ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*O BNG considera innecesario un director xeral para a Policía Local de Lugo

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 26 de xullo de 2007 O grupo municipal do BNG reiterou hoxe o seu rexeitamento ao nomeamento dun director xeral para a Policía Local, ao consideralo “innecesario”. Os nacionalistas afirman que Lugo non precisa desta figura porque ten un inspector xefe da Policía Local. “Non ten sentido que unha cidade coma Lugo teña na Policía Local un inspector xefe, un coordinador, que foi nomeado por este equipo de Goberno do PSOE, e ademais agora, por riba, un director xeral”, afirmou hoxe Paz Abraira, que lembra o “fiasco” do anterior director xeral de Policía, Sergio Ruíz Platero, que só estivo 4 meses no cargo.

O BNG entende que a Policía Local de Lugo precisa “un xiro” pero considera que este non se vai producir co nomeamento dun director xeral.

Para o BNG, este nomeamento demostra ademais que o novo concelleiro de Protección á Comunidade, José Rábade, non se sinte capacitado para dirixir á Policía Local. Os nacionalistas agardarán a que José Rábade volva de vacacións para lle preguntar cales van ser os cometidos do novo director xeral.

Un alto custo para a Policía Local de Lugo
O custo deste novo cargo directivo será de 58.000 euros ao ano, unha cantidade que supón tanto como custou poñer GPS a todos os vehículos da Policía Local (60.000 €), a compra de radioteléfonos, pistolas e lanternas (63.000 €) ou crear a rede Informática da Policía Local (65.000 €).

O BNG critica ademais que a contratación de Darío Diéguez incida na estratexia do Goberno local do PSOE de contratar a persoas afíns.

A responsabilidade do PP no nomeamento
O BNG responsabiliza “a partes iguais” ao PP e ao PSOE da contratación dun director xeral para a Policía Local de Lugo. O BNG afirma que se trata dun “nomeamento compartido” froito “das frecuentes coincidencias entre PP e PSOE no Concello nos últimos tempos”. A concelleira do BNG Paz Abraira pide ao PP “que non se desmarque do nomeamento de Darío Diéguez porque parte do mérito é seu”. Así, os nacionalistas lembran que presentaron no último Pleno de Organización do Concello unha proposta para suprimir esta praza de director xeral e o PP decidiu non apoiar a proposta do BNG e permitir deste xeito ao Goberno en minoría de Orozco efectivizar este nomeamento.

O BNG lembra ademais que o nomeamento de Darío Diéguez, anunciado mentres o concelleiro de Protección á Comunidade está de vacacións, ten lugar valéndose da Lei de Grandes Cidades, e que o BNG votou en contra no seu día, porque leva ao encarecemento da administración, mentres o PP e o PSOE si a apoiaron.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com