Redacción 21 de xuño de 2007 As obras de urbanización do polígono empresarial do Pino non poderán iniciarse mentres a Consellaría de Cultura e Deporte non resolva o recurso presentado pola Asociación de Propietarios de Solo. A Consellaría decidiu suspender o permiso para a urbanización para poder avaliar se, tal e como afirma a Asociación, as obras afectarían unha suposta unha traza histórica do Camiño de Santiago.
A Consellaría notificoulle onte ao Concello a suspensión temporal dunha resolución anterior pola que se autorizaba o proxecto de urbanización do sector PP1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello, que contempla a creación dun parque empresarial na zona.
O inicio das obras podería destruír os restos
No escrito remitido onte ao Concello a Consellaría indica que "a execución das obras implica a realización de movementos de terras que suporían a destrución deses restos ou elementos físicos do camiño orixinal, o que impediría, por unha banda, a comprobación dos datos alegados polo recorrente e, por outra, de ser o caso, a súa preservación".
Agora persoal técnico especializado da Consellaría realizará un estudo para confirmar a existencia desa traza e, no caso de existir, avaliar en qué medida as obras nun principio autorizadas poderían supoñer unha agresión. A partir dos datos dese estudo técnico a Consellaría tomará unha decisión sobre o recurso e o proxecto de urbanización do polígono.
Antecedentes
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellaría de Cultura, autorizou o 29 de marzo o proxecto de urbanización do polígono coa condición de respectar o trazado oficialmente recoñecido do Camiño de Santiago. Neste sentido, Patrimonio puxo como condicións que se mantivese unha zona verde arbolada de 30 metros a cada banda do camiño e a construción dunha pasarela de madeira para o tránsito dos peregrinos.
Porén, a creación dun polígono empresarial na zona xa fora autorizada no pasado. A utilidade industrial da área incluíase no Plan Xeral aprobado en febreiro do 2004 e que, no seu momento, non recibiu ningunha reclamación por parte dos daquela responsables da Consellaría de Cultura.