ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Sección Sindical da CIG en Caixa Galiza: Banco Mundial vs. Caixa Galiza

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 06 de xuño de 2007 O escándalo protagonizado polo Presidente Paul Wolfovich no Banco Mundial, despois de que ascendese a unha traballadora coa que mantiña unha relación sentimental, ten provocado a súa caída. Pola contra en Caixa Galiza a Consellería de Economía e o bipartito que goberna a Xunta de Galiza mira para outro lado. O mesmo sucede con outras administracións públicas presentes nos órganos de goberno da Entidade.

Hoxe por hoxe as Caixas de Aforros aínda son empresas baixo control público, cunha forte presenza das administracións públicas nos órganos de goberno. Corresponde á Xunta de Galiza o seu control, as Caixas de Aforros son unha das poucas competencias exclusivas estabelecidas no Estatuto de Autonomía de Galiza.

O que está pasando en Caixa Galiza sorprende pois, tanto polo silencio administrativo, como polo silencio mediático, así como polas complicidades políticas.

O xerente de Caixa Galiza, José Luis Méndez López ten colocado aos seus fillos na empresa, ocupando directamente postos de alta dirección. O caso máis grave é o de José Luis Méndez Pascual que ocupa o cargo de Conselleiro Delegado na Corporación Caixa Galiza, CXG.

Caixa Galiza ten externalizado parte dos activos da empresa, en concreto os recursos propios investidos en terceiras empresas a través desta Corporación. É dicir o fillo de Méndez decide a política de investimentos á marxe dos órganos de goberno de Caixa Galiza, xa que CXG posúe órganos de goberno propios. Derivado destes investimentos a Caixa ten representantes nos Consellos de Administración de empresas tanto cotizadas en bolsa como non cotizadas.

José Luis "fillo", representa a Caixa Galiza no Consello de Administración de empresas participadas, as retribucións que se perciben por participar nestes Consellos parece ser que forman parte do seu salario. Subliñar que os Estatutos doutras Caixas de Aforros obrigan a ingresar na respectiva Caixa este tipo de ingresos. As participacións empresarias son da Caixa e polo tanto os ingresos tamén.

Por outra parte no mes de xaneiro e marzo a empresa abonou unha retribución variábel, un complemento salarial opaco, en todo caso é a primeira vez que Caixa Galiza crea un complemento salarial sen pactalo previamente coa representación sindical.

O Consello de Administración aprobou o monto total destinado a este complemento, pero ninguén coñece canto cobraron os fillos de Méndez por este concepto nin quen aprobou a contía a abonar.

José Luis Méndez López meteu aos seus fillos na Caixa, ascendeunos até ocupar os máis altos postos Directivos, reciben un salario por ser empregados, reciben ingresos por representar á Caixa nos Consellos de Administración de outras empresas e reciben suculentas e opacas retribucións variábeis. Semella moito máis do que fixo Paul Wolfovich no Banco Mundial, pero en Galiza os anos de "Fraguismo" semellan ter vacinado á sociedade fronte ao nepotismo.

Vai sendo hora de que a Xunta de Galiza, en concreto a Consellería de Economía, exerza as competencias estabelecidas no Estatuto de Autonomía e controle de xeito efectivo a xestión das Caixas de Aforros Galegas. Escándalos deste tipo na maior Entidade Financeira do país, nunha Caixa de Aforros, son inadmisíbeis nunha sociedade democrática en pleno século XXI.



Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com