ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Primeiro contacto en Lugo: O PSOE acepta modificar o Plan Xeral
· A primeira xuntanza entre socialistas en nacionalistas en Lugo durou tres horas e centrouse nos principais aspectos programáticos plantexados polo BNG

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 14 de xuño de 2007 Tres horas durou a primeira xuntanza entre socialistas e nacionalistas na cidade de Lugo. Despois deste primeiro encontro, celebrado finalmente nun hotel da cidade, o PSOE acepta modificar o Plan Xeral nos aspectos que pedían os nacionalistas, segundo explicou o responsable comarcal do BNG e voceiro nas negociacións, Xesús Méndez, ao remate do mesmo.

Xesús Méndez detallou que a reunión estivo centrada nos principais aspectos programáticos plantexados polo BNG, comezando polo PXOM, que se atopa pendende de aprobación, e para o que o BNG reclama modificacións substancias en aspectos como a extensión prevista para a cidade, a xestión urbanística, o modelo de desenvolvemento previsto para determinados barrios, o incremento da vivenda pública, maior protección para a zona do Carme ou a potenciación dos núcleos rurais.

A nacionalista Paz Abraira Sobrado e o socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro traballarán para crear un documento base común para eliminar as principais discrepancias existentes no que ao PXOM se refire.

BNG e PSOE decidiron comezar por pechar un acordo programático no que estarían integrados asuntos como o Plan Xeral, o trazado da nova ponte sobre o Miño, a construción do novo auditorio, a posta en marcha do polígono industrial das Gándaras, a construción nas Costas do Parque Rosalía ou a política laboral do Concello e deixar para unha segunda fase a configuración do Goberno e o reparto das distintas áreas.

A este respecto, o BNG xa deixou claro que non aceptará "rebaixas" no acordo marco asinado en Santiago polas direccións do BNG e o PSOE, algo que foi asumido por parte dos negociadores socialistas: Luis Ángel Lago Lage, Francisco Fernández Liñares e José Ramón Gómez Besteiro.

A ausencia de Orozco
A preguntas dos xornalistas, o voceiro da delegación nacionalista, Xesús Méndez, referiuse tamén á ausencia de Orozco nas negociacións. "É unha decisión ou ben de Orozco ou ben do PSOE que o BNG respecta", dixo Xesús Méndez, quen sen embargo chamou a atención sobre o feito de que sexa a única cidade de Galiza onde o candidato á alcaldía non participa nas negociacións.

A delegación negociadora do BNG está encabezada por Xosé Anxo Laxe e integrada polo número dous da candidatura, Antón Bao, a responsable local do BNG, Paz Abraira, e o responsable comarcal, Xesús Méndez.

Polo PSOE asistiron Luis Ángel Lago Lage, Francisco Fernández Liñares e José Ramón Gómez Besteiro, secretarios provincial, comarcal e local da agrupación socialista respectivamente.

O voto do BNG na sesión de investidura
O voceiro nacionalista nas conversas explicou tamén que o voto do BNG na sesión de investidura do sábado "ateráse" ao estabelecido no acordo marco, polo que, no caso de Lugo, "caben dúas posibilidades: o voto a favor da investidura do candidato do PSOE ou a abstención". Neste sentido, Xesús Méndez explicou que a decisión final estará "en función de como avancen as negociacións de aquí ao sábado".

BNG e PSOE acordaron traballar por separado esta tarde na redacción dun primeiro borrador de programa e volver a xuntarse mañá venres novamente ás 10:00 horas para tentar pechar un acordo programático antes de entrar na segunda fase das conversas, a composición do Goberno.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com