Redacción 04 de xuño de 2007 O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) traballa nun sistema completo de optimización da visibilidade para a condución en condicións de luz baixas ou desfavorables. O faro será o primeiro do mundo en integrar un sistema de visión adaptativa baseada en tecnoloxía LED e outro de visión nocturna con infravermellos. Os responsables do proxecto confían en que o resultado sexa atractivo para a industria tanto pola efectividade ao adaptarse ás condicións de luz como pola simplicidade mecánica e a liberdade no deseño.
A investigación do CTAG comezou o ano pasado e estará rematada a finais de 2008. Neste período, a Consellaría de Industria achegará un total de 80.000 euros a través do Programa de Tecnoloxías de Deseño e Produción Industrial, da Dirección Xeral de I+D+i.
Novidade tecnolóxica mundial
A primeira novidade que presenta este sistema é a utilización en automoción da tecnoloxía LED, baseada nun semicondutor que converte a electricidade en luz sen necesidade de que esta última se xere a través de filamentos. Utilizarase para desenvolver un sistema adaptativo, é dicir, que se axuste ás condicións de luz, de visibilidade e de climatoloxía que se atope o condutor na estrada.
Existen xa faros adaptativos con outras tecnoloxías que permiten variabilidade segundo as condicións atmosféricas, pero que presentan limitacións como a dependencia de motores eléctricos para a orientación. Os faros nos que traballa o CTAG adáptanse de xeito automático ás condicións, co que a resposta ante unha circunstancia adversa é inminente. Aínda que hai xa algún tempo que se baralla a posibilidade de usar LED nos coches, os problemas derivados da falta de potencia lumínica condicionan o seu desenvolvemento na industria.
Este é, para os responsables do CTAG, un dos maiores retos. A tecnoloxía LED dá máis garantías en canto á durabilidade da fonte de luz e ao menor consumo, pero o seu uso require un esforzo por parte dos investigadores. Marga Sáez, do equipo de investigación do CTAG, explica que buscaron provedores de LEDs e que, neste momento, contan cos máis potentes e precisos do mercado. Isto, sumado ao desenvolvemento da óptica que están a facer, permitiralles proxectar a luz de maneira que os faros teñan a potencia necesaria. Actualmente, estudan a óptica máis axeitada e están a traballar no hardware.
Dous sistemas de infravermellos
Se o LED permite adaptar o sistema de luz do coche ás condicións exteriores, os raios infravermellos compensarán as carencias de visión do condutor en condicións desfavorables para o ollo humano. Engadirase nova información á visión ben sexa a través de resaltar o contraste térmico dos obxectos, ben amosando a reflexión das ondas infravermellas nos obxectos.
O sistema de infravermellos pode ser afastado ou achegado. O sistema afastado baséase na enerxía que emiten todos os corpos polo feito de ter unha temperatura. Esta enerxía pode ser captada por unha cámara térmica de xeito que se amosen os corpos. O problema para a súa instalación no sistema de visión nocturna é que calquera cristal que se utilice para protexela actuará como espello, de maneira que tiveron que integrala no dispositivo de xeito que quede cuberta pero sen ningunha protección específica.
O outro sistema de infravermellos é o achegado. A diferenza do anterior, é un sistema activo xa que precisan dunha fonte de luz adicional para conseguir unha reflexión de ondas nos obxectos. Esas ondas reflectidas son captadas pola cámara de visión CMOS. Unha vez que xa integraron unha cámara destas características, os investigadores están a traballar nas fontes de luz adicionais.
O CTAG espera situarse con este proxecto á cabeza da tecnoloxía de iluminación no sector da automoción. Dentro do seu obxectivo xeral de dar soporte tecnolóxico a este sector industrial, hai unha meta particular: adiantarse ao desenvolvemento dun sistema de iluminación que, segundo as súas estimacións, se imporá nos próximos anos. Até finais de 2007 non se homologará a tecnoloxía LED para os coches, co que até entón non se poderá ver un faro destas características nun vehículo de serie. En canto aos infravermellos, podemos atopalo xa en coches de alta gama, pero o custo é elevado e, segundo o CTAG, cun "rendemento mellorable".