Redacción 2 de xullo de 2009 A Mesa pola Normalización Lingüística advirte de que, coas súas decisións de atacar a lingua propia de Galiza, a Xunta presidida por Alberto Núñez Feijóo está a desafiar o Consello de Europa. Este organismo internacional emitiu un contundente ditame hai seis meses no cal sinalaba unha serie de medidas para a nosa lingua que non só non están a ser adoptadas, senón que desde o actual Goberno galego se está a destruír todo o que o Consello avaliara positivamente.
No ámbito educativo, o Consello de Europa eloxiou as Galescolas e respaldou o decreto do ensino en galego, aínda que sinalando que eran precisas máis medidas de promoción da lingua propia, pois constataba que “non obstante as interesantes iniciativas emprendidas polas autoridades, o número de alumnos e alumnas que reciben educación escolar en galego segue sendo moi baixo.”
Este ditame do Consello de Europa produciuse como resultado da monitorización do nivel de aplicación por parte do Estado español da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, asinada por unanimidade do Congreso dos Deputados durante a presidencia de José María Aznar. Por iso, desde A Mesa pregúntanse con sorna “se Aznar será máis galeguista que Feijóo”, xa que o Goberno presidido por este último “está a vulnerar conscientemente este tratado internacional subscrito polo ex presidente español do seu partido”. A organización cidadá en defensa da lingua propia de Galiza reclámalle á Xunta do PP que “reingrese na legalidade do Estatuto e na legalidade internacional, fronte á crispación e á galegofobia de que agora mesmo fai gala”.