Redacción 06 de xuño de 2007 Dada a incompatibilidade de uso do termo "Universidade", e cargos asociados como "reitor", "vicerreitores", etc., tal e como se contempla na actual Lei de Universidades (modificada en abril de 2007), o proxecto asociativo denominado "Universidade Autónoma do Atlántico" (Uniat) non poderá concretarse baixo a súa forma actual. Os responsábeis da entidade definirán esta semana unha alternativa harmoniosa co actual marco lexislativo.
Alertados pola Subdirección Xeral de Universidades da Xunta de Galiza, as entidades promotoras decidiron conxelar temporalmente o proceso de constitución, até que se encontren vías alternativas para a súa configuración final. O proxecto manterá o seu carácter de plataforma de ensino articulada baixo a fórmula de federación de entidades privadas sen ánimo de lucro, se ben que unha denominación diferente (estanse a considerar os termos Escola ou Instituto, entre outros).
Conformada inicialmente por doce entidades, trátase dunha iniciativa baseada integramente no tecido organizativo da sociedade civil, con plena independencia de poderes públicos e intereses comercias e cun compromiso firme polo desenvolvemento local. A fórmula definitiva da organización presentarase o día 16 de xuño, na súa sede de Campo de Pazos (Taragoña, Rianxo) nun acto no que se servirá un viño amenizado con música popular.
Finalmente, o representante do Consello Reitor, Joám Evans, pediu desculpas en nome de todas as entidades implicadas pola posíbel confusión que a presentación pública do proxecto puidese xerar no marco do sistema de ensino superior galego, deixando patente que "en ningún momento se pretendeu camuflar a iniciativa como unha universidade convencional" atendendo sobre todo ás "necesidades de formación ao longo da vida das comunidades locais".
Non obstante, os cursos organizados pola Universidade de Santiago de Compostela (Investigación, innovación e desenvolvemento: novos marcos, novos retos) e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (Curso de Especialización en Estudos Árabes e Islámicos), cos que inicialmente colaboraría esta iniciativa, celebraranse tal e como estaba previsto, se ben que sen a presenza formal desta Plataforma como tal.