Redacción 06 de xuño de 2007 O Diario Ofical de Galiza publica hoxe o Decreto polo que se establece o procedemento para autorizar as permutas voluntarias de fincas rústicas, aos efectos de solicitar a exención do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Esta norma, que mañá entra en vigor, vai permitir que os titulares dos predios non teñan que tributar pola reordenación das terras como se se tratara dunha compravenda, podendo presentar as súas solicitudes de autorización no prazo dun mes, contados a partir do día seguinte á sinatura da escritura pública da permuta.
Para poder obter este beneficio fiscal, os propietarios que realicen as permutas deberán presentar unha solicitude diante da Consellaría do Medio Rural e cumprir os seguintes requerimentos:
- formalizar a permuta en escritura pública
- realizar o cambio entre fincas rústicas de semellante valor
- manter as parcelas durante un período mínimo de cinco anos dedicadas a un uso agrario ou á edificación de instalacións asociadas á explotación agropecuaria, agás nos supostos de expropiación para a construción de infraestruturas públicas
- que a realización da permuta favoreza a explotación das leiras obxecto do cambio.
No caso de que se trate de montes comunais deberase aportar o certificado de estaren inscritos no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común. Os beneficiarios poderán ser tanto persoas físicas como xurídicas que deberán presentar as solicitudes na Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, que será o órgano competente para a súa tramitación.
Para comprobar o valor das fincas permutadas empregarase a información emitida pola oficina catastral e o prazo para resolver e notificar as resolucións será de tres meses contados desde o día en que se formalicen as solicitudes.