ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*O sábado preséntase a Uniat, plataforma de ensino para o desenvolvemento

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 14 de xuño de 2007 Baixo a denominación Uniat - Plataforma de Ensino para o Desenvolvemento presentarase este sábado día 16 unha federación de entidades privadas sen ánimo de lucro concebida para articular a oferta educativa e de formación que as propias entidades cidadás desenvolven para cubrir as necesidades comunitarias.

Ao evento, que se celebrará na súa sede de Campo de Pazos (Taragoña, Rianxo) ás 12:00, acudirán, alén dos representantes das diversas entidades implicadas, personalidades do mundo cultural, político e asociativo, así como representantes da administración local, provincial e autonómica.

A Uniat é unha iniciativa baseada integramente no tecido organizativo da sociedade civil, con plena independencia de poderes públicos e intereses comercias e cun compromiso firme polo desenvolvemento local a través do fomento da cultura e da educación ao longo da vida. Como organización aberta e participativa, procura integrar na súa estrutura a máis ampla variedade posíbel de colectivos e entidades non lucrativas, coa finalidade de estabelecer sinerxías de colaboración cara un desenvolvemento integral e sustentábel das comunidades. Para iso, fundaméntase nunha estrutura constituída por medio de escolas, que agrupan áquelas entidades con interese común nun campo determinado de coñecemento, e campus, órganos de vertebración territorial que agrupan as diversas escolas afincadas nunha comarca.

A iniciativa, que inicialmente se denominaba Universidade Autónoma do Atlántico, adherindo á longa tradición das universidades populares, rurais e comunitarias e ás novas universidades alternativas, foi interdita na semana pasada pola Consellería de Educación, por aparentes incompatibilidades coa nova Lei de Universidades (modificada en abril de 2007). Non obstante, e a pesar da súa nova denominación, o proxecto recibiu o apoio da Asociación Internacional de Universidades da Terceira Idade e da Federación Española de Universidades Populares.

A Uniat supón un novo modelo para facilitar e coordinar a implicación social e comunitaria no proceso de educación holística ao longo da vida, buscando cubrir as diversas lacunas do ensino convencional. Para iso, estabelecerá unha programación anual de actividades enfocadas non só nos aspectos formativos e de investigación en áreas de marcado interese para cada comunidade senón no campo máis amplo da creación e difusión cultural. Alén diso, a plataforma tentará chegar a acordos coas universidades galegas para impulsar a creación de campus temporais nos diversos concellos rurais nos que actúe, así como para apoiar as propias accións de formación da plataforma.

Entre as súa primeiras iniciativas destaca a colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo para desenvolver o próximo mes en Rianxo un Curso de Especialización en Estudos Árabes e Islámicos, para o cal aínda está aberta a matrícula.

Máis información en http://www.uniat.org

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com