ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*As Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR): nin eficientes, nin rendíbeis.

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 7 de xullo de 2010 A Consellaría do Medio Rural vén de presentar o pasado 5 de xullo unha nova figura societaria para a xestión conxunta das propiedades privadas forestais, as Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR). Diante da idea exposta a Asociación Montes da Galiza (MONTEGAL), integrada na Federación Rural Galega (FRUGA) realiza as seguintes consideracións:

1.- Logo dunha parálise de case ano e medio dos procesos de agrupación da propiedade do monte encetados durante a lexislatura anterior, o Conselleiro do Medio Rural e o Director Xeral de Montes presentan esta figura á que lle queda aínda un longo percorrido para entrar en funcionamento, o que significa un retraso maior para a posta en valor das propiedades privadas forestais. Engadir que segundo o exposto na presentación, as SOFOR non veñen mellorar substancialmente os sistemas de reagrupamento existentes (uxfor, cooperativas).

2.- A personalidade xurídica que se pretende outorgar ás SOFOR é a dunha Sociedade de Responsabilidade Limitada, o que vai provocar un aumento nas obrigas documentais, tributarias e burocráticas para as persoas que se integren e complicará a súa xestión. Segundo o proxecto esta figura societaria provocaría un aumento dos tributos sobre os beneficios e requiriría dun sistema de contabilidade complexo que non se adapta aos ciclos produtivos forestais.

3.- As Sociedades de Fomento Forestal permiten a entrada de capital alleo ao monte no capital social da entidade nas mesmas condicións que as persoas propietarias. A limitación ao 49% desta participación non garante que persoas alleas ao monte decidan as actuacións a levar a cabo, roubándolles capacidade de decisión aos propietarios/as lexítimos/as da terra. Isto supón directamente a entrada do capital especulativo na xestión do monte galego.

4.- A xestión racional e sustentábel do monte, a diferencia doutras producións agrarias, require dunha visión a longo prazo. No acto de presentación das SOFOR insistiuse vigorosamente na obtención de beneficios monetarios a curto prazo, modelo que se demostrou que non funciona, pois é un dos principais responsabeis dos graves problemas que afectan ao sector na actualidade. Situacións como os incendios forestais, o abandono das superficies, o ataque de patóxenos están directamente relacionadas coa visión de obter rendas a curto prazo sen medir as consecuencias futuras.

5.- O sistema proposto privilexia a aquelas zonas con maior desenvolvemento, pois é onde se dispón do capital necesario para poñer en marcha unha SOFOR, agravando as diferencias con aquelas zonas máis desfavorecidas. Resultará entón, un panorama aínda máis desigualitario privando a aqueles lugares que máis o precisan de ferramentas útiles para a xestión dos seus recursos. Polo tanto os obxectivos sinalados pola Administración galega de evitar o abandono e valorizar o monte non se verán cumpridos.

Diante do exposto, a Asociación Montes da Galiza, insiste na necesidade da Ordenación do Territorio e dos aproveitamentos, dado que somos conscientes do problema estrutural relativo á propiedade (atomización, despoboamento,...). Este proceso só é posíbel coa participación activa e democrática da sociedade; a xente do rural non debe converterse en mera espectadora do planeamento deseñado por entidades que lle son alleas.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2008 ArroutadaNoticias.com