Redacción 31 de xullo de 2007 O informe crítico do Consello de Contas sobre a Fundación Cidade da Cultura durante a etapa do anterior goberno coincide co que a Consellaría de Cultura leva afirmando desde o cambio de goberno. En distintas comparecencias parlamentarias e informacións aos medios fíxose referencia á falla de planificación, ao ocultismo na comunicación do proxecto, á falla de conexión co sector cultural de Galiza e á ausencia dun verdadeiro proxecto cultural por parte do goberno do Partido Popular.
O informe do Consello de Contas fai referencia á xestión desenvolvida pola Fundación Cidade da Cultura desde o seu nacemento en 1999 até o 31 de decembro de 2004. Desde o cambio de goberno, en agosto de 2005, a Consellaría de Cultura e Deporte tomou cartas no sistema de xestión do proxecto e elaborou un verdadeiro contido cultural.
Transparencia e implicación do sector cultural
Para o deseño deste proxecto de contidos a Consellaría sustituíu o sistema de ponencias asesoras, cuxo resultado criticou o Consello de Contas, e implicou o sector cultural galego e ás principais institucións culturais do país. A Fundación contou coa implicación de institucións de cabeceira como o Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega.
Así mesmo, a Consellaría de Cultura decidiu sacar do oscurantismo o proxecto da Cidade da Cultura, actuando con total transparencia inexistente ata o cambio de goberno, e establecendo un proceso participativo co sector cultural para inserir a Cidade da Cultura nas necesidades e horizontes da cultura galega.
Un total de 240 representantes de todos os sectores da cultura e da ciencia en Galiza participaron durante semanas neste diálogo aberto. Aí estaban presentes profesionais e expertos de artes escénicas, música popular, lingua, literatura, artes visuais, cultura e sociedade, audiovisual, cultura tradicional, cultura científica, creación en Internet e música clásica.
Proxecto cultural presentado no Parlamento
Por outra banda, a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, proporcionou información polo miúdo ao Parlamento en diversas ocasións sobre a evolución da Cidade da Cultura e, moi especialmente, sobre o proxecto cultural deseñado polo seu departamento. A día de hoxe, a Cidade da Cultura conta cun proxecto de contidos para facer que este complexo contribúa ao fortalecemento da cultura galega e á súa promoción internacional. Este proxecto foi exposto pola conselleira perante o Parlamento de Galiza o día 27 de decembro de 2006 e, desde entón, pode ser consultado publicamente na páxina web da Consellaría e da Fundación.