Redacción 13 de xuño de 2007 Máis de 1.800 estudantes dos diferentes programas de intercambio nos que participa a Universidade de Santiago de Compostela (Erasmus, Séneca e intercambios bilaterais), poderán participar durante o vindeiro curso académico no PAE (Programa de Acompañamento de Estudantes), grazas ao cal coñecerán a lingua e a cultura galegas á súa chegada aos campus de Santiago e Lugo, ademais de recibiren orientación sobre a propia universidade por parte de alumnas e alumnos galegos da mesma.
O proxecto, que forma parte do Voluntariado de Activación Lingüística (VAL) organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, serve ademais para institucionalizar na USC o servizo de apadriñamento ou amadriñamento de estudantes foráneos que existe na maioría das universidades europeas.
O programa presentouse esta mañá no Colexio de Fonseca nunha conferencia de imprensa na que participaron o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández; o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela; e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón.
Callón animou a todos os estudantes a participar no programa de voluntariado, que está funcionando xa con éxito noutros eidos e que se vai ir estendendo paulatinamente a todo o país. Pola súa banda, Lourenzo Fernández salientou a necesidade de que o estudantado da USC se comprometa co proxecto para poder atender axeitadamente aos alumnos foráneos, e explicou que o programa vén a cubrir unha demanda que xa existía na realidade, e que conta co apoio das diferentes asociacións estudantís que traballan na universidade. O vicerreitor manifestou a necesidade de que os alumnos e alumnas que veñen de fóra "comprendan por qué aquí se fala algo que se chama galego", asunto polo que habitualmente se interesan moitos ao longo da súa estadía na Galiza.
No mesmo aspecto incidiu o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, quen afirmou que o VAL serve "para que os que veñen de fóra coñezan mellor a nosa realidade, a cultura e a lingua". Cela explicou que se trata "dun camiño de ida e volta", xa que o VAL en xeral e o PAE serven para achegar outras culturas aos voluntarios galegos.
O programa prevé diversas actividades en grupo, que comezarán a finais de setembro coa semana de recepción de estudantes foráneos, na que se realizarán diferentes visitas e na que os participantes poderán asistir a obras de teatro ou proxeccións de cinema en galego, así como demostracións gastronómicas ou roteiros históricos.
Os estudantes da USC que desexen ser voluntarios e os foráneos que se interesen por participar no programa deberán cubrir os correspondentes cuestionarios na páxina do VAL (www.valingua.org). Está solicitado un crédito de libre configuración para aqueles estudantes que participen no PAE.