ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*A Axenda Estratéxica de Investigación TIC guiará o futuro do sector até o 2014

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 18 de xuño de 2007 O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco Álvarez, e o presidente da Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC, Antonio Rodríguez del Corral, presentaron esta mañá en Santiago de Compostela a Axenda Estratéxica de Investigación do Sector TIC 2007-2014. Este documento, elaborado pola Plataforma, establece os principais retos e liñas de traballo para o futuro do sector das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións en Galiza.

O acto contou coa asistencia do director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato de la Iglesia, e da directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Mª Elena Veiguela Martínez, ademais de representantes das entidades que forman parte da Plataforma TIC e das outras oito Plataformas Tecnolóxicas Galegas xurdidas o pasado ano.

A Plataforma Tecnolóxica Galega TIC, VINDEIRA, é un instrumento creado polas empresas e institucións do sector TIC galego co apoio da Consellaría de Innovación e Industria para mellorar a competitividade do sector mediante a investigación e o desenvolvemento de estratexias comúns e de proxectos tractores. Até o momento agrupa a 50 axentes representativos do contorno produtivo, científico e tecnolóxico do sector, como empresas, grupos de investigación, centros tecnolóxicos e asociacións, e está liderada polo CESGA. Segundo sinala o presidente da Plataforma, o seu obxectivo final é acadar un sector TIC consolidado, cunha masa crítica de empresas orientadas cara a creación de produtos tecnolóxicos con vocación internacional que permitan posicionar á industria TIC galega coma referente no ámbito europeo.

LIÑAS DE TRABALLO
A Axenda Estratéxica de Investigación presentada hoxe representa a implantación da visión de VINDEIRA e a elaboración dun programa de traballo para xerar propostas estratéxicas a medio e longo prazo que fomenten a I+D, a competitividade e o incremento do negocio do sector TIC galego, ademais de suxerir novas liñas de actuación conxunta entre as empresas e a Administración, tendentes a coordinar o investimento común en liñas de I+D nas que Galiza alcance o liderato. Rodríguez del Corral explica que a Axenda establece como retos para o sector o desenvolvemento de novos produtos software galego, deseñados para a exportación e capaces de xerar xacementos de emprego; o desenvolvemento de produtos hardware, especialmente na área de telecomunicacións e sistemas empaquetados; a orientación do sector cara á innovación permanente, potenciando a especialización e a colaboración e situando ás empresas galegas nos estándares emerxentes; e a internacionalización da I+D+i, posicionando o sector TIC galego en proxectos estatais e internacionais de I+D+i.

A Axenda Estratéxica de Investigación establece como prioritario no ámbito tecnolóxico o desenvolvemento de servizos da Sociedade da Información (competitividade da empresa en rede, novos servizos da administración electrónica, sistemas para a saúde e aplicacións relacionadas co sector audiovisual); tecnoloxías informáticas de base (calidade e produtividade no desenvolvemento de software e tecnoloxías para o tratamento masivo da información) e electrónica e comunicacións (sistemas de radiocomunicación; radio e televisión dixitais e televisión interactiva; compoñentes, dispositivos e integración en sistemas; e arquitectura, tecnoloxía e servizos de redes fixas e móbiles).

CINCO GRUPOS DE TRABALLO
"Con este obxectivo a Plataforma xa conta con cinco grupos de traballo entre empresas xa funcionando sobre a mellora da calidade do software; novas aplicacións para telefonía móbil e novas arquitecturas para o fogar dixital; os servizos para televisión interactiva; e novas tecnoloxías en equipamento radio, habendo en preparación varios proxectos tractores e a participación das empresas galegas TIC nos foros internacionais", salientou Rodríguez del Corral.

De cara ao 2007 a Plataforma Tecnolóxica Galega TIC márcase seis obxectivos estruturais: realizar unha nova versión da axenda estratéxica TIC para 2008; o desenvolvemento do catálogo de I+D TIC de Galiza; a xeración de 3 proxectos tractores TIC e un proxecto punteiro no ámbito internacional; o incremento de socios para chegar ás 100 empresas e a posta en marcha de grupos de traballo estables coas outras plataformas galegas.

AXUDAS PARA 2007
Para ampliar e afianzar esta rede de plataformas, o conselleiro de Innovación e Industria explicou que a convocatoria de Axudas para o Fomento da Innovación Empresarial deste ano inclúe subvencións para a creación de novas plataformas tecnolóxicas galegas e para a consolidación das nove xa existentes.

As subvencións para a creación de novas plataformas poderán acadar o 100% do custo subvencionable, establecéndose unha contía máxima por axuda de 90.000 euros. Con isto preténdese incentivar a súa posta en marcha en sectores nos que as sinerxias xurdidas entre empresas, centros de investigación, universidades e centros tecnolóxicos poidan incrementar a medio prazo a capacidade innovadora, e situar a Galiza como un polo tecnolóxico estratéxico no ámbito europeo. Con este obxectivo, desde Innovación e Industria estanse potenciando novas plataformas tecnolóxicas en sectores como o Medio Ambiente e a Enerxía.

No caso das axudas para a consolidación das nove plataformas xa existentes -incluída a das TIC-, os centros tecnolóxicos e clústers empresariais que as lideran poderán acadar axudas de até o 100% do custo subvencionable, cun máximo de subvención de 150.000 euros para cada unha. Con estas subvencións preténdese financiar os gastos da secretaría técnica da plataforma como órgano xestor e coordinador. O obxectivo final é o desenvolvemento de proxectos de cooperación no marco da Axenda Estratéxica de Investigación definida pola plataforma que supoñan a participación en programas estatais e internacionais de I+D das entidades adheridas.

Fernando X. Blanco salientou tamén que "este fomento que estamos realizando das plataformas tecnolóxicas galegas é complementario ao desenvolvemento dos diversos clústers sectoriais e permite crear sinerxias entre as dúas estruturas ao estar fondamente interrelacionadas".

O SECTOR
sdSegundo os datos que manexa a Plataforma, o sector TIC galego está formado por arredor de 1.485 empresas (Ine 2006), o 3,7% do sector TIC estatal: un 81,2% corresponde a empresas de actividades informáticas, 13,4% fabricantes de equipos e 5,5 % de telecomunicacións. A Plataforma sitúa o crecemento medio interanual do número de empresas TIC en Galiza no 8%, cifra dúas veces superior ao resto dos sectores galegos. A Plataforma estima que o emprego no sector TIC galego achégase ás 7.714 persoas.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com