Redacción 06 de xuño de 2007 Coa presenza dos representantes das organizacións asinantes, vense de presentar o Comité Galego de Apoio á Campaña Mundial para a Profunda Reforma do Sistema de Relacións Internacionais, unha iniciativa promovida polo Foro Ubuntu que pretende destacar as carencias dos organismos multilaterais globais coma as Nacións Unidas, o Fondo Monetario Internacional ou o Banco Mundial e impulsar a súa democratización a partir do movemento social.
Xabier Macías de Galiza Sempre, Manuel Dios do Seminario Galego de Educación para a Paz, Roberto Mansilla polo IGADI, Estela Mouriño da Coordinadora Galega de ONGs, Manolo Barbeitos pola Fundación Luis Tilve e Uxío Breogán do FESGA, foron os encargados de dar a coñecer esta iniciativa, que tamén conta co apoio de ESCULCA, a Fundación 10 de Marzo, Xustiza e Sociedade e o IGESIP. Todos os participantes destacaron a necesidade de poñer en marcha esta "Campaña Mundial para unha Profunda Reforma do Sistema de Institucións Internacionais", partindo de que unha modificación nas estruturas das organizacións multilaterais globais pode conducir ao equilibrio da situación mundial e por ende, ao principio dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Ademais de chamar á cidadanía a unirse, de forma individual ou colectiva, a esta iniciativa.
O Comité Galego, que forma parte dunha longa lista de persoeiros e entidades que apoian esta campaña, pretende levar a cabo unha labor divulgativa nunha primeira fase, pero sempre con vistas á realización de accións encamiñadas a crear un movemento social, único xeito, dende o seu punto de vista, de suscitar o cambio nas institucións. O primeiro paso será enviar 300 cartas a asociacións galegas para que se sumen ao proxecto, para continuar con Concellos e representantes gobernamentais.