingüística, que mantén activada no tempo unha campaña de denuncia pública perante a nula oferta de cinema en galego, moi nomeadamente no dirixido ao público infantil e xuvenil, lembra que o Ministerio de Industria concede á Generalitat de Catalunya 1.420.000 euros exclusivos para dobraxe e lexendaxe ao catalán de fitas e DVD para a súa distribución comercial. A Mesa reclamou xa hai varios meses que o Goberno galego negociase unha cantidade semellante para a nosa lingua.