ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*A Mesa asesora ao pobo mapuche para conseguir a normalización e recuperación da súa lingua, o mapuzugun

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 04 de xuño de 2007 A Mesa pola Normalización Lingüística está a asesorar ao pobo mapuche na recuperación da súa lingua, o mapuzugun, presente nos estados chileno e arxentino. Froito desta colaboración, Celeste Carilao, do partido mapuche Wallmapuwen, visitou a Galiza entre o pasado 31 de maio e o 3 de xuño, recollendo toda a información posíbel sobre o caso galego.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que aseguraba en conferencia de imprensa que a súa organización se congratula de ser "tomada como un referente internacional", explicou que, tanto no caso galego como no do pobo mapuche, "falamos dun pobo negado cunha lingua negada".

Pola súa banda, Celeste Carilao, que antes de pasar por Galiza visitou Bretaña e Euskal Herria, analizou a situación actual da súa lingua, que se calcula que actualmente falan arredor de cen mil persoas, aínda que, asegurou, "non existe un estudo rigoroso ao respecto". Carilao explicou que tampouco hai polo momento unha normativa para o mapuzugun, un idioma cunha dificultade engadida: os seus falantes divídense en dous estados, Arxentina e Chile. En Chile, de onde procede Celeste Carilao, o estado trata de impulsar a educación básica intercultural bilingüe, pero, na opinión da representante mapuche, ensínase a cultura xeral do seu pobo pero só dunha forma "moi folclorizada".

Carilao expresou a súa intención de continuar unha relación fluída coa Mesa e con Galiza, un exemplo escollido porque "tamén se trata dunha lingua minorizada que se atopa nun momento máis avanzado de recuperación". Na súa visita, Celeste Carilao tivo a oportunidade de coñecer a estrutura interna da Mesa e a súa forma de organización, así como precedentes históricos como as Irmandades da Fala. Tamén coñeceu outras organizacións como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e tivo ocasión de reunirse con expertos como Xosé Ramón Freixeiro Mato.

A revista Longa Lingua, editada pola Mesa, inclúe no último número, que acaba de saír á rúa, un análise en profundidade sobre a situación da lingua mapuche realizado por Víctor Naguil, responsábel de relacións internacionais do partido Wallmapuwen.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com