ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*OCV deseñaun captador solar de alta eficiencia adaptado á climatoloxía galega co apoio de Innovación e Industria
· Comercializarase a partir do último trimestre do ano e está pensado tanto para usos domésticos como para un aproveitamento industrial

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 04 de xuño de 2007 A empresa cambadesa OCV poñerá no mercado nos próximos meses o REISOL, un captador solar térmico de alta eficiencia enerxética, adaptado á climatoloxía de Galiza e ecolóxico na súa fabricación. A Feira Enernova de enerxías renovábeis, que se celebrará en Vigo a partir do próximo día 6 de xuño, será o primeiro escaparate para o captador de OCV, unha compañía de recente creación que xorde dentro de INELSA, empresa con ampla experiencia dentro do campo das enerxías, da enxeñaría e das instalacións.

A Consellaría de Innovación e Industria subvenciona o deseño e a posta en marcha do sistema produtivo, loxístico e de xestión de OCV a través da convocatoria de axudas de Fomento da Innovación Empresarial, aportando unha axuda total de 175.712 euros, da Dirección Xeral de I+D+i.

O proxecto de OCV é a continuación do traballo do departamento de I+D+i de INELSA, que contou xa co apoio da Consellaría de Innovación e Industria no ano 2005. A fase actual do traballo supón a materialización da investigación, de aí que no REISOL se utilicen, segundo os responsábeis do traballo, as tecnoloxías máis avanzadas e materiais máis innovadores, á vez que se planifica un sistema de xestión integral que optimice os beneficios da comercialización. Paralelamente á comprobación do bo funcionamento dos prototipos xa instalados, estanse a realizar ensaios e probas de calidade nun laboratorio alemán para que, unha vez que se obteñan os resultados, proceder á homologación e ao lanzamento do produto.

Javier Moreno, director xerente de OCV, explica que o novo captador ten un maior rendemento cunha superficie semellante aos que existen no mercado e que, ademais, o deseño é innovador tanto polo seu peso como pola súa manexabilidade. As medidas axéitanse á ergonomía que se require na montaxe, tendo en conta as circunstancias particulares que poden aparecer en cada instalación, sobre todo en zonas perigosas como son as cubertas dos edificios.

O estudo de mercado realizado por INELSA concluiu que o sector das enerxías renovábeis e, en concreto, da enerxía solar, seguirá medrando en Galiza, co que se demandarán produtos cada vez máis eficaces e empresas con medios técnicos avanzados e persoal altamente cualificado. No entanto, as condicións climatolóxicas complican, como explica Javier Moreno, o aproveitamento deste recurso. Para adaptarse a estas circunstancias, no deseño do REISOL tivéronse en contaa variación da radiación solar, das temperaturas, dos ventos e da humidade, factores que interveñen no rendemento do captador. Da análise destes factores obtivéronse conclusións importantes, como a necesidade de reforzar o illamento interno ou de aumentar a superficie de apertura de captación sen variar a superficie bruta do captador.

Confianza na boa acollida
O captador térmico de OCV ten diferentes aplicacións, que van desde as domésticas até as industriais. É axeitado para vivendas, almacéns, fábricas, instalacións deportivas e colexios. Javier Moreno está convencido de que o REISOL será un éxito no mercado. "Tendo en conta que a nosa produción representa menos dun 1% das necesidades estimadas do mercado español para 2008, estamos convencidos de que o captador terá unha grande acollida que nos anime a incrementar a nosa capacidade produtiva", afirma.

Xa desde principios de 2007, OCV está a realizar unha intensa campaña comercial en Galiza. Ademais, o produto será presentado na próxima feira das enerxías renovábeis ENERNOVA, que terá lugar a partir do próximo día 6 de xuño no Recinto Feiral IFEVI de Vigo. Posteriormente, comezarán a vendelo a través dos grandes distribuidores de material de fontanería, calefacción e sanitario.

Desde o inicio do proxecto, OCV colaborou con dous grupos de investigación da Escola de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Vigo. En aspectos técnicos e relacionados co deseño, traballa co Grupo de Enerxía Solar e Refrixeración (GENER), dirixido polo catedrático Manuel Vázquez, con experiencia en estudos de radiación solar de Galiza.

Pola súa banda, o Grupo de Enxeñería de Organización (GIO), colaborou no desenvolvemento dos procedementos de calidade e medioambientais para a obtención dos certificados ISO 9000 e 14000 e en estudos sobre o mercado da enerxía solar térmica.

As ferramentas para a xestión do proceso produtivo corren a cargo de Imatia, unha "spin-off" xurdida da Universidade de Vigo. Ademais dunha aplicación de xestión integral, Imatia desenvolve unha innovadora ferramenta para o cálculo de instalacións con captadores solares que servirá como ferramenta nos programas de formación que OCV vai ofrecer aos instaladores.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com