Redacción 12 de xuño de 2007 O Movemento polos Dereitos Civís vén de lanzar unha campaña de recollida de sinaturas na rede para exixir a dimisión inmediata do Delegado do Goberno en Galiza, Manuel Ameijeiras. Desde que adquiriu o cargo, Ameijeiras é o responsábel directo do uso da violencia policial contra todo tipo de movementos sociais, segundo denuncia o colectivo.
A Delegación de Goberno español asumiu desde a partida un papel continuísta do recurte de liberdade e de dereitos propio do goberno do Partido Popular. Entendemos que estes feitos son inaceptábeis desde unha perspectiva democrática e exixen a asunción de responsabilidades:
Nesta fin de semana, nunha entrevista concedida a un medio de comunicación, Ameijeiras ratificabase na súa liña de actuación con frases tan lamentábeis como "non reparto subvencións, só teño porras e a facultade de mediar". Aínda pretende aplicarase un papel vitimista -ante as múltiples críticas que esperta a súa actuación e o uso sistemático das "porras"- ao afirmar que o seu posto é como estar "na cadeira eléctrica". É dun cinismo absoluto esa comparación provinte dun alto cargo do goberno español, cando son ducias as persoas que si sofreron violencia, golpes e contusións, e cando o patrón maior de Ferrol, Bernardo Bastida, atópase nestes días na prisión por protestar dentro do conflito de Reganosa, por responsabilidade directa de Ameijeiras.
Minte flagrantemente ao afirmar que só intervén a policía "cando non queda máis remedio", a menos que entenda que isto é case sempre, trátese de movementos sociais, sindicalistas, movementos políticos, ambientalistas, deportivos, organizacións xuvenís ou inmigrantes, en situacións diversas como a folga do metal en Vigo, as manifestacións de Atento na Coruña, ou recentemente o conflito de Reganosa en Ferrol. O que esquece sempre é o segundo recurso do que ao parecer dispón, a "capacidade de mediar"; do MpDC reiteramos que os conflitos existentes non se poden resolver por medio da policialización e a criminalización da sociedade galega; non hai máis que comprobar como na citada entrevista refire como ante unha folga como a do naval, a primeira medida é desprazar a máis de 500 policías, e aínda recoñecer que os "servizos de información" -os policías á paisana- tiñan unha presenza moi activa entre os traballadores.
Entendemos que estes feitos son inaceptábeis desde unha perspectiva democrática e exixen a asunción de responsabilidades: é o momento de que Ameijeiras dimita e de que o pobo galego responda facéndolle saber á Delegación do Goberno que non estamos dispostos a aturar máis esta situación.