Redacción 06 de xuño de 2007 O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o presidente de Gas Galiza, Antoni Peris, presentaron hoxe o convenio de colaboración asinado pola Consellaría e a empresa co fin de desenvolver a cuarta fase do plan de gasificación de Galiza.
Este convenio de colaboración enmárcase nas bases da Estratexia Energos II da Consellaría de Innovación e Industria, que ten por obxectivo ampliar e mellorar as infraestruturas da rede gasista no noso país para garantir a subministración de gas natural naqueles concellos cuxo potencial de desenvolvemento se considera prioritario na actualidade.
Os investimentos necesarios, que ascenden a 18.794.000 euros, permitirán levar o subministro de gas natural aos municipios coruñeses da Pobra do Caramiñal, Ares, As Pontes de García Rodríguez, Bergondo, Boiro, Cerceda, Mugardos, Rianxo, Ribeira e Sada; así como aos termos pontevedreses da Guarda, Bueu, Miño, O Grove, Ponteareas, Salceda de Caselas, Salvaterra do Sanxenxo e Tomiño. Tamén está previsto levar o subministro aos principais núcleos de poboación da Mariña lucense como son Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, Viveiro e Xove.
Na cuarta fase do plan de gasificación de Galiza, que se desenvolverá durante os próximos 4 anos, construiranse preto de 100 quilómetros de redes e ramais de distribución industrial e doméstico-comercial, que permitirán levar o gas natural a 25 novas localidades da comunidade, creando 39.947 puntos de conexión, así como a distribución de gas aos polígonos industriais de Penapurreira, nas Pontes, O Acevedo, en Cerceda, e O Pousadoiro, en Vilagarcía de Arousa.
A chegada do gas natural a estes 25 concellos é o resultado da colaboración entre o Goberno galego e a empresa distribuidora para o desenvolvemento e a mellora da calidade de vida dos seus cidadáns, que poderán terán acceso ás vantaxes e á comodidade do gas natural.
Plan de Gasificación de Galiza
A primeira fase de gasificación, que se iniciou en 1998, levou o gas natural ás sete principais cidades do noso país, así como ás respectivas áreas metropolitanas. A segunda fase consistiu na construción de infraestruturas e instalacións gasistas para o subministro de gas natural aos municipios de Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Curtis, Gondomar, Marín, Moaña, Nigrán, Redondela e Vilanova.
A terceira fase de gasificación, que se está executando na actualidade, permitiu a posta en funcionamento dunha planta de gas natural licuado (GNL) en Sanxenxo e a próxima inauguración doutra planta en Cee. Así mesmo, estase construíndo un ramal que, partindo dende Abegondo, permitirá iniciar a distribución de gas natural nos municipios coruñeses de Betanzos e Miño.
A rede de distribución de Gas Galiza e Gas Natural Coruña contan na actualidade cunha rede de distribución que supera os 1.700 quilómetros de lonxitude e distribúen gas natural a 44 municipios de todo o país, entre as que están as cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo e as súas respectivas áreas metropolitanas, o que supón máis de 175.000 puntos de subministro en toda Galiza.
Estratexia Energos
A IV fase de gasificación de Galiza enmárcase na Estratexia Energos da Consellaría de Innovación e Industria para o desenvolvemento enerxético integral de Galiza, unha resposta da Consellaría aos retos formulados no campo da enerxía para o presente cuadrienio (2006-2009). Esta resposta baséase na diagnose da situación actual e da definición de escenarios de xeración, distribución e consumo para ese período. Energos abrangue toda a actuación da Consellaría en materia enerxética para facer da enerxía unha fonte de riqueza para o conxunto da sociedade galega a partir dunha concepción sustentábel e socialmente responsábel da explotación e distribución da enerxía. O convenio presentado hoxe dá cumprimento ao programa de gasificación de Energos para Galiza.