Redacción 06 de xuño de 2007 Anxo Quintana solicitou, en nome do BNG, que o presidente do goberno estatal, Jose Luís Rodríguez Zapatero, "convoque a todas as forzas políticas do arco parlamentar, fundamentalmente para fraguar un acordo de unidade de todos os demócratas" ante a ruptura do alto ao fogo de ETA.
O máximo dirixente do BNG afirmou que "este é un momento para a unidade", e que este pacto de todas as forzas políticas con representación no Congreso debe servir, en primeiro lugar "para que ETA saiba que non vai conseguir nada pola vía da violencia" e en segundo lugar, "para que ninguén teña a intención de sacar rédito partidario e partidista dunha situación tan lamentábel coma esta".
Rexeitar a violencia
Quintana afirmou que "resulta inaudito que en pleno século XXI haxa xente que pretenda impor as súas propostas pola vía da violencia, unha vía que non leva a ningunha parte e que toda a sociedade, do Estado e especialmente a galega, rexeita con toda contundencia".
Acusou, así mesmo, á organización terrorista ETA de pretender "marcar a axenda política e suplantar o diálogo polas armas".
Apoio ao goberno
O portavoz nacional do BNG lembrou que esta organización apoiou ao goberno para "explorar todas as vías de diálogo que lle permitisen buscar a fin da violencia", e expresou agora "a total disposición do BNG para construír unha unidade real de todos os demócratas para que ETA desapareza das nosas vidas".